InicioCULTURAO Festival Atlántica reivindica a memoria de Castelao e a forza colectiva...

O Festival Atlántica reivindica a memoria de Castelao e a forza colectiva da palabra

A lectura pública nos ilustres e o concerto de Bouba Pandeireteiras marcarán a xornada do 1 de xullo en Santiago

Publicado o

Xornal de Compostela

O Festival Internacional Atlántica continúa este martes 1 de xullo en Santiago de Compostela cunha xornada marcada pola memoria compartida, a participación cidadá e a reivindicación colectiva a través da palabra. O programa do día combina unha lectura pública coral arredor da figura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e un concerto nocturno protagonizado por Bouba Pandeireteiras, co pano de fondo da defensa do territorio, da identidade e da creación popular.

A mañá comezará ás 11:30 no Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, coa inauguración da actividade ‘Como dicía Castelao’, un maratón de lectura aberta ao público que se prolongará ata as 20:30. A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, será a encargada de abrir o acto xunto á deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividad González, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e o arcebispo da Diocese, Francisco José Prieto.

Durante a lectura, máis de medio cento de entidades culturais e representantes institucionais darán voz aos textos de Castelao, entre eles membros da Fundación Castelao, o Museo do Pobo Galego, a USC, o Museo de Pontevedra, a Real Academia Galega, a Academia Galega de Teatro, a Real Academia de Belas Artes, e tamén representantes da Alcaldía de Rianxo e dos consulados de Arxentina e Uruguai, países fundamentais na traxectoria vital do rianxeiro.

A xornada contará tamén coa participación de figuras recoñecidas da escena galega como Faia Díaz, Avelino González, Mónica Caamaño, Soledad Felloza, Evaristo Calvo, Víctor Mosqueira ou Vero Rilo, entre outros nomes que interpretarán en voz alta fragmentos emblemáticos da obra castelaoiana. A organización tamén habilitou unha rede de “garda-escoita”, persoas voluntarias que garantirán unha escoita continuada e activa ao longo de toda a sesión, que se poderá seguir libremente sen inscrición previa.

Pola noite, os xardíns do CSC Maruxa e Coralia acollerán ás 21:00 horas o concerto Termando dos marcos, o novo proxecto de Bouba Pandeireteiras, formación que redefine a música tradicional dende unha perspectiva feminista e comunitaria. Con retranca e contundencia escénica, esta proposta nace “a lume lento” e dende a aldea, segundo sinalan as propias integrantes, para reivindicar as marxes como espazo de dignidade, palabra e futuro. “Os marcos somos nós”, proclaman, nun espectáculo que conxuga pandeiretas, voces e testemuños como acto de resistencia.

Nado en 2013, o Festival Atlántica mantén a súa aposta por unha narración oral contemporánea que bebe das raíces atlánticas e da oralidade popular, tendendo pontes entre culturas e xeracións. Dende Santiago, a súa sede orixinaria, estende cada verán unha rede de encontros onde a palabra falada se transforma en arte viva, comprometida e comunitaria. A programación continúa nos vindeiros días por distintos espazos da cidade e da xeografía galega, cun marcado acento na diversidade, a igualdade e a sostibilidade.

ÚLTIMAS

A participación cidadá avala máis verde, espazo peonil e zonas de estancia para redefinir o Ensanche compostelán

O Concello de Santiago incorporará os resultados do proceso de participación cidadá sobre o...

A xustiza deixa en liberdade con medidas cautelares o home detido por unha agresión sexual nun autobús urbano de Santiago

A titular da Sección de Violencia sobre a Muller do Tribunal de Instancia de...

O PSOE alerta da caída da vivenda nova en Santiago e reclama desbloquear solo residencial para aumentar a oferta

O Grupo Municipal Socialista de Santiago advertiu este martes da situación da vivenda na...

Tanxugueiras inaugura a Ascensión con centos de persoas no Obradoiro nunha escoita colectiva de ‘O Cuarto’

A Praza do Obradoiro acolleu este martes unha das citas máis concorridas do inicio...

Tanxugueiras inaugura a Ascensión con centos de persoas no Obradoiro nunha escoita colectiva de ‘O Cuarto’

A Praza do Obradoiro acolleu este martes unha das citas máis concorridas do inicio...

A USC reivindica en Fonseca o legado ético, feminista e literario de Begoña Caamaño no Día das Letras Galegas

A Universidade de Santiago de Compostela celebrou este martes no Salón Nobre do Colexio...

Santiago blinda o Banquete de Conxo: a festa histórica reivindica o seu bosque co obxectivo ‘residuo cero’

Santiago prepárase para o Banquete de Conxo. O Concello fixou a histórica celebración para...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here