As Festas do barrio de San Pedro celebraranse dende este martes 25 ata o domingo 30 de xuño e prometen ser unha mistura de cultura, diversidade, entretemento e unión de barrio. Esta será a 21ª edición destas festas nas que se combinarán obradoiros, actividades e actuacións para todo o mundo, dende os máis pequenos ata os máis maiores.
Como conta a Xornal de Compostela Luca Dapena, unha das integrantes da comisión de festas, este ano son doce compoñentes, pero o traballo non sería posible sen o apoio de todos os voluntarios que poñen do seu esforzo para poder facer realidade as festas. Cada ano vaise unindo xente, para axudar en tarefas como quendas na barra, montar mesas, facer de cabezude e moito máis. O feito de contar con xente de todas as xeracións na organización permite que se poidan representar todas as ideas, os xeitos de ver a vida e os gustos. “Representar a San Pero como un barrio vivo e diverso” é o seu principal obxectivo.
A diversión e o entretemento son piares fundamentais deste evento, pero como resalta Luca, “buscamos a colaboración cidadá, para que se sintan partícipes”. As festas do barrio pertencen a toda a xente, xa que “as doce podemos facer moitas cousas, pero sen a xente que axuda é imposible”, e así se evidencia a través da iniciativa de Goteo. A financiación é un aspecto imprescindible para poder levar a cabo unhas fesas deste calibre, por iso piden a colaboración cidadá a través da plataforma de crowdfunding Goteo, “unha porta virtual para conseguir facer as festas”, na que ofrecen recompensas. Por outra banda, o apoio dos comercios e bares locais tamén é imprescindible, tanto economicamente como aportando ideas e iniciativas interesantes para a programación, ampliando así o tecido asociativo do barrio.
Á hora de preparar a programación, pensan en todos os detalles para que esta sexa fiel ás súas ideas. Defende a loita contra a turistificación, contra a xentrificación, contra a subida dos alugueiros e contra a individualización. A inclusividade e a accesibilidade son os requisitos principais desta comisión, adecuando o máximo posible todas as actividades para que poida participar todo o mundo. O pregón irá acompañado de lingua de signos, como xa fixeron en anos anteriores, para toda a comunidade xorda que vive en San Pedro. A inclusión de mulleres nos escenarios, actividades para nenos, para adolescentes, para maiores… “facer todo accesible é un dos nosos pilares” afirmaba Luca.
A unión de barrio reflíctese na comisión. “Somos como unha familia, temos un ambiente increíble, o amor de barrio tamén está na comisión”. Un grupo que ten moitas ganas e forzas postas nesta cita. “Do 25 ao 30 tes durante 6 días actividades comunitarias e que representan a un barrio que está vivo e que é diverso. Queremos saír á rúa a celebrarnos e respectarnos como barrio, enchendo a rúa de música, xogos e valor”, así animan aos veciños a que participen.
Este ano manteranse as actividades máis clásicas como as cabezudas ou a praza da ciencia, con obradoiros organizados xunto co CGAC, que como apuntan dende a comisión, ten un papel moi importante e involucrado na celebración das festas. Aquí podes ler a programación completa:
O martes 25:
- 18:00. Obradoiro de cabezudes ao que terás que levar unha caixa, unas tesoiras e un pincel na Praza de Iqbal Masih.
- 19:00. Merenda das letras na Praza da Lectura.
- 20:00. Lembras…o barrio?, unha xincana fotográfica polo Colectivo Galicia Emocional no Local da Comisión.
- 22:30. Cineclube Bonaval: “A Poeta Analfabeta” organizado por Cósmica Producións no Cemiterio de Bonaval.
Mércores 26:
- 17:30. Banco da memoria: Conversa con Xosé Luís Pazos Araújo e a Asociación De Xogos Tradicionais Compostela na Praza da Lectura.
- 20:00. Real Banda das Cadeiras Encartables na Cruz de San Pedro.
- 20:30. Pregón por Carmen Arrojo e María Rivademar, con lingua de signos na Cruz de San Pedro.
- 22:00. Coro Encaixe na Cruz de San Pedro.
- 23:00. Contada no Adro: María da Pontragha no Adro da Igrexa da Angustia.
- 23:00. Roteiro dos Morcegos na Praza da Igrexa de San Pedro.
Xoves 27:
- 17:00-19:00. Olimpíadas Olímpicas!: Quedada no CGAC de grupos formados por 3 nenos e 2 adultos no Cemiterio de Bonaval.
- 19:30. Cantos de Taberna: polos bares de Concheiros-Cruz: Pandeirada Sideral na Praza 8M.
- 21:00. Aula aberta de baile tradicional con Carme Campo
- 22:00. Concerto Bailaimalditos
- 23:30. Concerto Maricarme
- 00:30. Concerto Foliada
Venres 28:
- 18:00. Pasarrúas dos cabezudes cos Cincocentos pola Rúa de san Pedro.
- 18:00-21:00. Mundo Quark: Danza Cuantica no Espazo Ciencia.
- 19:00. Presentación do libro “A Santiago por San Pedro” de Eugenio González na Praza da Lectura.
- 20:00. Concerto Liskadakí na Praza da Angustia.
- 21:00. Concerto Las Sinsen na Praza da Angustia.
- 21:00. Carauta Teatro: “Balas sobre Broadway” no Don Bosco.
- 22:00. Noite no Lastro: Ulex na Praza 8M.
- 23:15. Noite no Lastro: Ash Diz na Praza 8M.
- 00:30. Noite no Lastro: Yaya DJ na Praza 8M.
Sábado 29:
- Durante todo o día estará a Feira das Asociacións na Cruz de San Pedro, o Mercado de Barrio na Rúa de San Pedro e a Expos de fotos antigas de Galiza Emocional.
- 11:00. Alboradas: “Doner & Kebaps” e “A Velas Vir”.
- 11:00-14:00. Praza da ciencia na Praza 8M.
- 11:30-13:30. Que pintas nesta festa?: Obradoiro itinerante de acuarela con María Meijide .
- 13:00. “The Sar Swing Quintet” e Baile espontáneo na Rúa Concheiros.
- 14:00. Sesión Vermú: Trío Rever.
- 17:00. Consertasso na Horta: Brais das Hortas na Praza da Igrexa de San Pedro.
- 17:30. Obradoiro de Dabke / Danza Palestina na Rúa Concheiros.
- 18-21. Xogos con Chafarís na Praza da Lectura.
- 20:00. Banda municipal.
- 21:00. Carauta Teatro: “Balas sobre Broadway” no Don Bosco.
- 22:00. Verbena con Trío Rever.
- 01:00. DJ Misa.
Domingo 30:
- 11:00. Alboradas: “Nao Fazmal” e “Airiños Domaycar”.
- 13:00. Baile tradicional: da xuntanza na Praza 8M.
- Grande Romaría: Cantina, polbo e churrasco.
- Bingo musical.
Neste enlace podes acceder á iniciativa de Goteo: https://gl.goteo.org/project/xxi-festas-do-barrio-de-san-pedro