A catedrática de Óptica Maite Flores Arias, candidata á reitoría da Universidade de Santiago de Compostela, defende que a institución precisa “un cambio estrutural global” e sitúa entre as prioridades un plan estratéxico con auditoría interna, a mellora das infraestruturas e a reforma dos servizos de apoio á investigación. Flores fala con Xornal de Compostela semanas despois de que a Comisión Electoral Central (CEC) da USC lle remitise unha advertencia por “incumprir” as normas do procedemento electoral ao “aproveitar” unha canle de comunicación vinculada ao seu cargo —un grupo de WhatsApp do programa ‘A Ponte’—; e tras o seu cesamento como delegada do reitor na Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG), unha decisión que ela di recibir con “sorpresa”.
Leva anos ocupando postos de relevancia na Universidade. Que aprendizaxes considera máis útiles desa traxectoria de cara a exercer a reitoría?
Penso que todas as aprendizaxes son boas e construtivas. Fun secretaria de departamento, que foi a miña aproximación a postos unipersoais durante algo máis de catro anos. Despois, entrei a formar parte do Tribunal Único das probas do que comunmente se chama Selectividade, como presidenta de tribunal. Aí vese todo o tema dos tempos e demais.
Cando me meto nunha cousa gústame facela ben. E non me daban os tempos para articular todo, e por iso deixei a secretaría de departamento. Despois, nese período, pedíronnos montar o Instituto de Materiais e entrei a facer todo o traballo previo para crear un instituto de investigación, no que hoxe me integro como investigadora. Iso permitiume achegarme moito máis á estrutura da investigación dentro das universidades.
Tamén fun directora de departamento. O meu, Física Aplicada, era dos máis grandes antes da fusión, con 64 membros. Nunca estiven desvinculada da xestión. E despois foi cando se me propuxo, pola experiencia como presidenta do Tribunal Único, pasar a ser a delegada na CIUG e levar a presidencia.
O cargo que ocupou ata agora…
Si, é o cargo que ocupei ata agora. Un cargo que puxen ao dispor do reitor hai dous anos cando decidín presentarme, e volvín poñelo ao dispor en maio pasado cando souben que María José se ía presentar a reitora.
O reitor expuxérame que era un cargo que non participaba nas decisións de goberno, porque eu non estou nesas reunións do equipo de goberno.
Sobre a advertencia da Comisión Electoral Central e o seu cesamento da CIUG, a USC acúsaa de malas prácticas…
En relación á advertencia da Comisión Electoral, eu acepteina e acateina, aínda que non a comparto. Fálase de usar unha canle oficial á que teño acceso en virtude do meu cargo. A canle era un grupo de WhatsApp, que non é oficial.
É un grupo que fixeron os estudantes hai dous anos e pedíronme que entrase. O primeiro ano non quixen entrar porque non me encanta. Logo decateime de que podía axudarme a ter unha comunicación máis directa.
Nunca o usei como canle oficial para trasladar cousas institucionais. É unha canle de comunicación. Eles fixeron o grupo, non sei nin quen está, e eles subiron xente. Dicíase que eu facía uso porque era un teléfono de traballo. Usar o teléfono de traballo era o que tocaba, porque era unha canle que fixeron para unha cousa vinculada ao meu traballo.
Pero dicir que é unha canle oficial e que a estou usando para facer campaña electoral… Penso que imos moi polo miúdo. O único que dixen foi que tiñamos que facer unha xuntanza para preparar os encontros deste ano. Alguén me dixo: “Maite, estás equivocada, nós somos os do ano anterior”. E eu dixen: “Perdoade, cando rematen os exames, se queredes, reunímonos despois”. É dicir, incluso pedín desculpas por interromper o grupo e por equivocarme de grupo.
E tamén dixen que, como sabían que son candidata a reitora, xa nos reuniriamos unha vez rematase isto —xa en tempo de campaña— para preguntar polas problemáticas que teñen nos centros, porque a forma de construír e arranxar problemas é saber cales son.
E se iso é propaganda electoral, que me digan por que non é propaganda electoral cando as outras candidatas están convocando fóra de campaña xente nos centros para expoñer o programa. Paréceme bastante peor que o que fixen eu.
Non era canle oficial nin fixen uso do meu cargo para acceder a iso. O grupo foi creado hai dous anos, non foi por esta situación. Isto responde a outra causa.
