InicioECONOMÍAA Cidade da Cultura reunirá en Santiago expertos e sociedade civil para...

A Cidade da Cultura reunirá en Santiago expertos e sociedade civil para impulsar unha alianza por un rural galego máis resiliente fronte ao lume

O Foro Territorio Rural Resiliente, promovido por entidades académicas, fundacións e profesionais da comunicación, busca definir unha folla de ruta estable para combater o abandono territorial, reforzar a actividade agraria e mellorar a prevención estrutural dos incendios forestais

Publicado o

Xornal de Compostela

A Cidade da Cultura de Galicia acollerá o vindeiro 28 de maio en Santiago de Compostela o Foro Territorio Rural Resiliente, unha cita que pretende avanzar cara á creación dunha alianza galega orientada a fortalecer o rural fronte aos incendios forestais e aos procesos de abandono territorial. A iniciativa, promovida desde a sociedade civil, está impulsada pola Fundación Juana de Veiga e o Laboratorio do Territorio da Universidade de Santiago de Compostela (LaboraTe), en colaboración coa Fundación RIA, a Fundación Roberto Rivas e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.

A presentación do encontro correu a cargo do vicerreitor de Innovación e Transferencia do Coñecemento da USC, Marcelo Maneiro; o director da Fundación Juana de Veiga, José Manuel Andrade; e a representante de LaboraTe, Inés Santé, quen explicaron que esta convocatoria constitúe a fase final dun proceso de reflexión colectiva desenvolvido nos últimos tres meses. Durante ese período, arredor de 120 especialistas procedentes de administracións públicas, universidades, organizacións agrarias, comunidades de montes e empresas participaron en seis mesas de traballo centradas en diferentes ámbitos da ordenación e xestión territorial.

José Manuel Andrade subliñou que o foro “non é unha xornada dun día”, senón a culminación provisional dun proceso máis amplo que busca consolidar unha estratexia sostida no tempo. Segundo indicou, o obxectivo é elaborar unha “folla de ruta” para continuar avanzando nun modelo de territorio máis activo, con maior capacidade para afrontar desafíos económicos, demográficos, ambientais e climáticos.

Entre os asuntos abordados nas mesas previas figuraron cuestións como a ordenación dos usos agroforestais, a mobilización de terras abandonadas e a cooperación público-privada. Neste contexto, Inés Santé advertiu de que aproximadamente o 20% da terra agraria galega permanece abandonada ou infrautilizada, unha realidade que, segundo estudos recentes citados durante a presentación, podería transformarse nun impacto económico adicional de arredor de 1.000 millóns de euros se esa superficie volvese ser produtiva.

Desde a USC, Marcelo Maneiro destacou a relevancia da transferencia de coñecemento para a planificación territorial e asegurou que o novo equipo de goberno universitario considera esta cuestión unha prioridade estratéxica. Nesa liña, puxo en valor o traballo desenvolvido por LaboraTe como referente internacional no ámbito da análise e planificación do territorio.

Outro dos eixos centrais do foro será o debate arredor da substitución xeracional no rural galego, identificada como un dos factores que agravan o abandono da actividade agraria e gandeira. Andrade lembrou que o rural ocupa o 80% do territorio galego, pero concentra só o 25% da poboación, unha realidade que contribúe á perda de actividade económica, ao incremento da biomasa e á maior exposición aos grandes incendios nun contexto de cambio climático.

Tamén alertou da situación de sectores clave como o lácteo, que xestiona un terzo da superficie agraria, ou o cárnico, no que preto da metade dos produtores se atopan en idade próxima á xubilación. Segundo apuntou, a perda continuada de superficie agraria útil dificulta a creación de paisaxes en mosaico e de áreas de descontinuidade vexetal, consideradas ferramentas relevantes para limitar a propagación do lume.

A xornada do 28 de maio, que xa supera as 220 inscricións, servirá para identificar medidas prioritarias e coñecer experiencias aplicadas noutros territorios, entre elas iniciativas como os “rabaños de lume” desenvolvidos en Cataluña, baseados no uso do pastoreo como mecanismo preventivo para reducir combustible vexetal e reforzar a protección fronte aos incendios forestais.

ÚLTIMAS

O Compostela cae ante o Marino de Luanco no seu debut ligueiro no Vero Boquete

A SD Compostela estreouse na competición ligueira cunha derrota por 0-3 fronte ao Marino...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

Lestegás reclama que Santiago xestione os fondos estatais para as zonas de mercado tensionado

O Concello de Santiago reclama poder xestionar directamente os fondos que o Ministerio de...

Louzao sitúa o turismo de Santiago nunha fase de estabilización e defende a diversificación aérea tras a saída de Ryanair

A concelleira de Turismo de Santiago, Míriam Louzao, realizou este mércores un primeiro balance...

Santiago, entre as cidades beneficiadas polos 5,1 millóns para zonas tensionadas

O Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana destinará 5,1 millóns de euros a Galicia...