InicioCULTURAO Museo do Pobo Galego programa en setembro encontros sobre Rafael Baltar,...

O Museo do Pobo Galego programa en setembro encontros sobre Rafael Baltar, poesía, patrimonio téxtil e memoria do exilio

O centro compostelán despedirá o día 27 a exposición dedicada ao arquitecto Rafael Baltar e acollerá ao longo do mes conferencias, visitas, creación performativa e a presentación dun libro sobre Carlos Velo

Publicado o

Xornal de Compostela

O Museo do Pobo Galego inicia setembro cunha programación que combina arquitectura, investigación, literatura, artes performativas e divulgación cultural. Boa parte das actividades deste mes estarán vinculadas á recta final da exposición ‘Rafael Baltar. Testemuña dun tempo’, que poderá visitarse no claustro alto do centro compostelán ata o 27 de setembro.

A primeira cita chegará o 4 de setembro ás 17:00, cando o claustro do Museo acolla, dentro do Festival Plataforma 2026, a proposta de Ismael Ramos ‘Medro, medro e non sei onde parar’. Trátase dunha acción de poesía performativa construída arredor dun verso de María Mariño e baseada na combinación de recital, intervención gráfica e distribución de panfletos poéticos. A iniciativa aborda a palabra e a poesía como espazos de encontro e acción colectiva e forma parte da programación do festival de artes performativas Plataforma.

A actividade continuará o 8 de setembro ás 16:15 no auditorio coa xornada ‘Amizade en torno a Baltar’. O encontro forma parte da programación complementaria da exposición dedicada ao arquitecto compostelán Rafael Baltar, que desenvolveu tamén unha traxectoria como profesor, académico, autor, presidente da Xunta Xestora e membro do Padroado do Museo do Pobo Galego.

A xornada estará aberta ao público e reunirá profesionais procedentes de distintos ámbitos para analizar a súa obra e o seu legado. A organización corresponde ao Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) e á súa Delegación de Santiago, Arquitectos de Santiago, xunto co propio Museo e a Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña.

Dous días máis tarde, o 10 de setembro ás 19:00, a sala de actividades da Ala Sur será escenario da conferencia ‘Frazadas con flores de Chiloé’, impartida pola investigadora Trinidad Flaño Mandujano, directora do Comité Nacional de Conservación Téxtil de Chile.

A intervención partirá do seu estudo sobre os deseños e técnicas utilizados nas características frazadas de flores do arquipélago de Chiloé, en Chile. A investigación permitirá tamén establecer relacións entre estas pezas e os cobertores e colchas tradicionais de Galicia, incluídos diferentes exemplos conservados actualmente entre os fondos do Museo do Pobo Galego.

UNHA VISITA COA MIRADA DAS COMISARIAS

O 12 de setembro ás 11:30, as persoas socias do Museo terán a oportunidade de percorrer ‘Rafael Baltar. Testemuña dun tempo’ acompañadas por Paula Franjo Calvo e Sandra González Álvarez, comisarias da exposición.

A visita guiada terá lugar no claustro alto e será gratuíta ata completar a capacidade dispoñible. Para participar será necesario inscribirse a través do correo socios@museodopobo.gal antes do 10 de setembro ás 17:00.

A mostra entra así nas súas últimas semanas despois de abordar a transformación da arquitectura galega durante as últimas décadas do século XX a través da biografía e do traballo de Rafael Baltar. A exposición está organizada polo COAG, Arquitectos de Santiago, o Museo do Pobo Galego e a Escola Técnica Superior de Arquitectura da UDC, coa colaboración da Xunta de Galicia.

O programa arredor de Baltar pecharase o 23 de setembro ás 17:00 coa xornada ‘A pegada do SIAC’, convocada polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia no auditorio do Museo.

O encontro lembrará os 50 anos do I Seminario Internacional de Arquitectura en Compostela (SIAC), celebrado en 1976. Aquela cita reuniu unha xeración de arquitectos para debater sobre as formas de intervención nos centros históricos e sobre o modelo de cidade que estaba a tomar forma naqueles anos.

