InicioSOCIEDADEOs habitantes secretos de Compostela: descubrindo as colonias felinas

Os habitantes secretos de Compostela: descubrindo as colonias felinas

Explora a vida e o impacto das colonias de gatos rueiros en Santiago de Compostela, unha comunidade que sobrevive nas rúas da cidade, enfrontándose a desafíos e amosando a necesidade de concienciación sobre o abandono animal.

Publicado o

Por elenagonfer

Nas rúas de Santiago de Compostela, unha cidade coñecida pola súa rica historia e beleza arquitectónica, hai unha comunidade secreta que estivo a florecer silenciosamente durante anos: as colonias felinas. Estas colonias, compostas por gatos rueiros, son unha parte integral do tecido urbano da cidade, pero adoitan pasar desapercibidas para moitos dos seus habitantes. Nesta reportaxe, exploraremos a vida e impacto destas colonias, así como os esforzos realizados para protexer e coidar a destes animais rueiros.

UNHA OLLADA Á REALIDADE COTIÁ

En Santiago é común atopar pequenas colonias de gatos que estableceron ou seu fogar nos recunchos máis inesperados da cidade. Estes felinos, coa axuda de asociacións e particulares, aprenderon a sobrevivir nunha contorna urbana, atopando refuxio nunhas características casiñas de madeira e plástico que se esconden entre os arbustos da cidade. Para moitos veciños son uns membros máis da comunidade.

Así o cre un veciño que comparte a súa experiencia. “A verdade é que por aquí hai bastantes gatiños, eu cando paso, de vez en cando, doulle uns mequiños e tal. Son moi feitos, para min somo coma os meus veciños, son un veciño máis tamén”, apunta en declaracións a Galicia Confidencial.

A pesar da capacidade de supervivencia destes felinos, a realidade é que enfrontan unha serie de desafíos, entre os que se inclúen a falta de acceso regular a alimentos, atención veterinaria e unha reprodución descontrolada. Para abordar estes problemas, varias organizacións locais e voluntarios están traballando xuntos para implementar programas que solucionen estas dificultades.

A IMPORTANCIA DE ARGO

Unha das organizacións máis activas en Santiago é ARGO. Eva, representante de ARGO, ofrécenos unha perspectiva profunda sobre o traballo que realizan e os retos que enfrontan. “Tivemos que poñer un cartel porque a xente pensaba que as casetas eran cubos de lixo e tiraban ata patas de galiñas e de todo. O problema coas colonias é que temos que ter moitísimo coidado coa hixiene, que é super importante para nós, para os gatos, e se non os veciños quéixanse. Moitas veces din ‘pero mira isto, que hai lixo’ e témoslles que dicir que iso non son os gatos, de feito, dende que están as colonias, a zona está moito máis limpa”.

Eva continúa explicando que para poder alimentar e coidar ós gatos, recorren a rifas, captan socios e organizan mercadillos, xa que os custos asociados coa alimentación, o mantemento e a atención veterinaria son elevados. Nas súas colonias, todos os gatos están esterilizados, excepto dous recentemente chegados. A esterilización é unha prioridade para ARGO, xa que a reprodución descontrolada pode levar a problemas maiores.

“Nas nosas colonias non nacen bebés desde hai moitos anos, os que chegaron veñen de leiras privadas de preto de aquí. Tamén che digo, non é noso deber esterilizarlos, é deber, por lei, do concello, pero se escaquean que da gusto. Aprovéitanse do voluntariado, din ‘dámosche un pouco de diñeiro para castrar’ coma se nos estivesen facendo un favor, pero o favor estámosllo facendo nós desde hai moitos anos”, asegura.

DESAFÍOS E PROBLEMAS

O apoio do goberno local foi mínimo, segundo Eva, quen menciona que nin o PSOE nin o actual BNG proporcionaron os recursos necesarios para apoiar ás colonias. Esta falta de apoio institucional levou ós voluntarios de ARGO a cargar coa responsabilidade financeira, loxística e emocional de coidar ós gatos rueiros. “Tivemos axuda para castrar con Compostela Aberta, e xa está, e as casetas púxoas Compostela Aberta. O PSOE non puxo nin un euro para nada, e o BNG pois a ver que pasa. Estamos a esperar, en teoría vai dar unha partida para castrar, pero seguimos esperando”, di.

