InicioPOLÍTICAO PP propón asumir dende o Concello as extraescolares, crear ‘paradas familiares’...

O PP propón asumir dende o Concello as extraescolares, crear ‘paradas familiares’ e unha bolsa de zona azul para facilitar a vida das familias

Borja Verea inicia unha campaña semanal de medidas centradas en pais e nais de entre 30 e 45 anos coa vista posta en “construír unha alternativa de cambio” para a cidade

Publicado o

Xornal de Compostela

O portavoz municipal do Partido Popular en Santiago, Borja Verea, presentou este luns o primeiro bloque dunha nova campaña política coa que, segundo avanzou, irá anunciando durante as próximas semanas propostas dirixidas especialmente ás familias compostelás, con medidas enfocadas na conciliación, a mobilidade e a organización diaria.

Durante a súa comparecencia, Verea asegurou que tras anos percorrendo barrios e falando con asociacións, familias e centros educativos, e tamén dende a súa experiencia persoal como pai, detecta entre moitos proxenitores composteláns unha sensación compartida de “vivir sempre correndo” para compatibilizar horarios escolares, actividades e obrigas cotiás. Neste contexto, defendeu que “criar un fillo en Santiago non pode ser unha carreira de obstáculos” e apostou por unha cidade “máis amable, máis familiar e máis fácil de vivir”.

A primeira das medidas anunciadas consiste en que o Concello asuma directamente a organización das actividades extraescolares nos centros educativos, substituíndo ás ANPA que así o desexen. Verea sinalou que as asociacións de nais e pais realizan un labor “extraordinario”, pero considerou que non deben funcionar como prestadoras de servizos. A súa proposta pasa por ofrecer dende a administración local actividades deportivas, artísticas, tecnolóxicas ou de idiomas, buscando, segundo explicou, “igualdade entre barrios e centros escolares”, tanto públicos como concertados.

O líder popular precisou que este modelo sería voluntario e que cada ANPA podería decidir se cede total ou parcialmente esa responsabilidade ou se mantén actividades específicas pola súa conta.

No ámbito da mobilidade, Verea presentou a chamada ‘parada familiar’, un sistema de estacionamento rápido en puntos próximos a farmacias, centros escolares, escolas infantís ou centros de saúde, pensado para xestións breves vinculadas ao coidado de menores. Segundo explicou, a iniciativa pretende evitar que as familias teñan que investir longos períodos na procura de aparcamento en situacións urxentes ou cotiás. Sobre o seu funcionamento, recoñeceu que o control dependería da vixilancia municipal e do cumprimento das normas por parte da cidadanía.

A terceira proposta é a creación dunha ‘bolsa familiar zona azul’, baseada nunha bolsa de horas gratuítas de estacionamento regulado para familias, co obxectivo de reducir o que definiu como unha “penalización diaria” asociada aos desprazamentos e xestións familiares.

Verea enmarcou estas iniciativas nun proxecto político máis amplo orientado ás eleccións municipais do vindeiro ano, aínda que evitou centrar o foco exclusivamente na súa candidatura. “O importante non é a candidatura. O importante é a cidade”, afirmou, incidindo en que o seu obxectivo é “construír unha alternativa de goberno” para abrir “unha nova etapa” en Santiago.

O portavoz popular asegurou que a campaña busca sumar apoios cidadáns arredor dese proxecto e avanzou que cada semana irá detallando novas medidas “menos de discursos baleiros e máis de solucións”, centradas na vida diaria dos composteláns.

UNHA PROPAGANDA ENVIADA POLO PP AOS FOGARES, VINCULADA Á “ALTERNATIVA DE CAMBIO”

Preguntado por Xornal de Compostela sobre o envío dun folleto informativo aos domicilios composteláns antes de que o Partido Popular confirmase oficialmente a súa candidatura á Alcaldía, Borja Verea evitou presentar esa acción como unha confirmación formal, aínda que reivindicou con claridade o seu papel como referente da oposición e líder do proxecto político popular en Santiago.

Folleto enviado polo PP coa cara de Borja Verea aos fogares dos composteláns – Xornal de Compostela

Segundo explicou, o obxectivo principal desa campaña era “construír xuntos a cidade” e ampliar a base social da súa proposta política, convidando á cidadanía a sumarse ao que definiu como unha “alternativa de cambio”. Verea sinalou que a información distribuída incluía vías de contacto para incorporar veciños ao proxecto e reforzar o equipo arredor da súa proposta.

“O candidato, o líder da oposición durante os últimos anos, é o que está falando aquí”, respondeu, dando por feito o seu liderado dentro desa alternativa sen aclarar expresamente os tempos da designación oficial.

O portavoz popular insistiu en que, a un ano das eleccións municipais, percibe na rúa unha crecente demanda de cambio político en Santiago e unha vontade de “abrir unha nova etapa”, polo que enmarcou tanto o folleto como a nova campaña de propostas nun proceso de construción política sostido no tempo e centrado, segundo dixo, en ofrecer unha cidade “que funcione mellor” e facilite a vida diaria da veciñanza.

ÚLTIMAS

O Compostela cae ante o Marino de Luanco no seu debut ligueiro no Vero Boquete

A SD Compostela estreouse na competición ligueira cunha derrota por 0-3 fronte ao Marino...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

O PP denuncia que a Policía Local traballou con seis axentes nalgúns días do verán

O Partido Popular de Santiago denunciou a situación dos efectivos da Policía Local durante...

Sanmartín prevé asinar o novo contrato dos autobuses en setembro e poñer o servizo en marcha este outono

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, situou para finais da próxima semana ou comezos...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here