InicioCULTURAA Real Academia Galega de Ciencias concede o Premio Celia Brañas 2026...

A Real Academia Galega de Ciencias concede o Premio Celia Brañas 2026 á xornalista Teresa Rocamonde

O galardón recoñece unha reportaxe sobre a historia dos fármacos elaborados a partir do centeo en Galicia e entregarase en Santiago o 15 de abril

Publicado o

Xornal de Compostela

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) deu a coñecer o fallo da undécima edición do Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas 2026, que distingue traballos informativos sobre ciencia e tecnoloxía publicados en medios galegos. O acto de entrega terá lugar o vindeiro 15 de abril no Pazo de San Roque de Santiago de Compostela, nun evento institucional no que se recoñecerán as pezas premiadas.

O xurado acordou conceder o premio principal, dotado con 3.500 euros, á reportaxe ‘Os fármacos do centeo’, da xornalista Teresa Rocamonde, emitida na Televisión de Galicia o 30 de abril de 2025. O traballo aborda a orixe dos primeiros medicamentos elaborados en Galicia a partir do caruncho do centeo, un fungo empregado tradicionalmente na medicina popular.

A peza sitúa este proceso nos anos previos á guerra civil, coa creación en Vigo do Instituto Miguel Servet, antecedente da actual compañía farmacéutica Zeltia. Segundo destacou a autora, “ciencia e cultura únense neste capítulo, que forma parte da serie `Historias a pé de páxina´ da TVG, que trata de dar protagonismo a persoas e feitos esquecidos que marcaron o que hoxe somos como pobo”.

O xurado puxo en valor que a reportaxe relaciona o desenvolvemento científico co papel das mulleres no ámbito rural, especialmente no cultivo do centeo, e que ofrece unha visión completa do proceso de investigación, desenvolvemento e innovación, desde o laboratorio ata a comercialización dos produtos farmacéuticos.

Na súa valoración, Rocamonde subliñou tamén o papel do xornalismo na divulgación científica: “nunha época de grandes cambios e de desinformación, é importante poñer en valor o papel do xornalismo como ponte entre a sociedade e a comunidade científica”. A xornalista compostelá, licenciada pola Universidade de Santiago de Compostela, conta cunha traxectoria en prensa, radio e televisión e desenvolve actualmente labores de comunicación e coordinación editorial en Edicións Bolanda.

O xurado concedeu ademais un accésit, dotado con 1.500 euros, á reportaxe ‘Así es el «Google Maps» de los cirujanos’, elaborada pola xornalista Cinthya Martínez xunto ao cámara Alejandro López-Benito e publicada en novembro de 2025 en La Voz de la Salud.

O traballo analiza o uso de tecnoloxía de impresión 3D no Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC) para a planificación de intervencións cirúrxicas complexas. Segundo a autora, esta ferramenta permite mellorar a comprensión das operacións por parte dos pacientes, xa que “pódeselle explicar que cantidade de órgano se vai quitar, onde se atopa o tumor…, o que lle aporta unha maior tranquilidade”.

O xurado destacou o carácter didáctico desta peza e a súa relevancia como exemplo de transferencia de coñecemento desde o ámbito investigador á práctica clínica, con impacto directo na calidade asistencial.

A IMPORTANCIA DA COMUNICACIÓN CIENTÍFICA

A RAGC subliñou no fallo que a ciencia e a tecnoloxía teñen un papel central no desenvolvemento económico e social, polo que considera prioritario achegar estes coñecementos á cidadanía. Neste contexto, sinala que os medios de comunicación poden contribuír “dun xeito decisivo” á difusión da actividade científica e á súa comprensión pública.

O xurado desta edición estivo presidido polo académico Pedro Merino e contou coa participación de representantes das universidades galegas e da Axencia Galega de Innovación, entidade que colabora na organización destes premios.

ÚLTIMAS

Santiago e Padrón reforzan a súa irmandade no Día de Santiago celebrado en Padrón

O Día de Santiago en Padrón celebrouse este luns de Pascua coa participación da...

Un accidente na AG-56 provoca importantes retencións á entrada de Santiago a primeira hora

Unha colisión por alcance entre dous vehículos na AG-56, ao seu paso por Santiago...

Un leve terremoto de magnitude 1,7 rexístrase en Santiago de Compostela na madrugada deste luns

O Instituto Xeográfico Nacional (IGN) rexistrou na madrugada deste luns un leve terremoto con...

A Audiencia Provincial xulgará unha muller por portar máis de 1.000 euros en billetes falsos nunha lavandaría de Santiago

A Sección Sexta da Audiencia Provincial da Coruña acollerá o vindeiro 10 de abril...

O Museo das Peregrinacións acollerá unha xornada sobre mercados internacionais audiovisuais o 14 de abril

O Museo das Peregrinacións de Santiago será escenario o vindeiro 14 de abril dunha...

Fillas de Cassandra presentan en Santiago a exposición ‘TERTÚLIA’ cunha escoita anticipada do seu novo proxecto

O dúo vigués Fillas de Cassandra presentará en Santiago de Compostela a exposición ‘TERTÚLIA:...

Santiago convoca a XIX edición do Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados

O Concello de Santiago aprobou as bases da XIX edición do Premio Internacional 'Compostela'...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here