InicioCULTURAAberto 25 reúne en Compostela cinco miradas que dialogan co presente e...

Aberto 25 reúne en Compostela cinco miradas que dialogan co presente e coa tradición

A cidade acolle as mostras de Dupla, Luisa Pita, Metro e Trinta cun percorrido que vai do retrato expandido á apropiación da imaxe, do bodegón tridimensional á memoria material da Galicia contemporánea

Publicado o

Por David M. Sobrino Platas

En Santiago de Compostela, Aberto 25 volve converter o mapa das galerías nun itinerario para ler o presente a través de obras novas e enfoques diversos. Dupla, Luisa Pita, Metro e Trinta manteñen abertas durante estes días catro exposicións que, máis alá de estilos e técnicas, comparten unha pregunta de fondo: como se representa hoxe o que somos —como individuos, como comunidade e como cultura visual— nunha cidade chea de pedra, iconas e memoria.

SAMUEL SALCEDO: O ROSTRO COMO ESPAZO ABERTO

En Cara a cara, exposta na galería Dupla, Samuel Salcedo traballa con cabezas e expresións sen modelo único nin retrato dunha persoa concreta. Interésalle que calquera espectador poida verse reflectido: “Isto axúdame a que poida ser calquera persoa”. A elección de materiais forma parte do sentido: resinas que aparentan o que non son, ferro que oxida e garda tempo, reciclados con memoria previa.

Cambiar a materia é matizar o significado: “Cando cambio o material, cambio o significado da escultura”, explica o autor. No eido das referencias, afástase do canon grecorromano como norma exclusiva e abre o campo a influencias exipcias e africanas, ao tempo que sintetiza a estrutura da cabeza con certa irreverencia: “É importante que haxa un pouquiño de desconcerto”. A mención a John Waters e á película Pecker sinala ese xogo entre verdade e artificio e unha lectura do descolocamento no mundo contemporáneo. En Compostela, di, o diálogo co espazo histórico de Dupla é unha oportunidade: “É un luxo poder dialogar co espazo e co meu traballo”.

SITO MÚJICA: DA IMAXE APROPIADA Á PINTURA MANUAL

Sito Mújica, que expón tamén en Dupla, define ‘copiadas’ como unha etiqueta “simpática e un pouco canalla” para falar da apropiación como recurso. Evita a marca dun estilo fixo: a súa obra desprazase entre técnicas e procedementos, ata o punto de que non sempre é recoñecible a primeira ollada. Na serie amosada, planifica dixitalmente cores, motivos e técnica, pero reivindica o material da peza: de preto vese o lapis e a pincelada, e o que parece serigrafía é un cadro.

Sobre os límites legais e éticos, sitúa o centro no que se quere contar e no que se decide deixar fóra. O humor funciona como pista para ler a apropiación. En Santiago —cidade “chea de iconas e reproducións”— percibe un diálogo natural: a idea de copia e repetición forma parte da paisaxe cultural. Entre os seus referentes cita Sigmar Polke, a película The Garden de Derek Jarman e as portadas e cancións de The Smiths, ecos visibles nesta serie.

SALUSTIANO: O AMOR CONVERTIDO EN EXPERIENCIA POP

En Love is Pop (Galería Luisa Pita), Salustiano propón un eloxio do amor en sentido amplo, en grandes lenzos e debuxos a lápis de cor de rigor técnico e austeridade cromática. Defíneo con rotundidade: “O amor é, seguramente, o sentimento máis pop que existe”. A mostra homenaxea o amor de parella, de pai, de fillo, e tamén unha ética do coidado: “amor á natureza, á boa educación e ao amor en si”.

A peza do escaparate, decisión da directora da galería, convértese nunha porta á rúa: “Paréceme unha idea fantástica: sacar a arte á rúa”. O equilibrio entre referencias sacras e cultura popular nace da historia cultural española, onde o legado relixioso e a súa deriva museística conviven na experiencia contemporánea: “O meu traballo fala xustamente diso: da nosa relación coa parte espiritual”. O seu desexo ao rematar de ver a súa exposición é directo: “Encantaríame que cada persoa lle dixese á que ten ao lado: quérote”.

