O Concello de Santiago presentou este xoves a nova programación ‘Rolda C’, un ciclo de actividades culturais destinado a público familiar que se desenvolverá ao longo de todo o ano en diferentes espazos da cidade. A iniciativa, impulsada pola área de Cultura e Turismo, busca “facer de Compostela un gran escenario” e reivindicar o acceso á cultura como un dereito desde a infancia.
A concelleira Míriam Louzao destacou que o proxecto está concibido como “unha viaxe chea de teatro, circo, música, danza e imaxinación”, protagonizada por cinco personaxes creadas para a ocasión: Pili Pó, Gael Poalla, Octavia Altiora, Lupa e Quercus de Conxo. Estes seres —“unha polviña, unha pinga, unha estrela de oito puntas, unha raíña loba e un carballo centenario”— simbolizan diferentes formas de mirar o mundo desde Compostela: a curiosidade, a empatía, a reflexión, a valentía e a sabedoría.
Louzao explicou que Tropa C é un universo que agrupa diversas liñas de programación. Así, haberá ‘Tropa C no Patio de Butacas’, con espectáculos de teatro, monicreques, circo e música; ‘Tropa C na Casa’, con propostas de rúa e danza na Casa das Máquinas; ‘Tropa C por primeira vez’, deseñada para crianzas de ata tres anos; ‘Tropa C no Ensino’, o programa didáctico que cada tempada achega as artes escénicas aos colexios; e ‘Tropa C co Apego’, centrada en actividades en lingua galega.
En total serán máis de trinta actividades, a maioría de balde ou con prezos accesibles, que se desenvolverán en espazos como o Auditorio de Galicia, o Teatro Principal, a Casa das Máquinas e diversas prazas e rúas da cidade. “A cultura é un dereito que tamén debe chegar, e de maneira especial, aos máis pequenos e pequenas”, subliñou Louzao, quen puxo o acento en ofrecer propostas “non mediadas por pantallas nin por lóxicas mercantilistas”.
Pola súa parte, o director xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López, explicou que o programa suma 34 actividades e “supera mesmo o número de concertos do abono da Real Filharmonía”. Defendeu que esta aposta “sitúa a programación familiar en igualdade de importancia que a de adultos”, porque “é a ferramenta coa que creamos hábitos culturais saudables e espazos de encontro”.
López sinalou tamén que a Casa das Máquinas se converterá nun “punto de referencia para o xogo libre e os espectáculos de pequeno formato”, e que o ciclo arranca xa esta semana co espectáculo de danza Badabag, da compañía Ara Cala Danza. As entradas para o primeiro semestre, que se estende ata decembro, están xa á venda, mentres que as do segundo semestre sairán en decembro.
A concelleira anunciou, ademais, que dentro da programación se celebrará un ano máis a Gran Gala do Circo, coordinada por Pista Catro, compañía recentemente galardoada co Premio Nacional de Circo 2025, á que trasladou os seus parabéns “polo seu traballo e pola súa contribución a unha tradición moi viva en Compostela”.
Louzao concluíu agradecendo o labor do equipo de Compostela Cultura, do Auditorio de Galicia e da cooperativa STH, responsable do deseño da ‘Tropa C’, coa ilustración de Paula Cheixtr. Segundo afirmou, o obxectivo é que estas personaxes “acompáñennos noutras actividades municipais e axuden á rapazada a coñecer desde ben pequenos os espazos públicos, os servizos e a riqueza cultural da súa cidade”.

