A banda galega The Rapants anunciou que este mércores, 25 de febreiro, ás 12:00, activará a venda de 1.500 novas entradas para o concerto previsto o vindeiro 28 de marzo no Multiusos Fontes do Sar.
Segundo trasladou o grupo a través dunha nota informativa, a ampliación responde ao incremento da demanda rexistrada nas últimas semanas. “Neste club hai sitio para todos”, sinalaron, ao tempo que confirmaron que o espectáculo contará cunha maior capacidade de público da inicialmente prevista.
O concerto en Compostela servirá para presentar en directo o cuarto traballo discográfico da formación, titulado Rapants Club. O álbum, composto por doce cancións que percorren diferentes estilos musicais, estará dispoñible nas principais plataformas dixitais o mércores 4 de marzo, uns días antes da cita na capital galega.
A actuación no Multiusos Fontes do Sar enmárcase na nova etapa da banda, que continúa así a súa actividade en directo cunha parada destacada na comarca compostelá. O recinto acollerá un dos concertos centrais desta nova xira, que chega tras a publicación do novo LP.
As entradas poderán adquirirse a partir das 12:00 deste mércores a través da páxina web de Ataquilla.com, segundo informou o grupo.