Cinco décadas despois, a xornada reunirá participantes e impulsores daquela experiencia xunto con novas reflexións sobre cuestións presentes na arquitectura contemporánea. O percorrido conectará os debates desenvolvidos na Galicia dos anos setenta cos asuntos urbanísticos e arquitectónicos que continúan abertos en Santiago de Compostela. A entrada será libre, aínda que será necesaria inscrición previa.

CARLOS VELO E O CONSELLO DE GALIZA EN MÉXICO

Entre ambas as citas, o 22 de setembro ás 19:00, o Museo acollerá na Ala Sur a presentación do libro O cineasta Carlos Velo e o Consello de Galiza en México, escrito por Xosé Enrique Acuña Rodríguez e editado pola Fundación Carlos Velo.

O volume céntrase nunha faceta da vida do cineasta relacionada co seu exilio mexicano e, en particular, coa súa participación á fronte da Delegación do Consello de Galiza en México. Esta institución foi creada polos deputados galegos exiliados coa intención de dar continuidade política á autonomía galega plebiscitada en 1936. A presentación contará coa participación do propio autor.

O MUSEO PREPARA O CURSO NO CAMIÑO CARA AO SEU 50 ANIVERSARIO

Setembro supón tamén o inicio do curso escolar 2026/2027 para o Departamento de Educación e Acción Cultural do Museo. A programación deste ano estará marcada pola proximidade do 50 aniversario da institución, que se celebrará en 2027.

A partir de xaneiro incorporaranse actividades especialmente deseñadas arredor desta efeméride para a comunidade educativa galega. Entre as propostas previstas figuran sesións de narración oral e obradoiros destinados a reflexionar e experimentar sobre como podería construírse o Museo do futuro.

Ademais da colección permanente, o programa educativo contará con dúas exposicións temporais. Unha delas será ‘Transfronteiriza’, realizada en colaboración coa asociación cultural Raia Creativa e comisariada pola comunicadora, investigadora e creadora multidisciplinar Diana Gonçalves.

A proposta estudará os vínculos humanos, culturais e sociais que atravesan as fronteiras políticas, tomando como territorio de referencia o espazo configurado arredor do río Miño. Poderá visitarse durante o primeiro e o segundo trimestre do curso.

A segunda mostra será ‘O corpo errante. Exilio español 1939–1975’, organizada en colaboración coa UNED e comisariada polos profesores e antropólogos Jorge Moreno e Julián López. A exposición reconstruirá diferentes experiencias do exilio republicano español mediante relatos, documentación e outros materiais e estará dispoñible durante o segundo e o terceiro trimestre.

ÚLTIMAS

Lucía Suárez, directora da Galería Dupla: “A arte é algo moi universal e nós somos unha ponte entre os artistas e o público”

A directora da galería Dupla, Lucía Suárez, asumiu este ano a presidencia de Contemporánea,...

O persoal de limpeza e conserxaría de Santiago suspende a folga tras lograr avances con Lacera

A CIG informa de que o persoal de limpeza e conserxaría dos colexios e...

Santiago activa medidas de aforro de auga ante o risco dunha vertedura de xurro no Tambre

O Concello de Santiago mantén baixo seguimento a posible chegada ao río Tambre dunha...

O Festival Maré reunirá en Santiago artistas de máis de 16 países na súa sétima edición

O Festival Maré celebrará do 23 ao 27 de setembro a súa sétima edición...

Lucía Suárez, directora da Galería Dupla: “A arte é algo moi universal e nós somos unha ponte entre os artistas e o público”

A directora da galería Dupla, Lucía Suárez, asumiu este ano a presidencia de Contemporánea,...

O Festival Maré reunirá en Santiago artistas de máis de 16 países na súa sétima edición

O Festival Maré celebrará do 23 ao 27 de setembro a súa sétima edición...

Aberto26 abrirá a tempada da arte contemporánea con exposicións simultáneas en nove galerías galegas

A cuarta edición de 'Aberto' celebrarase do 17 ao 19 de setembro cun programa...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here