A Casa do Cabido acolle a mostra Compostela a Lupa. Manuel Chicharro Bisi entre dous aniversarios 1849-1924, unha iniciativa organizada polo Consorcio de Santiago en colaboración co Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (CSIC-Xunta de Galicia). A exposición conmemora os 175 anos do nacemento e 100 anos do falecemento de Manuel Chicharro Bisi, un dos primeiros fotógrafos profesionais de Santiago, coñecido por documentar con detalle a vida e a evolución da cidade desde finais do século XIX ata principios do XX.

A recuperación dun legado visual único
A mostra está comisariada por Carlos Castelao e Rubén Martínez, que levaron a cabo un traballo de dixitalización en alta resolución de máis de dúascentas placas fotográficas de vidro pertencentes ao Fondo Chicharro do Instituto Padre Sarmiento. Moitas destas imaxes permanecían inexploradas ata o momento e permiten un achegamento inédito á cidade e ás súas transformacións arquitectónicas e sociais.
A selección expositiva estrutúrase en catro áreas temáticas:
- Actos e autoridades, que recolle imaxes de cerimonias oficiais, autoridades municipais e eventos relevantes.
- Santiago Intra muros, centrada na cidade histórica e os seus espazos emblemáticos.
- Santiago Extra muros, onde se documenta a evolución urbanística do Ensanche compostelán.
- Máis alá de Santiago, con fotografías de outros puntos de Galicia, como a Costa da Morte.
A saga Chicharro: un referente na fotografía compostelá
A familia Chicharro marcou un punto de inflexión na fotografía compostelá. Manuel Chicharro Bisi, nado en 1849, estableceu o seu primeiro estudio fotográfico na Rúa Nova en 1877 e, posteriormente, trasladouse á Rúa do Vilar en 1907. Durante décadas, documentou non só retratos de estudio senón tamén o crecemento e os cambios urbanísticos de Santiago. O seu fillo, Luis Chicharro Robelo, continuou a tradición ata os anos 30, antes de pasar a dirixir os talleres de fotogravado do Correo Gallego.
A través do seu obxectivo, os Chicharro captaron imaxes de autoridades locais e personalidades da época, así como da transformación arquitectónica da cidade. Na mostra poden verse fotografías que reflicten o crecemento do Ensanche compostelán, a reconstrución de edificios históricos ou as festividades populares que tiñan lugar na cidade. Segundo os comisarios, “os Chicharro entenderon que tiñan unha responsabilidade como testemuñas dunha cidade en cambio constante”.
As fotografías expostas: un Santiago en transformación

A exposición ofrece unha oportunidade única para observar Santiago tal e como era hai máis dun século. Entre as imaxes máis destacadas atópanse retratos institucionais e eventos oficiais, como a homenaxe a Rosalía de Castro en 1928 no Panteón de Galegos Ilustres, onde se poden ver coroas de flores con dedicatorias da Casa de Galicia de Nova York. Tamén por outro lado Chicharro retratou diversos actos e desfiles, como o do Coso Branco de 1914, un desfile de carrozas promovido pola Liga de Amigos de Santiago, no que participaron figuras da sociedade compostelá. Asimesmo, pódense apreciar nas fotografías coñecidos lugares como a Praza da Quintana, o claustro do Museo do Pobo Galego ou a Rúa do Vilar, onde os Chicharro tiñan o seu estudio, aberto ata o ano 1907.
Os maiores cambios arquitectónicos vense nas imaxes da construción do Ensanche, nas que se representan a remodelación da Praza de Galicia ou a desaparición das antigas casas de Espinoza, substituídas polo edificio do Banco de España. Por outra banda, unha das fotografías que máis amosa o cambio é a da esquina entre as rúas Xeneral Pardiñas e Montero Ríos. Hoxe esta esquina é unha praza peonil rodeada de comercios, pero nos anos 20 albergaba a Fábrica da Luz (onde hoxe se sitúan as galerías do local da Inmobiliaria Quatrium). Esta compañía eléctrica, que máis tarde pasaría a ser Fenosa, estaba situada nun grande soar onde aparcaban os camións e no que máis tarde se construiu o Hotel Araguaney.
Os comisarios destacaron que moitas destas imaxes amosan patrimonio desaparecido ou en proceso de transformación. Por exemplo, unha das fotografías expón as escaleiras de Santa Susana, que xa non se conservan no seu lugar orixinal. Tamén hai imaxes da estación de Cornes, da fábrica de electricidade de Fenosa e da igrexa de San Caetano, cando aínda estaba en construción.


Un aspecto fundamental da mostra é a posibilidade de examinar os detalles das imaxes cun efecto de lupa, grazas á alta resolución das fotografías dixitalizadas. Este recurso permite descubrir elementos que pasarían desapercibidos nunha observación superficial.
A exposición tamén busca poñer o foco na conservación do patrimonio fotográfico galego, un campo que, segundo os organizadores, “non recibe a atención que merece”. Os comisarios lamentaron que, mentres se protexen documentos históricos ou pinturas, a fotografía segue a ser unha disciplina en risco de perda. “Estamos a perder patrimonio fotográfico a mans cheas. Se non o preservamos, tamén estamos a perder a nosa propia memoria colectiva”, afirmou Castelao.
Neste sentido, destacouse a importancia de contar cun Centro Nacional de Fotografía en Galicia, unha iniciativa que foi aprobada por unanimidade polo Concello de Santiago durante a pandemia, pero que aínda non se materializou. “O problema é unha cuestión de prioridades, non só de cartos”, engadiu Castelao.



A mostra permite aos visitantes mergullarse nunha Compostela que xa non existe, redescubrindo lugares, persoas e tradicións que marcaron a historia da cidade. “Os Chicharro documentaron un momento clave da transformación urbana de Santiago”, indicaron os comisarios.
A exposición, de acceso gratuíto, pode visitarse na Casa do Cabido en horario de martes a sábado de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, e os domingos de 11:00 a 14:00 horas. Unha oportunidade única para explorar a historia visual da capital galega a través da obra dunha das súas sagas fotográficas máis importantes.
Please wait while you are redirected...or Click Here if you do not want to wait.