Foi unha mala interpretación, entón?
Eu molesto, así de claro. Eu puxen o cargo ao dispor do reitor por dúas veces: hai dous anos cando decidiron presentarme e outra en maio, antes de empezar as probas, cando souben que María José se presentaba en firme. Preguntei se se ía presentar: non estaba confirmado, podía pasar como con Mar Lorenzo, que soaba e ao final non foi. E volvín poñer o cargo ao dispor.
Non foi incompatibilidade. Porque, senón, teriamos que falar de todos os que van agora nos equipos e seguen aí. Ou o caso de Rosa Crujeiras, que segue como directora en funcións do instituto.
E é un uso moi intencionado. A xente que me coñece sabe o rigorosa que son, por exemplo, co acceso a datos. Na CIUG temos datos máis de 12.000 alumnos de toda Galicia e sempre traballo coa xente de aí porque non podemos facer mal uso dos datos.
En relación ao reitor Antonio López, no caso da súa candidatura, habería unha continuidade, unha ruptura, unha reformulación…?
A universidade necesita un cambio. Non necesita un lavado de cara. Necesita un cambio estrutural grande. Temos que ser moi conscientes. Non serve só unha man de pintura. Hai que facer un cambio. Estamos levando unha dirección que, para min, é moi equivocada. E vainos poñer nunha situación moi lonxe do que eu quero ver na universidade en dez anos. Eu, en dez anos, gustaríame ter unha universidade da que nos sintamos orgullosos de que as nosas fillas e os nosos fillos estudien nela. Iso non é o que imos ter se seguimos co traballo que estamos tendo agora.
Se chegase a ser reitora, cando remate o mandato seis anos despois, que lle gustaría que dixesen de vostede?
Quero que digan de min o que din cando pasei por calquera dos cargos: que fun unha persoa moi disciplinada, moi comprometida, e que fun diferenciadora, poñendo un antes e un despois. E que o meu traballo foi valorado polo que fixen.
Non imos aquí para colgarnos medallas. Imos aquí para sentirnos orgullosos do que facemos, polo menos eu. E para cumprir sen ligaduras, sen restricións nin compromisos previos adquiridos.
Non fai falta descubrir a pólvora. Hai moitas universidades do noso tamaño que están facendo cousas que nós non estamos facendo. E outra cousa: a miña traxectoria non é só dentro da institución. Teño unha traxectoria moi marcada, investigadora e tamén de xestión fóra.
E cando digo que quero facer esta proposta, non é froito dunha improvisación: é un traballo ben feito, feito dende hai dous anos, e atende tamén a asumir unha responsabilidade nos momentos difíciles que nos van vir.
No primeiro ano de mandato fala da necesidade dun plan estratéxico. Que aspectos tería que marcar esa folla de ruta?
O primeiro é unha auditoría interna para saber o que temos. Os cartos son importantes: temos que ver o que se ten e decidir con eses cartos que se fai. Sen plan, semella que imos dando resposta aos problemas de cada día. Trátase de buscar solucións, non de buscar problemas ás solucións.
Hai que identificar moitas cousas. Por exemplo, nas infraestruturas: identificar que está infravalorado. Ter un plan de mantemento de todas as infraestruturas, porque non o temos. Agora mesmo temos goteiras en todos os centros. Veño de ver laboratorios que se caen a anacos, cousas que non cumpren seguridade. O que temos, temos que coidalo.
E unha cousa totalmente diferencial é a nosa forma de relacionarnos cos avances que está sufrindo a sociedade: a implementación da intelixencia artificial na universidade aínda non se iniciou. Xa chegamos tarde, pero non podemos chegar tan tarde que quedemos obsoletos. Hai que facelo con responsabilidade, estudalo, investir.
Nos últimos anos, e xa nos doce anteriores, non se fixo investimento para manter o que temos: os diferentes softwares, a integración entre eles. Un problema diario é que se pedimos información nunha base de datos dannos unha resposta e se a pedimos noutra dannos outra. Onde está a gobernanza do dato? A boa definición dos datos? A operatividade? Para non investir o tempo en burocracia.
E logo, un plan plurianual: hai cousas que non se poderán acometer só no primeiro ano, pero haberá que programalas e ver como se van facendo, con partidas contempladas nos orzamentos. Se nin sequera facemos ese esforzo, tiramos os cartos, como se fixo con San Clemente.
