InicioSANTIAGOInvestigadores da USC e do IEO-CSIC detectan contaminantes nos chans das colonias...

Investigadores da USC e do IEO-CSIC detectan contaminantes nos chans das colonias de pingüíns da Antártida

O estudo revela a presenza de metais e compostos orgánicos en niveis superiores aos valores de referencia internacionais nas illas Livingston e Decepción

Publicado o

Xornal de Compostela

Un equipo científico no que participou persoal investigador da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e do Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC) documentou por primeira vez a presenza e a orixe de diversos contaminantes nos chans das colonias de pingüíns da Antártida.

O traballo, desenvolvido en illas Livingston e Decepción, identificou un “enriquecemento significativo” en nutrientes e en metais como cobre e zinc, así como en hidrocarburos aromáticos policíclicos (PAHs), segundo explicou a USC nun comunicado. Estes resultados apuntan a que as colonias de aves mariñas funcionan como vectores biolóxicos capaces de transportar e concentrar contaminantes, nun ecosistema teoricamente illado da influencia humana.

A investigadora do Centro Oceanográfico de Vigo do IEO-CSIC e primeira autora do estudo, Begoña Pérez, advertiu de que, aínda que os chans “parecen soportar estes niveis sen efectos inmediatos, de filtrarse cara a regatos ou augas costeiras, poderían afectar a organismos acuáticos extremadamente sensibles, como o placton, base da cadea alimentaria mariña”.

O equipo científico atribúe a presenza destes contaminantes a tres fontes principais: a propia actividade biolóxica dos pingüíns, a influencia volcánica da Illa Decepción e, en menor medida, a acción humana derivada das bases científicas e do turismo.

“Os pingüíns son esenciais para o equilibrio da vida na Antártida, pero tamén se poden converter nunha fonte natural de contaminación nun ambiente extremadamente fráxil”, indicou o catedrático da USC e coordinador do proxecto, X. L. Otero.

Aínda que as concentracións rexistradas non acadan niveis de alarma —situándose entre 50 e 1000 veces por debaixo das que xeran efectos tóxicos nos organismos mariños—, a investigación desmonta a idea de que a Antártida é un espazo completamente inalterado, subliñou Pérez. O estudo, publicado en revista científica internacional, reforza a necesidade de continuar monitorizando a influencia dos ecosistemas biolóxicos na dispersión global de contaminantes.

ÚLTIMAS

Colectivos propalestinos convocan unha protesta en Santiago pola participación de médicos israelís nun congreso

A celebración en Santiago de Compostela dun congreso europeo dedicado á investigación en medicina...

O servizo municipal de asesoramento sobre alugueiros de Santiago atende preto de 200 consultas nos seus tres primeiros meses

O Servizo Municipal de Información e Asesoramento en Materia de Alugueiro de Santiago de...

Monbus busca novos condutores para o transporte urbano de Santiago con contratos indefinidos e incorporación inmediata

A empresa Monbus iniciou un proceso de contratación de novos condutores e condutoras para...

Norwegian conectará Santiago e Copenhague con dous voos semanais no verán de 2027

O aeroporto de Santiago de Compostela contará cunha nova conexión internacional durante o verán...

A Alameda de Santiago incorpora un banco para combater a soidade non desexada e fomentar a convivencia

A Alameda de Santiago de Compostela conta desde este martes, 20 de outubro, cun...

A rúa das Rodas recuperará o dobre sentido de circulación este mércores polos atrasos nos autobuses urbanos

O Concello de Santiago de Compostela restablecerá este mércores 21 de outubro o dobre...

Martín Pereira Fariña é elixido novo decano da Facultade de Filosofía da USC por unanimidade

A Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela contará cun novo equipo...