InicioSOCIEDADEO Concello de Santiago suspende toda relación con Fly2Galicia ata aclarar os...

O Concello de Santiago suspende toda relación con Fly2Galicia ata aclarar os seus posibles vínculos con Israel

Míriam Louzao insiste en que non chegou a existir ningunha colaboración económica nin contrato formal e a oposición acusa o goberno local de neglixencia e reclama responsabilidades

Publicado o

Xornal de Compostela

A concelleira de Turismo de Santiago, Míriam Louzao, afirmou que o Concello suspendeu “toda relación” con Fly2Galicia, a marca comercial dunha turoperadora que pretende instalarse en Lavacolla a partir de decembro con voos chárter operados pola compañía FLYYO, “ata aclarar” os seus posibles vínculos con Israel. Así o sinalou este xoves durante a súa comparecencia, por iniciativa propia, no pleno de Santiago, onde relatou que en novembro de 2025 foi Aena quen lle trasladou ao Concello a proposta dunha empresa que “estaba a sondar” poñer en marcha unha nova compañía que conectase Santiago con outros países.

“Aena é quen nos manda o contacto para que o atendamos. Nós contactamos con eles e, como comprenderán, non lles facemos unha auditoría previa. Ou hai alguén que cre que podemos facerlle unha auditoría a cada unha das empresas do sector turístico que nos contacta?”, indicou. Neste sentido, sinalou que Aena “é aval abondo” para que o Concello tomase a decisión de “sentarse a falar” coa empresa e poñerse á súa disposición para axudar ou apoiar o arranque do proxecto.

En concreto, Louzao explicou que ese “apoio ou axuda” consistiu en localizar provedores locais que se precisasen –hoteis, empresas de transporte– e asesoralos sobre cales serían os mellores destinos e horarios. “Quero deixar claro, unha vez máis, que Turismo de Santiago non materializou e nin sequera chegou a avaliar ningunha colaboración económica, contrato ou relación administrativa formal cun proxecto emerxente, co que colaboramos, pero co que fomos cautos e prudentes polas súas características peculiares”, volveu subliñar.

Louzao relatou que en abril deste ano, no marco dunhas xornadas de conectividade, reuniuse presencialmente con dúas persoas promotoras do proxecto e cun directivo de Aena. Nesa reunión, os promotores trasladáronlles que seguían buscando a compañía que poría os avións e solicitaron a Turismo de Santiago contactos de empresas de autobuses. Foi o 31 de xullo cando Fly2Galicia informou a Turismo de Santiago de que asinara coa compañía que proporcionaría os avións –aínda que non lle dixeron cal era– e pediu organizar unha presentación na que se apoiase publicamente o proxecto. “Respondemos que como administración e institución non podemos saír a presentar un proxecto que non conte coas mínimas garantías de viabilidade”, continuou.

Así pois, Louzao afirmou que foi en agosto cando souberon que FLYYO sería a provedora de Fly2Galicia e que, no momento en que se suxeriu que puidese existir algún vínculo da compañía con Israel, “suspendeuse toda a relación ata aclarar o acontecido”. “A nosa relación foi sempre con Fly2Galicia e nunca tivemos contacto con FLYYO”, asegurou. Louzao tamén fixo referencia ao traballo realizado polo goberno municipal para mellorar a conectividade aérea e a competitividade do Aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro, que é “prioritario para o goberno municipal”. “Todo o equipo de Turismo de Santiago fai un grande esforzo por mellorar a situación do noso aeroporto”, remarcou.

“UNHA NEGLIXENCIA IMPERDOABLE”

A concelleira non adscrita Mercedes Rosón criticou a alteración da orde do día para que Louzao interviñese antes que unha proposición sobre Fly2Galicia, que foi defendida despois. Así, Rosón gardou silencio durante o seu tempo de intervención en sinal de protesta. Durante a súa intervención, Rosón criticou a “demagoxia” de Louzao ao “intentar vender a teoría de que: nós só pasabamos por alí”. “Din que non houbo diñeiro público nin o haberá. De verdade cren que a cidadanía é inxenua e que o tempo do persoal técnico de Incolsa non se paga con diñeiro público?”, remarcou.

Rosón asegurou que o sucedido con Fly2Galicia foi “unha neglixencia imperdoable” e lamentou que Santiago “protagonizou un ridículo internacional” que “danou gravemente o prestixio” do aeroporto da capital galega “ás portas do ano santo”. Pola súa banda, o socialista Sindo Guinarte afirmou que “non fai falta” realizar ningunha auditoría a unha empresa e que abonda con buscar en Internet a solvencia da compañía e do promotor, que ten “denuncias xudiciais e débedas, aínda impagadas”.

Na súa quenda, o líder do PP de Santiago, Borja Verea, reclamou explicacións e responsabilidades políticas ao goberno municipal pola súa actuación sobre o proxecto e dirixiuse á alcaldesa, Goretti Sanmartín, para preguntarlle se avala a actuación de Míriam Louzao durante o proceso. “Se foi así, asuma vostede esta crise reputacional e, se se fixeron mal as cousas, terá que explicar cales son as consecuencias e quen vai asumir responsabilidades políticas”, incidiu Verea.

ÚLTIMAS

A acampada de Santiago pola vivenda mantense pese ao mal tempo “ata que haxa cambios reais”: “Como bos galegos, non nos para a choiva”

A acampada pola vivenda instalada na Praza do Obradoiro de Santiago continuará de xeito...

Os Roteiros Saudables da AECC regresan a Santiago con andainas quincenais para combater o sedentarismo

O programa Roteiros Saudables da Asociación Española contra o Cancro (AECC) regresará a Santiago...

O PSOE urxe o Goberno de Santiago a completar o censo de vivendas baleiras e mobilizalas

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclamou ao Goberno local que complete o censo...

A mocidade no Obradoiro seguirá a acampada: “A dereita traerá máis miseria”

Os mozos acampados pola vivenda na praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela, aseguraron...

A acampada de Santiago pola vivenda mantense pese ao mal tempo “ata que haxa cambios reais”: “Como bos galegos, non nos para a choiva”

A acampada pola vivenda instalada na Praza do Obradoiro de Santiago continuará de xeito...

A mocidade no Obradoiro seguirá a acampada: “A dereita traerá máis miseria”

Os mozos acampados pola vivenda na praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela, aseguraron...

Santiago entrega a Compostela número 500.000 de 2026 a unha peregrina mexicana

A Oficina de Acollida ao Peregrino alcanzou este domingo unha nova cifra no rexistro...