MONTSE REGO: O BODEGÓN LEVADO Á ESCENA EN CERÁMICA

Montse Rego aborda o bodegón na Galería Metro dende a escultura cerámica para “pintar” en tres dimensións. A idea non xurdiu como fórmula pechada, senón como un atar da noción de bodegón coas posibilidades da arxila: un material plástico e versátil que lle permitiu volver á cerámica trala experiencia doutros anos e compoñer series nas que cada elemento ocupa o seu lugar.

A artista sitúa o foco nun modelo austero de referencia: Sánchez Cotán, coas hortalizas, froitas e caza como actores nun teatriño. Interésalle como se presentan e contextualizan os elementos, sen opulencias flamencas, sen acumulación profusa: claridade compositiva e presenza propia para cada peza. No paso ao volume e á experiencia táctil, di que sempre hai algo que aprender e que esta posta en escena —escena máis que mesa— atravesa a mostra: cada figura é personaxe e o conxunto, obra coral.

ALBERTO ARDID: A MEMORIA DOS OBXECTOS COMO RETRATO COLECTIVO

Alberto Ardid presenta na Galería Trinta unha radiografía material da Galicia do século XXI, centrada nos obxectos e na súa capacidade para definir personalidades colectivas. Explica que a exposición enfronta pezas industrializadas e seriadas con outras artesanais e rescatadas, como azulexos ou postes de pedra, dignificados pola acción artística.

Fálanos deas “dúas caras da mesma moeda”: por unha banda, obxectos de consumo sen alma; pola outra, obxectos con memoria que pertenceron a persoas e condensan recordos. Ese xogo apunta a unha sociedade de pequenos propietarios, “para ben e para mal”, atravesada polo capitalismo.

O humor e a cultura popular funcionan como chaves de acceso: non idealiza a cultura de masas, pero sérvese dela para conectar: “O humor é algo presente en case todos os traballos, un rasgo moi noso”. Máis que inducir unha tese, píde ao visitante unha experiencia visual e perceptiva nova: “Que volvan á casa coa sensación de ter vivido algo distinto; se ademais xorden preguntas, mellor”.

UN PERCORRIDO SITUANDO COMPOSTELA COMO CONTEXTO

As catro propostas dialogan co lugar. No Centro Histórico, a pedra convértese en fondo e contracampo: as cabezas e materiais con memoria de Salcedo conversan coa gravidade da tradición, as ‘copiadas’ de Mújica interpelan a cidade da icona e da reprodución, o bodegón en volume de Rego anima o cotián con economía de medios e poética escénica, e Ardid cartografía valores, contradicións e recordos a través do que posuímos. En conxunto, Aberto 25 ofrece un mapa de temasidentidade, apropiación, materialidade, afectos— que atraviesan a creación contemporánea e axustan a mirada dende Compostela ao mundo.

ÚLTIMAS

Ghaleb Jaber pronunciará o pregón das festas do Apóstolo

Ghaleb Jaber Ibrahim será o encargado de pronunciar o pregón das festas do Apóstolo,...

Excarcerada unha persoa tras chocar co seu coche contra un camión aparcado en Santiago

Unha persoa tivo que ser liberada do seu coche tras chocar contra un camión...

O PSdeG esixe incorporar a VOLABAN ao Padroado do Refuxio de Bando tras máis dun ano de demora

O Grupo Municipal Socialista de Santiago levará ao Pleno deste mes unha proposta para...

Renfe incorpora en Santiago o servizo para que menores viaxen sós en tren a Madrid

Renfe vén de incorporar na estación de Santiago de Compostela o servizo 'Menores que...

Ghaleb Jaber pronunciará o pregón das festas do Apóstolo

Ghaleb Jaber Ibrahim será o encargado de pronunciar o pregón das festas do Apóstolo,...

Dolores Vilavedra toma posesión como presidenta do Consello da Cultura Galega e marca como reto reforzar os dereitos culturais

Dolores Vilavedra tomou posesión este venres como nova presidenta do Consello da Cultura Galega...

Carlangas presentará no ‘Atardecer no Gaiás’ o seu terceiro disco en solitario

Carlangas inaugura este xoves, ás 20.00 horas, unha nova edición de 'Atardecer no Gaiás',...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here