InicioM. AMBIENTE E PATRIMONIOA USC presenta unha restauración dixital do Mestre Mateo que revela novos...

A USC presenta unha restauración dixital do Mestre Mateo que revela novos datos sobre o Pórtico da Gloria

O proxecto 'KosmoTech_1200' reconstrúe a policromía e o deseño orixinal dunha das figuras máis emblemáticas da Catedral de Santiago

Publicado o

Xornal de Compostela

O proxecto ‘KosmoTech_1200’ da USC, en colaboración coa Fundación Catedral, fixo pública unha restauración dixital da figura do ‘Mestre Mateo’, coñecida popularmente como ‘o santo dos croques’, coincidindo co aniversario da colocación dos dinteles do Pórtico da Gloria, datada o 1 de abril de 1188 segundo a inscrición conservada.

A intervención consistiu na restitución virtual das partes perdidas da escultura e na reconstrución da súa policromía, permitindo ofrecer unha nova aproximación ao aspecto orixinal desta figura. O resultado pode consultarse a través dos contidos audiovisuais difundidos polo proxecto.

Segundo explicou o director científico da investigación, Francisco Prado-Vilar, “o resultado permite apreciar a calidade excepcional da obra, tanto na sofisticación do seu deseño escultórico como na precisión da súa execución material, restituíndo a intensa presenza que a figura debeu de posuír dentro do programa orixinal do Pórtico”.

A análise desenvolvida no marco deste traballo permitiu tamén avanzar na interpretación iconográfica e simbólica da escultura, establecendo relacións coa inscrición dos dinteles —onde figura o nome do Mestre Mateo— e co coro pétreo cara ao que dirixe a súa mirada. Estes elementos foron clave para comprender a disposición escenográfica da figura dentro do conxunto monumental.

A investigación achega, ademais, novas perspectivas sobre cuestións debatidas historicamente, como a identidade, formación e contexto intelectual do Mestre Mateo, así como a súa relación coa cidade de Santiago. Neste sentido, o estudo propón unha visión máis ampla do seu papel no desenvolvemento artístico e cultural da catedral.

Prado-Vilar sinala tamén que “Mateo deixounos a súa autobiografía delineada no seu retrato, á espera de ser descifrada”, e engade que a figura constitúe “un fito na representación do artista como creador intelectual” vinculado ao concepto do sapiens architectus.

O traballo documenta igualmente os importantes danos sufridos pola escultura ao longo do tempo, especialmente na cabeza —afectada polo tradicional ritual dos “croques”— e na parte inferior, onde se concentraban elementos de gran complexidade escultórica que se perderon debido a roturas e procesos de degradación do granito.

Unha fotografía dos anos cincuenta, anterior ás escavacións na nave central, permitiu analizar tanto o estado da peza como a súa configuración orixinal. Tras estas intervencións, o nivel do chan foi modificado, substituíndose o pavimento histórico por unha base de formigón, o que provocou que a figura pase a situarse sobre un pedestal. Na súa disposición inicial, o Mestre Mateo aparecía axeonllado directamente ao nivel dos fieis, compartindo o mesmo plano espacial.

A restauración dixital foi realizada por Alexandre González Rivas, quen empregou máis dunha decena de ferramentas especializadas para reconstruír virtualmente a escultura a partir dos datos obtidos pola investigación.

ÚLTIMAS

Colectivos propalestinos convocan unha protesta en Santiago pola participación de médicos israelís nun congreso

A celebración en Santiago de Compostela dun congreso europeo dedicado á investigación en medicina...

O servizo municipal de asesoramento sobre alugueiros de Santiago atende preto de 200 consultas nos seus tres primeiros meses

O Servizo Municipal de Información e Asesoramento en Materia de Alugueiro de Santiago de...

Monbus busca novos condutores para o transporte urbano de Santiago con contratos indefinidos e incorporación inmediata

A empresa Monbus iniciou un proceso de contratación de novos condutores e condutoras para...

Norwegian conectará Santiago e Copenhague con dous voos semanais no verán de 2027

O aeroporto de Santiago de Compostela contará cunha nova conexión internacional durante o verán...

A Catedral de Santiago e San Martiño Pinario abrirán as súas bibliotecas ao público con visitas guiadas este venres

O patrimonio bibliográfico de Santiago de Compostela será protagonista este venres 23 de outubro,...

Santiago acollerá en 2027 o Foro Consultivo Anual dos Itinerarios Culturais do Consello de Europa

Santiago de Compostela será a sede en outubro de 2027 do Foro Consultivo Anual...