InicioSOCIEDADEUn estudo co liderado do CiMUS demostra que o cerebro pode modificar...

Un estudo co liderado do CiMUS demostra que o cerebro pode modificar a microbiota intestinal

Investigadores de Santiago participan nun achado que muda a forma de entender a relación entre sistema nervioso e aparato dixestivo

Publicado o

Xornal de Compostela

O Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Santiago de Compostela participa nun estudo internacional que revela que o cerebro é capaz de modificar a composición da microbiota intestinal en cuestión de horas. A investigación, publicada na revista Nature Metabolism, foi desenvolvida en colaboración co hospital Clínic-IDIBAPS de Barcelona e a Universidade Católica de Lovaina.

Os experimentos, realizados en ratos, demostran que certas neuronas do hipotálamo poden influír directamente sobre a poboación bacteriana do intestino, máis alá da dieta ou dos ritmos circadianos, como se pensaba ata o de agora. A capacidade de realizar estes cambios de xeito rápido vese, ademais, reducida pola obesidade, segundo sinala o estudo.

O equipo galego estivo representado polos investigadores Sara Martínez e Rubén Nogueiras, do grupo de Metabolismo Molecular do CiMUS. Ambos coinciden en destacar o impacto deste descubrimento no coñecemento do equilibrio enerxético: “Ata agora sabiamos que a microbiota podía enviar sinais ao cerebro. Agora sabemos tamén que o cerebro pode regular de maneira moi rápida os tipos de bacterias que habitan no intestino”.

Mediante técnicas quimiogenéticas, o equipo activou ou inhibiu grupos específicos de neuronas no hipotálamo, provocando modificacións significativas nas bacterias intestinais. O estudo tamén revela que estas modificacións son diferentes segundo a rexión do tracto dixestivo e que implican a activación do sistema nervioso simpático, relacionado coas respostas ao estrés.

Marc Claret, coordinador do proxecto no IDIBAPS, subliña que este traballo abre a porta a novas estratexias terapéuticas para tratar doenzas metabólicas e a obesidade: “Comprender esta nova vía de comunicación permite explorar solucións innovadoras máis alá das intervencións clásicas baseadas só na dieta ou na farmacoloxía”.

A primeira autora do artigo, Míriam Toledo, tamén do IDIBAPS, explica que o cerebro actúa como un integrador de sinais procedentes tanto da microbiota como dos órganos metabólicos, axustando as funcións corporais para manter o equilibrio enerxético.

Este avance forma parte das liñas estratéxicas do CiMUS, que recentemente obtivo o recoñecemento como Unidade de Excelencia María de Maeztu e conta con apoio da Consellería de Educación da Xunta de Galicia. O estudo foi financiado pola Fundación “la Caixa” e enmárcase dentro do modelo de excelencia investigadora do Campus Vida.

O achado supón un paso relevante no coñecemento do eixe cerebro-intestino, cun potencial impacto na saúde pública e na forma de abordar enfermidades crónicas desde unha perspectiva máis integrada e multidisciplinar.

ÚLTIMAS

Festas do Apóstolo 2026: Volve o espectáculo de luces con fogos artificiais e dez días de concertos

As festas do Apóstolo deron comezo este mércores co pregón do empresario e promotor...

Santiago terá unha nova rede de buses con 16 liñas, conexións ao rural e servizo nocturno

A nova rede de autobuses de Santiago de Compostela empezará a funcionar previsiblemente este...

CC.OO. mobilízase nas Cancelas contra a apertura do comercio en domingos e festivos

A federación de servizos de Comisións Obreiras concentrou este mércores a ducias de delegados diante...

O Compostela TradFest encherá de música tradicional o centro histórico durante máis de doce horas

Santiago de Compostela acollerá o vindeiro 26 de xullo a oitava edición do Compostela...

Santiago terá unha nova rede de buses con 16 liñas, conexións ao rural e servizo nocturno

A nova rede de autobuses de Santiago de Compostela empezará a funcionar previsiblemente este...

Abre ao tráfico o primeiro treito da prolongación da AG-59 entre Santiago e A Estrada

A prolongación da autovía AG-59, entre Santiago e A Estrada, porá este mércores, 22...

Hostaleiros esperan unha ocupación por baixo do 80% na semana das festas do Apóstolo, en Santiago

O portavoz da Unión Hoteleira de Compostela (UHC), José Antonio Liñares, indicou que se...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here