InicioCULTURAO Festival Ateneo Barroco programa seis concertos e actividades arredor dos instrumentos...

O Festival Ateneo Barroco programa seis concertos e actividades arredor dos instrumentos da música antiga

A oitava edición celebrarase entre o 6 e o 20 de outubro en distintos espazos de Santiago e continuará o ciclo bianual 'Instrumental', iniciado en 2025

Publicado o

Por David M. Sobrino Platas

O Ateneo de Santiago presentou este mércores a oitava edición do Festival Ateneo Barroco, que se celebrará entre o 6 e o 20 de outubro en diferentes espazos da cidade. O acto contou coa participación do presidente da entidade, Francisco Candela; do director do festival, Víctor Carou; e do director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil.

A programación desta nova entrega incluirá seis concertos de abono, aos que se sumarán actividades complementarias como conferencias, sesións de cinema, club de lectura, encontros cos artistas e propostas de improvisación. Estes contidos paralelos daranse a coñecer nas vindeiras semanas e forman parte da liña de traballo coa que o festival procura ampliar a experiencia máis alá dos recitais.

Nesta oitava edición, o festival continúa o proxecto bianual iniciado en 2025 baixo o título ‘Instrumental’, centrado no papel dos instrumentos na música antiga e barroca. A proposta permitirá achegar ao público instrumentos con menor presenza nos programas actuais, como o quintón, o colascione, a arpa italiana de tres rexistros, a viola de roda, a zanfona, o fagot barroco, o clavecín ou a familia das violas da gamba.

Durante a presentación, Francisco Candela salientou que o Festival Ateneo Barroco “non se limita a definir unha programación de concertos”, senón que procura ofrecer “máis contido e máis profundidade” a través de actividades arredor dos repertorios, dos intérpretes, dos estilos e dos instrumentos. O presidente do Ateneo destacou tamén a vontade de manter unha política de prezos accesibles, con abonos de 35 euros para os seis concertos e de 25 euros para menores de 30 anos. Ademais, haberá un concerto adicional gratuíto na Capela Real do Hostal dos Reis Católicos.

O festival abrirase o martes 6 de outubro, ás 20:00, na Igrexa da Universidade, co regreso de Lina Tur Bonet, que presentará ‘Bach, partita, sonata. O violín do gran mestre’. O programa estará dedicado ás sonatas e partitas para violín só de Johann Sebastian Bach, xunto con obras de Heinrich Ignaz Franz von Biber e Nicola Matteis.

A segunda cita chegará o mércores 7 de outubro, ás 20:00, no Teatro Principal, con ‘A nova música. O nacemento da ópera’, unha proposta encargada polo festival a Ars Atlántica. O proxecto estará dirixido por Manuel Vilas, que tamén tocará a arpa italiana de tres rexistros, e contará coa soprano portuguesa Raquel Mendes.

O venres 9 de outubro, tamén no Teatro Principal, Resonet presentará en primicia ‘Os alegres días de Nápoles’, un proxecto liderado por Mercedes Hernández e Fernando Reyes tras un longo proceso de investigación. O programa terá como eixo a música nos tempos de Pedro Fernández de Castro, vicerrei de Nápoles e sétimo conde de Lemos. Participarán Mercedes Hernández, David Sagastume, Christian Losada, Paulo González, Rogerio Gonçalves e Fernando Reyes.

A programación continuará o martes 13 de outubro no Salón Teatro con Arc & Volta, o proxecto de Xurxo Romaní e Anna Casademunt, que presentará ‘Chorea Secundum Galliam’. A proposta xirará arredor da música cortesá francesa do século XVIII para viola de roda e viola de gamba.

A recta final comezará o venres 16 de outubro, ás 20:30, no Paraninfo da Universidade, co debut en Galicia do clavecinista francés Bertrand Cuiller. O músico ofrecerá ‘Ceo e terra’, unha viaxe musical desde os virxinalistas ingleses William Byrd e John Bull ata as sonatas de Domenico Scarlatti.

A clausura terá lugar o martes 20 de outubro, ás 20:00, no Salón Teatro, con Accademia del Piacere e Fahmi Alqhai, que presentarán ‘In dulci jubilo. Bach, a ineludible recreación’. O concerto proporá unha revisitación dos corais de Johann Sebastian Bach a través das violas da gamba, o quintón e o órgano.

Víctor Carou subliñou na presentación o compromiso do festival coa presenza de mulleres creadoras, intérpretes, artistas e investigadoras, así como coa participación de músicos galegos especializados nas músicas antigas. Segundo explicou, a programación combina esa presenza galega con artistas de traxectoria nacional e internacional.

Pola súa banda, Jacobo Sutil puxo en valor a calidade da programación, a participación de intérpretes galegos e o carácter singular dunha iniciativa privada promovida polo Ateneo de Santiago, co apoio de distintas administracións e entidades. O director de Agadic definiu o festival como unha proposta “de primeira orde” para Santiago, para Galicia e para o conxunto dos afeccionados á música antiga do noroeste peninsular e do norte de Portugal.

ÚLTIMAS

Santiago facilita a nova sede de Medicina Xenómica e adxudica por 251.420 euros a ampliación do saneamento en Formarís

A Xunta de Goberno Local de Santiago aprobou este luns, 10 de agosto, un...

As ANPA de Compostela apoian as familias do CEIP Quiroga Palacios e rexeitan as acusacións de “politización”

A Federación de ANPA de Compostela emitiu este luns un comunicado no que rexeita...

Turismo de Santiago repartirá 2.026 gafas para seguir a eclipse solar do 12 de agosto

Santiago de Compostela prepárase para vivir este mércores 12 de agosto un dos principais...

Fotowalk Galicia leva a Boqueixón unha quedada fotográfica para percorrer o seu patrimonio e paisaxe

A comunidade Fotowalk Galicia celebrará o próximo sábado 22 de agosto unha nova quedada...

Novo “museo da arte urbana” nunhas galerías comerciais de Santiago

Oito novos murais, creados por artistas referentes de Galicia, transformaron unhas galerías comerciais de...

Música blues, soul, jazz ou rock encherá as rúas de Compostela este agosto no festival ‘Feito a man’

O festival "Feito a man" 2026 encherá de música e actividades gratuítas as rúas...

O destino definitivo das estatuas de Abraham e Isaac será o Museo do Pobo

O Museo do Pobo Galego de Santiago de Compostela foi o lugar elixido para...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here