InicioECONOMÍAA Xunta incrementa ata os 3 millóns a achega a Santiago pola...

A Xunta incrementa ata os 3 millóns a achega a Santiago pola súa capitalidade en 2026

O novo convenio co Concello compostelán, autorizado polo Consello da Xunta, eleva un 14% o financiamento anual previsto no Estatuto de Capitalidade e supera xa o 25% de aumento no que vai de lexislatura

Publicado o

Xornal de Compostela

Santiago de Compostela recibirá en 2026 unha achega de 3 millóns de euros por parte da Xunta de Galicia para contribuír ao financiamento dos custos asociados á súa condición de capital autonómica, despois de que o Consello da Xunta autorizase este luns a sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellería de Facenda e o Concello.

A medida inscríbese no marco da Lei 4/2002 do Estatuto de Capitalidade de Santiago de Compostela, a normativa que recoñece oficialmente á cidade como sede das institucións da Comunidade Autónoma e que regula a cooperación entre ambas administracións para facer fronte ás cargas derivadas desa condición institucional.

Segundo destacou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, esta partida responde á obriga recollida no propio estatuto de garantir un financiamento específico para compensar os gastos adicionais que implica para o municipio albergar organismos e servizos centrais da administración galega. A contía prevista para o vindeiro exercicio supón un incremento do 14% respecto ao ano anterior.

Rueda subliñou tamén que, no conxunto da actual lexislatura, o Executivo autonómico elevou en máis dun 25% os fondos destinados á capitalidade compostelá. A este importe súmanse, ademais, os arredor de 2 millóns de euros anuais que o Concello percibe a través do imposto de bens inmobles (IBI) correspondente aos edificios públicos vinculados ás institucións galegas e aos seus servizos administrativos.

A Xunta lembrou igualmente que o apoio económico á cidade vai máis alá desta partida específica, ao incluír tamén investimentos e contribucións noutras áreas como o patrimonio cultural, o turismo, as infraestruturas viarias ou a política lingüística, a través da súa participación en organismos e entidades como o Consorcio de Santiago, a Fundación Cidade da Cultura ou os dispositivos vinculados á seguridade da Catedral.

RAXOI CONSIDERA “INSUFICIENTE” A ACHEGA

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, cuestionou a contía anunciada pola Xunta ao considerar que os 3 millóns de euros previstos para 2026 non responden ás necesidades reais derivadas da capitalidade compostelá. A rexedora sostivo que o Goberno galego mantén coa cidade “unha débeda histórica” e reclamou unha revisión máis ampla do financiamento previsto no Estatuto de Capitalidade.

Esta subida non nos parece suficiente”, afirmou Sanmartín, que lembrou que a actualización realizada polo actual executivo municipal do estudo sobre os custos da capitalidade situaba a achega necesaria en arredor de 8 millóns de euros anuais.

A alcaldesa criticou tamén que o incremento anunciado pola Xunta, dun 14% respecto ao exercicio anterior, se presente como un avance relevante. “Entendemos que é simplemente querer quedar ben cunhas cantidades que non hai absolutamente ningunha dúbida de que son totalmente insuficientes”, sinalou, antes de engadir que os importes destinados a Santiago están “moi por debaixo” dos que perciben outras cidades do Estado pola súa condición institucional.

Neste contexto, Sanmartín insistiu en que a Xunta “non está a cumprir con Santiago” e reiterou a necesidade de convocar a Comisión de Capitalidade, o órgano previsto para abordar as relacións e o financiamento entre ambas administracións. Segundo afirmou, este organismo “nunca se reuniu” porque o Goberno galego “non quere enfrontar os datos que están encima da mesa”.

ÚLTIMAS

O Compostela cae ante o Marino de Luanco no seu debut ligueiro no Vero Boquete

A SD Compostela estreouse na competición ligueira cunha derrota por 0-3 fronte ao Marino...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

Lestegás reclama que Santiago xestione os fondos estatais para as zonas de mercado tensionado

O Concello de Santiago reclama poder xestionar directamente os fondos que o Ministerio de...

Louzao sitúa o turismo de Santiago nunha fase de estabilización e defende a diversificación aérea tras a saída de Ryanair

A concelleira de Turismo de Santiago, Míriam Louzao, realizou este mércores un primeiro balance...

Santiago, entre as cidades beneficiadas polos 5,1 millóns para zonas tensionadas

O Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana destinará 5,1 millóns de euros a Galicia...