InicioCULTURAA Real Academia Galega de Ciencias concede o Premio Celia Brañas 2026...

A Real Academia Galega de Ciencias concede o Premio Celia Brañas 2026 á xornalista Teresa Rocamonde

O galardón recoñece unha reportaxe sobre a historia dos fármacos elaborados a partir do centeo en Galicia e entregarase en Santiago o 15 de abril

Publicado o

Xornal de Compostela

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) deu a coñecer o fallo da undécima edición do Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas 2026, que distingue traballos informativos sobre ciencia e tecnoloxía publicados en medios galegos. O acto de entrega terá lugar o vindeiro 15 de abril no Pazo de San Roque de Santiago de Compostela, nun evento institucional no que se recoñecerán as pezas premiadas.

O xurado acordou conceder o premio principal, dotado con 3.500 euros, á reportaxe ‘Os fármacos do centeo’, da xornalista Teresa Rocamonde, emitida na Televisión de Galicia o 30 de abril de 2025. O traballo aborda a orixe dos primeiros medicamentos elaborados en Galicia a partir do caruncho do centeo, un fungo empregado tradicionalmente na medicina popular.

A peza sitúa este proceso nos anos previos á guerra civil, coa creación en Vigo do Instituto Miguel Servet, antecedente da actual compañía farmacéutica Zeltia. Segundo destacou a autora, “ciencia e cultura únense neste capítulo, que forma parte da serie `Historias a pé de páxina´ da TVG, que trata de dar protagonismo a persoas e feitos esquecidos que marcaron o que hoxe somos como pobo”.

O xurado puxo en valor que a reportaxe relaciona o desenvolvemento científico co papel das mulleres no ámbito rural, especialmente no cultivo do centeo, e que ofrece unha visión completa do proceso de investigación, desenvolvemento e innovación, desde o laboratorio ata a comercialización dos produtos farmacéuticos.

Na súa valoración, Rocamonde subliñou tamén o papel do xornalismo na divulgación científica: “nunha época de grandes cambios e de desinformación, é importante poñer en valor o papel do xornalismo como ponte entre a sociedade e a comunidade científica”. A xornalista compostelá, licenciada pola Universidade de Santiago de Compostela, conta cunha traxectoria en prensa, radio e televisión e desenvolve actualmente labores de comunicación e coordinación editorial en Edicións Bolanda.

O xurado concedeu ademais un accésit, dotado con 1.500 euros, á reportaxe ‘Así es el «Google Maps» de los cirujanos’, elaborada pola xornalista Cinthya Martínez xunto ao cámara Alejandro López-Benito e publicada en novembro de 2025 en La Voz de la Salud.

O traballo analiza o uso de tecnoloxía de impresión 3D no Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC) para a planificación de intervencións cirúrxicas complexas. Segundo a autora, esta ferramenta permite mellorar a comprensión das operacións por parte dos pacientes, xa que “pódeselle explicar que cantidade de órgano se vai quitar, onde se atopa o tumor…, o que lle aporta unha maior tranquilidade”.

O xurado destacou o carácter didáctico desta peza e a súa relevancia como exemplo de transferencia de coñecemento desde o ámbito investigador á práctica clínica, con impacto directo na calidade asistencial.

A IMPORTANCIA DA COMUNICACIÓN CIENTÍFICA

A RAGC subliñou no fallo que a ciencia e a tecnoloxía teñen un papel central no desenvolvemento económico e social, polo que considera prioritario achegar estes coñecementos á cidadanía. Neste contexto, sinala que os medios de comunicación poden contribuír “dun xeito decisivo” á difusión da actividade científica e á súa comprensión pública.

O xurado desta edición estivo presidido polo académico Pedro Merino e contou coa participación de representantes das universidades galegas e da Axencia Galega de Innovación, entidade que colabora na organización destes premios.

ÚLTIMAS

A Xunta dá luz verde ao proxecto de Mallou en Santiago con máis de 3.600 vivendas

O Consello da Xunta aprobou inicialmente o proxecto de interese autonómico (PIA) para desenvolver...

O Concello remite á Xunta a decisión sobre as gárgolas do Hostal dos Reis Católicos

O Concello de Santiago asegurou que non ten competencias directas para actuar sobre a...

O Goberno local defende a súa política de vivenda fronte ás críticas do Partido Popular

A concelleira Míriam Louzao respondeu ás críticas do Partido Popular sobre a situación da...

A Xunta de Goberno Local aproba novas actuacións urbanísticas e investimentos en equipamentos municipais

A Xunta de Goberno Local de Santiago de Compostela aprobou este luns un conxunto...

Mondra actuará na Praza da Quintana polo día grande da Ascensión

O artista compostelán Mondra será un dos protagonistas das vindeiras Festas da Ascensión cun...

‘Compostela desparellada’ propón novos roteiros para redescubrir a historia da cidade a través das relacións entre figuras clave

O Concello de Santiago presentou unha nova proposta dentro do programa Patrimonio C, baixo...

Senra acollerá o I Albaroque o 16 de maio cunha xornada de música tradicional e gastronomía popular

O lugar de Senra, no concello de Oroso, converterase o vindeiro 16 de maio...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here