Fálase tamén da precariedade na investigación. Que reformas ve urxentes?
Esa parte coñézoa perfectamente, porque levo moito tempo sufríndoa. E non o digo polos seus traballadores, que son excelentes. Temos precariedade no servizo de investigación e en moitos outros.
Agora mesmo hai postos que non están substituídos. Hai servizos descabezados. Houbo momentos nos que se “descabezou” porque a persoa que estaba aí se presionou o suficiente: un modus operandi que vimos vivindo nos últimos anos. Hai absentismo laboral, moitas baixas… Hai un proceder dunha gobernanza destes últimos anos. Iso hai que reformulalo.
E eles —o servizo de administración— son conscientes de que son a cabeza visible cando os investigadores solicitamos cousas. Sofren as dúas partes: por un lado, a incapacidade de ter ferramentas para dar resposta; e por outro, sofren as nosas queixas cando, por exemplo, estou pechando un proxecto e nunha plataforma aparece que teño cero euros e noutra que teño catorce mil. Así non pode ser. Hai que reformular con cabeciña: preguntando aos primeiros, que son eles mesmos. Son os que mellor identifican os problemas e os que teñen pensadas solucións. Fixeron moitas propostas e están cansos de que incluso se lles insulte e desmotive.
En infraestruturas —Cidade da Saúde, a residencia de San Clemente, os campus, as instalacións deportivas, a accesibilidade… Que é prioritario?
Hai esas e hai moitas máis. E en Lugo están peor. Nós temos pavillóns que non se poden empregar porque condensan e podes matarche. E eu son unha convencida do deporte: penso que non só é saúde física, tamén mental.
Facer investimento en deporte é investir en saúde. Quizais non dá rendemento económico, pero somos universidade pública e estamos obrigados a ofertalo ao estudantado. Eu sempre digo que este tempo non é só para adquirir conceptos: a universidade ten que integrar ao estudantado, que sexan persoas diferentes cando saen, polo que aportamos e polo seu valor.
E en Lugo non teñen pavillóns, non teñen servizo médico nin atención á saúde para o estudantado. Hai carencias que nós detectamos aquí e que alí non existen directamente.
Temos que ter un plan de mantemento basal. Cando non coidas as infraestruturas, perdes valor porque se deterioran moitísimo máis.
Cre que Lugo é tratado como un satélite?
Agora mesmo en Lugo teñen a sensación de ser sucursal de Santiago, e non o son. Un rapaz que se matricula en Lugo ten que ter os mesmos dereitos ca unha persoa matriculada en Santiago. E un traballador de Lugo, os mesmos dereitos ca un traballador do campus de Compostela. Están na mesma universidade.
Falou tamén nalgunha ocasión dos espazos arredor do campus e do papel do Concello.
Eses espazos son do Concello, están conveniados: por que non se cumpre? Cal é o problema? Por que a universidade está investindo cartos en cousas que tería que facer o Concello? Onde está o problema? Non hai relacións, non hai diálogo. Parecemos un campus un pouco abandonado.
E hai cousas moi sinxelas: cando saímos tarde, está apagado o observatorio, está apagada esa rúa. Eu vou dar clases dende o meu despacho a Física e ese tramo teño que facelo coa luz do móbil. Cantas veces pedín que se puxese luz? Eu dou clase ás sete ou ás oito no inverno. Son detalles: non é carto para o orzamento da universidade, é atención e coidar os detalles. E non se está facendo.
Falemos de San Clemente.
Cando se decidiu modificar o Colexio Maior San Clemente, fíxose un investimento e despois pechouse a porta, non se rematou. Pasa o mesmo en Química: vin laboratorios onde se investiu para modificar espazos, pero agora están sen proxecto para dotar os laboratorios e os espazos diáfanos. Son marabillosos, pero non teñen nin unha superficie para poñer cousas enriba. Así non se pode empregar. Iso non ten sentido.
E tamén quero falar do auditorio. Eu, cando decidín presentarme, púxenme a traballar, porque é moi fácil dicir “vou facer”. Eu xa me puxen a buscar financiamento, xa teño solucións para volver abrir un sitio de cultura. Santiago non pode ser un sitio sen cultura. A universidade ten que liderar e integrarse na axenda cultural. Esas cousas fanse se se traballan.
Cultura, lingua galega e patrimonio histórico da USC… Que papel deben ter?
