O Concello de Santiago de Compostela impulsará ao longo de 2026 a celebración das festas patronais dos barrios e parroquias a través dun sistema de colaboración baseado na contratación de actuacións e instalacións lúdicas e musicais. A iniciativa está coordinada polo departamento de Festas, dirixido por Pilar Lueiro, que xa trasladou ás comisións organizadoras a información necesaria para acceder a este apoio.
Segundo indicou o goberno local, as comisións de festas poderán solicitar a participación municipal na programación mediante un formulario específico que lles foi remitido. A través deste procedemento, o Concello asumirá a contratación de diferentes propostas destinadas a dinamizar as celebracións, entre as que se inclúen parques de inchables, xogos populares, actuacións musicais ou de baile, corais e festas da escuma.
A contía máxima destinada a cada unha das festas será de 1.250 euros, unha cifra que condicionará o tipo e número de actividades que se poderán contratar en cada caso. Ademais, as entidades organizadoras teñen a posibilidade de indicar as súas preferencias por determinados grupos ou espectáculos, que deberán comunicar ao Concello no momento de realizar a solicitude.
O proceso require que o formulario sexa enviado cunha antelación mínima de un mes respecto á data de celebración da festa, a través do correo electrónico habilitado para este fin. Desde o Concello lembran que a contratación final estará suxeita tanto á dispoñibilidade das propostas solicitadas como ao seu custo, polo que a concesión das actividades dependerá destes factores.

