InicioCULTURAO Concello de Santiago retoma a XX Campaña municipal de animación á...

O Concello de Santiago retoma a XX Campaña municipal de animación á lectura tras cinco anos de parón

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Santiago presentou a XX edición da Campaña municipal de animación á lectura, unha iniciativa que se retoma neste curso tras quedar interrompida no ano 2020 pola pandemia. O programa, impulsado desde o Departamento de Educación, desenvolverase entre o 9 de febreiro e o 12 de marzo e terá como eixo central unha exposición e diversas actividades na Sede Afundación da Rúa do Vilar.

A concelleira de Educación, Míriam Louzao, salientou durante a rolda de prensa que a recuperación desta campaña supón “volver poñer en marcha un proxecto moi querido e moi demandado pola comunidade educativa”, ao tempo que destacou o seu carácter emblemático dentro das políticas municipais de promoción da lectura. Segundo indicou, en edicións anteriores participaron arredor de 5.000 persoas, e nesta convocatoria xa se rexistraron máis de 3.200 solicitudes.

A campaña organízase en colaboración con Kalandraka Editora e toma como referencia principal o álbum gañador do Premio Compostela para Álbuns Ilustrados, ‘Grande e pequena’, da autora italiana Arianna Schiloni e da ilustradora madrileña Raquel Catalina Ledés. Xunto a este título, a programación incorpora tamén os últimos premios Compostela, que conforman un conxunto de sete álbums arredor dos cales se artella a exposición e as actividades.

Durante mes e medio, a Sede Afundación converterase nun espazo expositivo no que se combinarán textos literarios, ilustracións orixinais, elementos tridimensionais, música e zonas de lectura. A mostra estará aberta tanto ao público escolar como á cidadanía en xeral, tamén en horario de tarde, co obxectivo de favorecer o acceso aos libros e ao álbum ilustrado como ferramenta cultural compartida.

No ámbito educativo, a programación inclúe sesións de contacontos e visitas guiadas dirixidas a alumnado de educación infantil e primeiro ciclo de primaria, con grupos de ata 50 nenos e nenas e horarios ás 10:30 e ás 12:00. Estas actividades teñen como finalidade achegar á cativada a oralidade, a música e a ilustración como elementos motivadores para a lectura.

Para o segundo e terceiro ciclo de primaria están previstos obradoiros específicos. Por unha banda, celebraranse obradoiros de ilustración e encontros co ilustrador Xosé Cobas os días 10, 23 e 24 de febreiro, centrados no proceso creativo e na valoración das producións plásticas como acto de comunicación. Por outra, os días 25, 26 e 27 de febreiro desenvolveranse obradoiros de escrita creativa co escritor Chisco Fernández Naval, dirixidos ao alumnado de quinto e sexto de primaria.

A campaña contempla tamén accións formativas para o profesorado e mediadores de lectura, como a presentación previa da programación e visitas guiadas á exposición, así como actividades abertas ás familias, incluíndo contacontos para bebés, sesións con música e unha proposta específica con lingua de signos. Algunhas destas sesións estarán conducidas polo músico e narrador Paco Nogueira.

Desde Kalandraka, Manuela Rodríguez subliñou que esta edición permite achegar á infancia unha panorámica ampla do álbum ilustrado contemporáneo, con obras de procedencia e temáticas diversas, ao tempo que se reforza a dimensión patrimonial da actividade, ao situarse na Casa Grande do Pozo. Neste sentido, a campaña incorpora materiais divulgativos sobre este edificio histórico para que o alumnado coñeza tamén o patrimonio da cidade mentres participa nas actividades.

Segundo indicou o Concello, toda a programación é de balde e a información detallada, xunto cos materiais didácticos asociados, estará dispoñible na páxina web municipal. A iniciativa persegue fomentar o gusto pola lectura desde idades temperás, promover o uso do galego e ofrecer ferramentas tanto ao profesorado como ás familias para acompañar os procesos lectores máis alá das aulas.

ÚLTIMAS

Lucía Suárez, directora da Galería Dupla: “A arte é algo moi universal e nós somos unha ponte entre os artistas e o público”

A directora da galería Dupla, Lucía Suárez, asumiu este ano a presidencia de Contemporánea,...

O persoal de limpeza e conserxaría de Santiago suspende a folga tras lograr avances con Lacera

A CIG informa de que o persoal de limpeza e conserxaría dos colexios e...

Santiago activa medidas de aforro de auga ante o risco dunha vertedura de xurro no Tambre

O Concello de Santiago mantén baixo seguimento a posible chegada ao río Tambre dunha...

O Festival Maré reunirá en Santiago artistas de máis de 16 países na súa sétima edición

O Festival Maré celebrará do 23 ao 27 de setembro a súa sétima edición...

Lucía Suárez, directora da Galería Dupla: “A arte é algo moi universal e nós somos unha ponte entre os artistas e o público”

A directora da galería Dupla, Lucía Suárez, asumiu este ano a presidencia de Contemporánea,...

O Festival Maré reunirá en Santiago artistas de máis de 16 países na súa sétima edición

O Festival Maré celebrará do 23 ao 27 de setembro a súa sétima edición...

Aberto26 abrirá a tempada da arte contemporánea con exposicións simultáneas en nove galerías galegas

A cuarta edición de 'Aberto' celebrarase do 17 ao 19 de setembro cun programa...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here