Van da man. Sobre patrimonio, as nosas infraestruturas, por sorte, son patrimonio. Deberiamos conseguir que o plan de financiamento recolla que temos un patrimonio con valor. Non somos outra universidade do sistema galego: outras naceron moito despois e non teñen patrimonio. Pero isto é patrimonio da Universidade, da cidade e de Galicia.
No reparto de orzamentos da Consellería non pode haber un reparto igualitario por ser tres universidades. Hai un valor histórico que hai que coidar. Temos que negociar coa administración e co Consorcio, que xa fixo investimentos na universidade. Non temos que ter dependencia política, pero temos que negociar.
E tamén temos patrimonio inmaterial e moito patrimonio que non está ben utilizado. Por exemplo, en ciencias. Onde está un museo de ciencias, como hai noutras universidades? En física temos materiais moi antigos. Están separados polos centros e non se ven. Temos que facelos valer e abrirnos á sociedade. Somos moi bos, pero non nos abrimos.
E sobre lingua galega, penso que cada ano fomentamos un pouco máis que se fale en galego nas aulas. Aínda que son dúas linguas cooficiais, priorízase moito o galego.
Este ano implementouse unha medida de desconto de horas de docencia por impartir materias en galego, pero non funcionou. Non se pode poñer unha medida sen comprobar se é efectiva, porque houbo xente que puxo nas guías docentes que impartía en galego e despois non o fixo, simplemente polo desconto de horas. E hai áreas onde non se pode aplicar porque xa están coa carga máxima.
Hai que buscar medidas para facelo mellor. Por suposto, hai que fomentar a nosa lingua porque nos pertence e nos caracteriza. E temos que erradicar que a xente teña medo de falar galego cando chega á universidade. Iso ten que quedar no olvido. E os incentivos e premios para motivar cara a esa parte, téñense que manter.
Sobre asuntos como o xenocidio de Palestina, que responsabilidades e límites ten a universidade?
Manifestar o noso posicionamento en contra de calquera abuso, e máis deste, é unha obriga. Non podemos deixar pasar que se considere que os abusos poden permitirse. Non podemos normalizar isto.
A nosa responsabilidade como universidade vai aí, porque non somos só unha entidade de educación. Formamos persoas que logo son membros da sociedade. Eu sempre digo ao meu estudantado que non vén só aprender conceptos: vén formarse para incorporarse a unha sociedade que nos gustaría ter.
Sobre límites: que non teñamos capacidade de influencia para resolver un conflito non quere dicir que non teñamos liberdade e obriga de manifestarnos en contra dun abuso.
Cre que se fixo ben ata agora?
Politizar o tema non está ben. Poñer unha bandeira nese tema non me gustou. Pero temos obriga, sexa cal sexa a pertenza política de cada un, de manifestarnos en contra dun abuso, sexa sobre Palestina ou sobre calquera situación. Agora temos tamén outro abuso de poder clarísimo dunha nación con moito poder sobre outra nación: se normalizamos iso, todo valerá, e é moi perigoso. Non podemos avanzar cara aí como sociedade. Os extremismos non nos podemos permitir.
En manifestar o noso posicionamento non temos que ter límite. Outra cousa é ter influencia real: o que diga eu non lle vai importar a Trump, pero iso non quita que teñamos obriga de manifestarnos e de formar sociedade. Non estamos aquí só para explicar conceptos clave.
Se chegase a San Xerome sería porque houbo confianza. Que hai que facer para non perder esa confianza?
Traballar co que prometimos. Vexo nos debates que todo o mundo promete cousas e logo pregúntaselles: “Por que prometes isto se tivestes anos para facelo e non o fixestes?”.
Eu vou ao cargo froito dun traballo de dous anos, detallado, con moita xente. E porque me pediron que me presentase para liderar iso, porque confían e coñecen a miña capacidade de liderado e de falar e dialogar coa xente, algo que se perdeu totalmente.
Non prometo nada que non vaia ser quen de facer. O que haxa que explorar haberá que estudalo. Non sei como van ser os orzamentos, pero estamos cansos de que se prometan unhas cousas e se fagan outras. A forma de non perder a confianza é o núcleo.
En resumo, non mentir?
Exactamente. Estamos cansos de que cando se di “isto é política” se faga a connotación negativa de “xa sabemos que nos estás mentindo”. Non podemos trasladar esa connotación pexorativa á universidade.