Eva tamén destaca a importancia da educación e a empatía na comunidade para asegurar o benestar dos gatos: “Ós veciños da comunidade diríalles que hai que compartir o espazo, que os gatos non son unha praga e que se están ben alimentados e coidados, é beneficioso. Ademais, é unha forma de convivencia, especialmente para ensinarlles valores ós nenos”. A representante menciona situacións de boicot ó seu traballo por parte dalgúns veciños, e pide, “se non aportas, aparta”. Eva subliña a necesidade de aprender a convivir e sentenza que “se non van colaborar coas asociacións, polo menos que non entorpezan o noso labor. Os gatos teñen tanto dereito a estar aquí como nós ou como os seus cans“.

A ESPERANZA E O FUTURO DAS COLONIAS

A pesar dos retos, ARGO e outras organizacións similares continúan traballando incansablemente para mellorar a vida dos gatos rueiros e educar á comunidade sobre a importancia da esterilización e o coidado responsable.

Eva expresa un desexo profundo de que algún día non haxa gatos nas rúas. “O obxectivo das colonias é que acaben desaparecendo de maneira natural. Os gatos son animais domésticos, non deberían estar na rúa. Nós mellorámoslles a calidade de vida, coidámolos, dámoslles atención veterinaria… Se puidésemos retiralos todos da rúa e levárnolos a casa fariámolo, pero non é viable meter 50 gatos na casa”, insiste.

Para quen desexa colaborar, Eva suxire contactar coas asociacións locais ou cos veterinarios que colaboran con elas. Ademais, salienta a necesidade de denunciar o abandono e esterilizar ós gatos para evitar que a situación se agrave. “Temos que concienciar moitísimo en canto á esterilización e o abandono. A única opción ética é o CER (Captura, Esterilización e Retorno). Ningún gato debería vivir na rúa, son animais domesticados, e unha especie domesticada é responsabilidade do ser humano”.

A PROTECCIÓN QUE MERECEN

As colonias felinas de Santiago de Compostela son máis que simples grupos de gatos rueiros; son unha parte vital da comunidade, unha fonte de alegría e compañía para moitos veciños e unha molestia para os menos empáticos. Co apoio e a colaboración de asociacións como ARGO, residentes e voluntarios, podemos traballar xuntos para garantir que estes gatos reciban o coidado e a protección que merecen. Ao recoñecer e apreciar a importancia destas colonias, estamos un paso máis preto de crear unha contorna máis compasiva e segura para todos os habitantes da cidade, tanto humanos como felinos.

ÚLTIMAS

Raxoi critica “o fondo e a forma” da taxa turística, pero asegura que traballa para pola en marcha

A portavoz do goberno local de Santiago, Míriam Louzao, insistiu en criticar "o fondo e...

O Compos vence ao Laredo e amplía a súa boa racha no Vero Boquete

A SD Compostela acadou este sábado unha nova vitoria no estadio Vero Boquete, ao...

A USC participa nun proxecto de IA para alertar de cianotoxinas nas augas

O proxecto AIHABs, dirixido polo grupo de Hidrobiología da Universidade de Santiago de Compostela...

O Ateneo de Santiago organiza unha conferencia sobre o papel de China na “nova desorde mundial”

O próximo luns, 2 de decembro, ás 19:30 horas, o Ateneo de Santiago acollerá...

A USC participa nun proxecto de IA para alertar de cianotoxinas nas augas

O proxecto AIHABs, dirixido polo grupo de Hidrobiología da Universidade de Santiago de Compostela...

O próximo Congreso Internacional de Ordenación do Territorio celebrarase en Santiago o 2025

Galicia acollerá o próximo 2025 a duodécima edición do Congreso Internacional do Territorio (Ciot),...

Dous dos migrantes que recibiron negativa de asilo do Goberno permanecen no Monte do Gozo sen dereito a comida

O Foro Galego de Inmigración deu a coñecer este xoves a situación de cinco inmigrantes senegaleses...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here