InicioCULTURAUnha exposición no Gaiás explora os límites entre o físico e o...

Unha exposición no Gaiás explora os límites entre o físico e o virtual con 80 obras internacionais

A mostra 'Mundo expandido', procedente da Fundación Telefónica, abre no Museo Centro Gaiás cun percorrido por instalacións inmersivas, réplicas dixitais e reflexións sobre identidade, tecnolloxía e sociedade conectada

Publicado o

Xornal de Compostela

O Museo Centro Gaiás, na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, acolle desde este mércores, 4 de febreiro, e ata o 30 de agosto a exposición ‘Mundo expandido’, unha mostra que propón unha reflexión arredor da relación entre a realidade física e a virtual a través de 80 pezas de arte dixital e tecnolóxica. Trátase da primeira itinerancia en España desta exposición, creada pola Fundación Telefónica, tras o seu paso pola súa sede en Madrid entre 2023 e 2024 e polo Museo de Arte de Lima (MALI).

A exposición reúne obras de artistas procedentes dunha ducia de países, entre eles Canadá, Estados Unidos, China, Suíza, Reino Unido, Nova Zelandia e España, e estrutúrase en varias salas temáticas que abordan cuestións como a inmersión dixital, a construción de mundos virtuais, as réplicas do mundo real, a identidade no contexto tecnolóxico e a formación de comunidades en liña.

O percorrido comeza coa instalación ‘10.000 cidades en movemento, iguais pero diferentes’, do artista suízo Mark Le, unha obra que emprega datos recompilados en tempo real das redes sociais para recrear, mediante unha proxección con videomapping, unha paisaxe urbana composta por pantallas dispostas en torres. O público pode escoller calquera cidade do mundo e observar como as imaxes se proxectan sobre esta arquitectura efémera, nun exercicio que invita a pensar na homoxeneización das urbes no contexto da globalización.

A continuación, a mostra avanza por distintos ámbitos expositivos, entre eles unha sección dedicada ás experiencias inmersivas, outra centrada na creación de mundos dixitais e unha máis que aborda as réplicas virtuais do mundo físico. Neste espazo insírese a obra interactiva ‘Bounding box’, do creador Solimán López, un cubo de luz que recoñece a silueta das persoas que entran nel a través da análise do movemento corporal.

A instalación recompila datos biométricos para delimitar un espazo virtual e reacciona cun estrondo cando o visitante sae dos seus límites. A peza toma como referencia o concepto técnico de “marco de delimitación”, empregado na visión por computador, e foi desenvolvida inicialmente en Shanghái en 2017, sendo posteriormente adaptada para esta exposición. Segundo explicou o propio artista durante a visita á prensa, a obra explora as “friccións entre o mundo real e o mundo virtual”.

Na mesma sala preséntase tamén o proxecto ‘Tuvalu Metaverse’, unha iniciativa impulsada polo Goberno de Tuvalu, un pequeno Estado insular do Pacífico ameazado pola subida do nivel do mar. A proposta consiste na creación dun xemelgo dixital do país no metaverso, no que se recrean o territorio, os espazos institucionais e os elementos culturais, co obxectivo de conservar a memoria colectiva ante un posible escenario de desaparición física.

Outra das seccións da exposición céntrase no impacto das tecnoloxías dixitais na construción da identidade persoal. A sala ‘Seres dixitais’ aborda a representación do corpo na realidade virtual e a influencia de ferramentas como os filtros das redes sociais na percepción da imaxe física. Neste ámbito sitúase a instalación ‘Augmented Reflections’, de Johanna Jaskowska e Ines Alpha, que utiliza realidade aumentada como unha forma de “maquillaxe virtual” para modificar en tempo real os rostros dos visitantes.

A exposición complétase con obras como ‘Portraits’, de Eva e Franco Mattes, que traslada avatares da comunidade virtual ‘Second Life’ ao formato pictórico, ou co proxecto ‘The Digitals’, unha axencia de modelos integrada exclusivamente por figuras dixitais.

Durante a inauguración, o conselleiro de Cultura, José López Campos, destacou a dimensión internacional da mostra e subliñou que ofrece unha “reflexión diversa e coral sobre cuestións de plena actualidade”, como o uso da intelixencia artificial, a creación de xemelgos dixitais ou os fenómenos de polarización e acoso nas redes. A exposición permanece aberta ao público no Gaiás durante todo o verán como parte da programación cultural da Cidade da Cultura.

ÚLTIMAS

Santiago e A Coruña crean un grupo de traballo para coordinar as súas políticas nas zonas de mercado tensionado

As alcaldesas de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, e da Coruña, Inés Rey, acordaron...

Santiago mantén a vixilancia sobre o vertido de Tordoia malia o freo do seu avance

O vertido de purín provocado pola rotura dunha balsa nunha explotación gandeira de Tordoia...

A Policía propón para sanción o dono dun local de Santiago por permitir o consumo de drogas no interior

O propietario dun establecemento de Santiago de Compostela foi proposto para sanción por permitir...

Usuarios de Monbus denuncian falta de prazas no autobús das 06:45 entre Santiago e A Coruña

A Plataforma de Afectados 645 denunciou os problemas de capacidade que, segundo asegura, se...

Xalundes e LG1DO protagonizarán unha xornada musical das Xornadas de Benvida da USC

A Universidade de Santiago de Compostela incorporará unha xornada dedicada á música galega á...

Un mural no Castiñeiriño visibiliza a realidade das persoas con dano cerebral adquirido

A rúa do Castiñeiriño conta estes días cun novo mural destinado a dar visibilidade...

Lucía Suárez, directora da Galería Dupla: “A arte é algo moi universal e nós somos unha ponte entre os artistas e o público”

A directora da galería Dupla, Lucía Suárez, asumiu este ano a presidencia de Contemporánea,...