María José López Couso preséntase ás eleccións á reitoría da Universidade de Santiago de Compostela tras unha longa traxectoria académica e de xestión na institución. Catedrática de Filoloxía Inglesa e investigadora, ocupou cargos como vicedecana, decana da Facultade de Filoloxía e vicerreitora en distintas áreas durante os últimos anos. Hoxe en Xornal de Compostela aborda as razóns da súa candidatura, a súa visión de continuidade e cambio para a USC, o papel da universidade pública na sociedade e cuestións concretas como a estrutura do goberno reitoral, a investigación en ciencias sociais e humanidades ou a supresión do mestrado universitario en Matemáticas.
Leva moitos anos ocupando cargos de xestión dentro da universidade. Que a levou a dar agora o paso de presentarse á reitoría, coñecendo como funciona a institución dende dentro?
Efectivamente, levo case dezaoito anos ocupando cargos unipersoais de xestión. Primeiro fun vicedecana, despois decana durante oito anos, e máis recentemente seis anos como vicerreitora, practicamente encadeando un cargo co seguinte. Creo que coñezo suficientemente ben a universidade como para saber que é o que funciona ben e tamén cales son aqueles ámbitos nos que as cousas non funcionan tan ben e se poderían facer mellor ou doutro xeito. Ese coñecemento da institución é unha vantaxe, porque permite poñer solucións enriba da mesa para mellorar o funcionamento diario da universidade.
Falou nalgún debate de continuidade e de cambio, conceptos que ás veces parecen opostos. En que ámbitos cre imprescindible manter as liñas actuais e en cales sería necesario mudar?
Gustaríame subliñar que falo de continuidade, non de continuismo. Paréceme a palabra adecuada. Pódese construír moito sobre o que xa está feito. Un exemplo claro é a política de persoal docente e investigador desenvolvida nos últimos oito anos co reitor Antonio López. Os datos amosan que se avanzou moito na incorporación de novo profesorado, especialmente nas figuras de inicio de carreira, como axudantes doutores e contratados doutores, agora profesores permanentes laborais. Tamén se desbloqueou a promoción a categorías superiores, que estaba practicamente paralizada.
Durante estes anos tratouse de responder a situacións case de emerxencia, como a falta de profesorado nalgunhas áreas. Un dos grandes retos é o relevo xeracional, xa que a idade media do profesorado é moi elevada e hai moitas xubilacións. Hai que seguir fomentando a incorporación de novo profesorado, pero tamén a promoción interna, que estivo bloqueada durante moito tempo.
Prevé cambios na estrutura da reitoría. Con que criterios se farían?
O coñecemento que teño da institución permíteme facer unha proposta de distribución das vicerreitorías algo diferente da actual. Hai piares que sempre teñen que estar, como investigación ou docencia, pero non necesariamente coas mesmas denominacións nin exactamente coas mesmas competencias. Tamén é importante darlle visibilidade a outros ámbitos que quedaron máis agochados, polo menos nas denominacións, como o benestar, o deporte ou a lingua.
Creo nunha universidade plural e diversa, na que os colectivos son a base para progresar, e nunha universidade que busque o benestar de todos os membros da comunidade universitaria.
Que papel deben xogar a cultura, os museos universitarios e a divulgación científica no seu proxecto de universidade?
Todos temos claras as funcións principais da universidade, pero hai moito máis alá da docencia, da investigación e da transferencia. Está a cultura, o benestar, a lingua e a divulgación. Como universidade pública, debemos devolverlle á sociedade aquilo que a sociedade nos demanda. A USC está moi integrada na cidade e na súa vida cultural e científica, e podemos ir moito máis alá, fortalecendo a relación co tecido asociativo e coa sociedade en xeral.
A universidade non lle dá as costas á sociedade, pero cres que ás veces é a sociedade a que se distancia da universidade?
Non o creo así. A sociedade é consciente do valor da universidade, e en particular da Universidade de Santiago de Compostela. Existe un sentimento de orgullo por tela en Santiago. O que si é necesario é afianzar e visibilizar máis ese vínculo, porque ás veces fanse cousas que non se coñecen. Hai que amosar ata que punto a relación entre universidade e sociedade é estreita e directa, e que se poden facer aínda máis cousas conxuntamente, especialmente no ámbito da ciencia e da investigación.
Falemos da investigación en ciencias sociais e humanidades. Cre que está menos valorada que a doutros ámbitos científicos?
Facemos unha ciencia diferente, pero segue sendo ciencia. Avanzouse moito nos últimos anos coa creación de institutos de investigación en ámbitos como as humanidades ou as ciencias sociais e xurídicas, tradicionalmente menos considerados científicos. Estes institutos están a facer un traballo moi intenso, e hai que apoialos e visibilizar ese traballo, tanto dentro da universidade como cara á sociedade.
O problema non é a falta de calidade, senón a falta de visibilidade. Nas ciencias experimentais ou da saúde a utilidade da investigación é máis evidente para a sociedade. Nas humanidades e nas ciencias sociais custa máis explicala, e aí temos que traballar moito para que se recoñeza o valor e a transferencia que tamén se fai nestes ámbitos.
Como antiga decana da Facultade de Filoloxía, que papel lle atribúe a este centro dentro da universidade?
Sempre defendín a Facultade de Filoloxía, sen menosprezar ningunha outra. Ten un papel moi relevante. Ofrece unha formación moi ampla e socialmente moi importante, aínda que pouco coñecida. Durante os meus mandatos tentei visibilizar e fortalecer a percepción social do que se fai nunha facultade de Filoloxía.
Existe a idea de que só nos dedicamos a ler libros ou falar de gramática, cando facemos moito máis. Hai unha gran variedade de saídas profesionais: dinamización cultural e lingüística, tradución e interpretación, relacións internacionais ou ámbitos como a lingüística computacional. A xente formada en filoloxía é moi versátil, e iso reflíctese na diversidade de postos de responsabilidade que ocupa na sociedade.
Como exvicerreitora de Titulacións, como valora a supresión do mestrado universitario en Matemáticas?
Vou repetir o que xa dixen cando se me preguntou sendo vicerreitora. Existe un decreto da comunidade autónoma, o decreto 222 de 2011, que fixa un número mínimo de estudantes de novo ingreso para manter unha titulación oficial. Ese decreto está claramente desfasado, porque a demografía e o contexto universitario cambiaron moito en quince anos, pero mentres non se aprobe outro, segue sendo o marco normativo vixente.
As universidades galegas levamos tempo demandando a súa revisión. Non creo nos números máxicos: non todos os graos nin todos os mestrados precisan o mesmo número de estudantes. No caso do mestrado en Matemáticas, non se cumprían as cifras esixidas, malia os esforzos da reitoría e da facultade por mantelo. A consellería decidiu non autorizar a súa continuidade no curso 2025-2026, aínda que iso non impide que poida volver implantarse no futuro.
Hai unha nova proposta en trámite para o curso 2026-2027, cunha modificación importante, incluíndo modalidade virtual, para facelo máis atractivo e captar máis alumnado. Son optimista respecto a esa proposta.
Nas eleccións á reitoría adoita haber pouca participación, especialmente do alumnado. Que lle dirías a quen sente distancia ou desafección por este proceso?
Animaría a coñecer os proxectos e as candidaturas. A universidade facémola entre todos. Este é un proceso interesante e relevante, porque del vai depender a universidade que teremos nos próximos seis anos. Non é só premer un botón para elixir unha candidatura, senón decidir o futuro da institución. Esa relevancia debería ser suficiente para espertar o interese e a participación da comunidade universitaria.

