A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, participou esta mañá nos actos polo 50 aniversario da Facultade de Filoloxía da USC, unha celebración que incluíu a presentación do volume De Mazarelos a Vista Alegre. Medio século da Facultade de Filoloxía. Antes do inicio do evento, a rexedora respondeu ás preguntas dos medios sobre a situación da Facultade de Medicina, o bloqueo do pago de facturas no Concello e o acto previsto esta tarde pola restitución das esculturas de Mateo.
Sobre o debate universitario arredor da reorganización dos estudos de Medicina, Sanmartín insistiu en que o Concello mantén a súa posición histórica: “a Facultade de referencia ten que ser a de Santiago”. Recalcou que o modelo debe garantir a súa condición de centro vertebrador do Sistema Universitario Galego, ao tempo que se avance cara a unha descentralización ordenada. A alcaldesa sinalou que a concreción deste proceso corresponde á comunidade universitaria e expresou o seu desexo de que haxa acordo: “chegar a unha fragmentación das facultades sería o peor que podería pasar”, advertiu.
O REITOR AGARDA QUE SE RESOLVA “ANTES DE QUE ACABE O ANO”
O reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López, insistiu este xoves que agarda que o conflito aberto pola descentralización de Medicina en Galicia se resolva “antes de que acabe o ano, mesmo antes das festas”, aínda que asegurou que “non hai ningunha concreción que adiantar”. Cómpre lembrar que o reitor da UDC, Ricardo Cao, avogou esta mesma semana por agardar uns días para que a USC “poida ratificar a proposta acordada”. “Pero necesitamos un si ou un non a este acordo porque non hai neste momento camiños intermedios por explorar”, asegurou Cao.
“As condicións de descentralización están escritas e son as que son”, apostilou e insistiu en que a resposta da universidade compostelá debía chegar “nos próximos días”. Consultado por Europa Press sobre este tema este xoves en Santiago, o reitor da USC lembrou que non votarán unha proposta que non conte co apoio da facultade compostelá, aínda que recoñeceu que este tema “non pode estar permanentemente aberto”. “Eu vou esgotar todas as posibilidades de falar e de buscar un acordo para o que eu sigo estando convencido que é a mellor solución para a facultade e para a universidade”, defendeu, á vez que subliñou que a facultade “é un actor esencial”.
Pola súa banda, o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, asegurou que “xa está todo dito nestes momentos, é o tempo de desconto e todos agardan que a facultade dea unha resposta ás formulacións que se lles están facendo por parte do reitorado”. “Creo que as opinións dos reitores da Coruña e de Vigo son coñecidas a través dos medios e todos estamos a agardar que a xunta da facultade sexa responsable e se some ás formulacións que se están facendo“, concluíu Rodríguez. Así mesmo, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, tamén se pronunciou respecto diso antes de iniciar o acto de presentación do libro ‘De Mazarelos a Vista Alegre’, onde cualificou de “lóxico” escoitar á facultade compostelá e defendeu que esta ten que ser “a facultade de referencia”.
A ALCALDESA NON ENTENDE “QUE NON SE PAGUEN AS FACTURAS”
A rexedora tamén foi preguntada polo pleno extraordinario no que volveron quedar bloqueadas as facturas vinculadas ao recoñecemento extraxudicial de crédito. Sanmartín asegurou que o goberno local continuará dialogando, aínda que cualificou a situación de difícil comprensión: “Non se entende que non se paguen as facturas”, afirmou. Lembrou que este trámite é habitual e que afecta directamente ao tecido económico da cidade: “Se hai un traballo feito, hai que pagalo; isto debe quedar fóra da loita partidista”. Engadiu que quen votou en contra terá que “explicarllo ao conxunto da cidadanía e ás pequenas proveedoras”, insistindo en que se teñen mantido conversas con todos os grupos municipais.
Sanmartín referiuse ademais ao acto previsto para esta tarde pola devolución das esculturas de Abraham e Isaac, atribuídas ao Mestre Mateo, un evento que cualificou de “día histórico para Santiago de Compostela”. A alcaldesa convidou á veciñanza a participar nunha celebración que, subliñou, simboliza “restitución, memoria colectiva e xustiza social” tras décadas de reivindicación. Lembrou o papel desempeñado por diversas corporacións municipais, especialistas e colectivos da memoria histórica, e sinalou que esta recuperación pode “abrir unha fenda para que outros bens apropiados indebidamente acaben sendo restituídos ao pobo”.

