O Museo do Pobo Galego inicia o ano 2026 cunha programación marcada polas exposicións temporais, a divulgación cultural e as actividades abertas ao público, con propostas que se desenvolverán ao longo do mes de xaneiro.
INAUGURACIÓN DUNHA MOSTRA INTERNACIONAL SOBRE A MÁSCARA
A principal novidade do mes será a inauguración da exposición Masks. Alas y Viento Collection. Nacho Rovira II, que terá lugar o xoves 29 de xaneiro ás 19:00, no claustro alto do museo. A mostra propón unha aproximación ao significado simbólico, artístico e social da máscara, a través dunha selección de pezas procedentes de máis de corenta países reunidas polo coleccionista e viaxeiro Nacho Rovira, combinadas con máscaras galegas, incluídas varias pertencentes aos fondos do propio museo.
A exposición poderá visitarse até abril de 2026 e insírese nun proxecto de investigación e divulgación impulsado pola Universidade de Valladolid, a través da súa Cátedra de Estudos sobre a Tradición, coordinada pola profesora Pilar Panero. Este traballo forma parte, ademais, do proxecto europeo Unveiling the Arts and Works behind the Masks, promovido pola European Education and Culture Executive Agency.
DERRADEIROS DÍAS DO PROXECTO DIDÁCTIVO ANTONIO FRAGUAS FRAGUAS
Durante os primeiros días de xaneiro aínda poderá visitarse a exposición do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas Fraguas, que permanecerá aberta até o domingo 4 de xaneiro. A mostra reúne os traballos gañadores da XIII edición destes premios, centrados na investigación e difusión do patrimonio cultural desde os centros educativos galegos.
Entre os proxectos expostos atópanse Viva o Entroido vivo! Lingua, festa e comunidade, desenvolvido polo CEIP Lamas de Abade, o CEIP Apóstolo Santiago, de Santiago de Compostela, e o CEIP Pérez Viondi, da Estrada; así como A sustentabilidade das artes de pesca a través do proceso de encascado de redes: o caso de Burela, elaborado polo IES Monte Castelo. O proxecto está promovido pola Fundación Antonio Fraguas Fraguas e conta co patrocinio da Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral da Lingua.
CONTINÚA A EXPOSICIÓN DAS ESTATUAS DO MESTRE MATEO
Ao longo de todo o mes de xaneiro tamén poderá visitarse a exposición temporal dedicada á restitución das estatuas do Mestre Mateo, que permanecerá no museo até o 31 de maio de 2026. A mostra reúne as esculturas de Xeremías e Ezequiel, recuperadas polo Concello tras o seu espolio durante o franquismo.
Instalada na ala sur do museo, a exposición inclúe unha liña do tempo sobre a historia das pezas e un audiovisual vinculado ao proxecto KosmoTech_1200, desenvolvido pola Universidade de Santiago de Compostela e polo CISPAC, centrado na reconstrución do coro do Mestre Mateo e do conxunto do Pórtico da Gloria. Todo o contido conta con materiais de accesibilidade cognitiva, elaborados coa colaboración da Federación Autismo Galicia.
PRESENTACIÓNS NO MUSEO
A programación complétase con dúas presentacións de libros abertas ao público. O xoves 8 de xaneiro ás 19:00, na sala de actividades, terá lugar a presentación de ‘Kuna Art Guna Art: The Remarkable Early Creations of a Central American Indigenous Culture’, unha obra colectiva sobre a cultura Guna de Panamá. O acto contará coa participación do antropólogo Xerardo Pereiro e do coautor Cebaldo De León.
Posteriormente, o martes 13 de xaneiro ás 19:00, presentarase o libro Levantar a paletilla caída. Medicina integrada na tradición galega, da autora Lidia Mariño Ventoso. No acto intervirán, xunto á autora, Elvira Carregado Pazos, presidenta da Fundación Vicente Risco, e Concha Losada Vázquez, presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego.
HORARIOS E PROGRAMACIÓN ESCOLAR
O museo lembra tamén os horarios especiais destas datas: o 1 de xaneiro permanecerá pechado; o 6 de xaneiro abrirá como festivo, de 11:00 a 14:00; e o 5 de xaneiro, luns, manterase pechado, como é habitual. O resto dos días manterase o horario ordinario.
No ámbito educativo, o Museo do Pobo Galego presentou a súa programación escolar para o segundo e terceiro trimestre do curso 2025-26, que xirará arredor do Entroido e da exposición sobre máscaras, con actividades adaptadas a todos os niveis, visitas comentadas e a celebración da sección escolar da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico, MICE Petís, entre finais de febreiro e comezos de marzo.



