InicioCULTURAO Festival Atlántica reivindica a memoria de Castelao e a forza colectiva...

O Festival Atlántica reivindica a memoria de Castelao e a forza colectiva da palabra

A lectura pública nos ilustres e o concerto de Bouba Pandeireteiras marcarán a xornada do 1 de xullo en Santiago

Publicado o

Xornal de Compostela

O Festival Internacional Atlántica continúa este martes 1 de xullo en Santiago de Compostela cunha xornada marcada pola memoria compartida, a participación cidadá e a reivindicación colectiva a través da palabra. O programa do día combina unha lectura pública coral arredor da figura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e un concerto nocturno protagonizado por Bouba Pandeireteiras, co pano de fondo da defensa do territorio, da identidade e da creación popular.

A mañá comezará ás 11:30 no Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, coa inauguración da actividade ‘Como dicía Castelao’, un maratón de lectura aberta ao público que se prolongará ata as 20:30. A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, será a encargada de abrir o acto xunto á deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividad González, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e o arcebispo da Diocese, Francisco José Prieto.

Durante a lectura, máis de medio cento de entidades culturais e representantes institucionais darán voz aos textos de Castelao, entre eles membros da Fundación Castelao, o Museo do Pobo Galego, a USC, o Museo de Pontevedra, a Real Academia Galega, a Academia Galega de Teatro, a Real Academia de Belas Artes, e tamén representantes da Alcaldía de Rianxo e dos consulados de Arxentina e Uruguai, países fundamentais na traxectoria vital do rianxeiro.

A xornada contará tamén coa participación de figuras recoñecidas da escena galega como Faia Díaz, Avelino González, Mónica Caamaño, Soledad Felloza, Evaristo Calvo, Víctor Mosqueira ou Vero Rilo, entre outros nomes que interpretarán en voz alta fragmentos emblemáticos da obra castelaoiana. A organización tamén habilitou unha rede de “garda-escoita”, persoas voluntarias que garantirán unha escoita continuada e activa ao longo de toda a sesión, que se poderá seguir libremente sen inscrición previa.

Pola noite, os xardíns do CSC Maruxa e Coralia acollerán ás 21:00 horas o concerto Termando dos marcos, o novo proxecto de Bouba Pandeireteiras, formación que redefine a música tradicional dende unha perspectiva feminista e comunitaria. Con retranca e contundencia escénica, esta proposta nace “a lume lento” e dende a aldea, segundo sinalan as propias integrantes, para reivindicar as marxes como espazo de dignidade, palabra e futuro. “Os marcos somos nós”, proclaman, nun espectáculo que conxuga pandeiretas, voces e testemuños como acto de resistencia.

Nado en 2013, o Festival Atlántica mantén a súa aposta por unha narración oral contemporánea que bebe das raíces atlánticas e da oralidade popular, tendendo pontes entre culturas e xeracións. Dende Santiago, a súa sede orixinaria, estende cada verán unha rede de encontros onde a palabra falada se transforma en arte viva, comprometida e comunitaria. A programación continúa nos vindeiros días por distintos espazos da cidade e da xeografía galega, cun marcado acento na diversidade, a igualdade e a sostibilidade.

ÚLTIMAS

Santiago prepárase para o desafiuzamento do Escarnio e Maldizer: máis de cen antidisturbios blindarán o casco histórico

Compostela afronta este venres unha xornada marcada pola tensión ante o inminente desaloxo do...

O sector do transporte denuncia “parálise” da patronal e advirte dunha folga indefinida

Unha vintena de sindicalistas da CIG, UFT e CC.OO. concentráronse esta mañá de xoves...

Borja Verea critica a estratexia turística do goberno local durante a súa presenza en Madrid

O portavoz do Partido Popular en Santiago de Compostela, Borja Verea, realizou este mércores...

A biopsia líquida e a intelixencia artificial centran en Santiago un simposio internacional sobre oncoloxía de precisión

Santiago de Compostela acolle desde este xoves e ata o sábado a XI edición...

O Premio Literario San Clemente distingue tres obras elixidas polo alumnado de Bacharelato

O director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, e o secretario xeral...

O Ateneo de Santiago proxecta ‘Arima’ cun coloquio coa actriz Melania Cruz

O Ateneo de Santiago acolle este martes, 20, ás 19:00, a proxección da película...

A Asociación Área Empresarial do Tambre inaugura a exposición ‘Fortes Sentires’ de María Fortes Blanco

A Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET) inaugurará este luns, 19 de xaneiro, a...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here