InicioCULTURAFamilia Caamagno: diversión e baile agridoce

Familia Caamagno: diversión e baile agridoce

Manuel Caamagno fala sobre a actualidade do panorama musical e analiza a labor da súa banda

Publicado o

Por Marta Balado Simó

Familia Caamagno é un grupo de rock en galego de Sigüeiro, unha vila preto de Compostela. Naceu da unión de cinco chavales no ano 2011, que a día de hoxe seguen a crear música e a encher concertos.

Manuel Caamagno é o seu cantante, pero a banda tamén está formada por Toni, o batería; Lano, o guitarrista; Francesco, guitarrista; e Jess, tamén guitarrista. Un grupo que, como di Manuel, “debe de haber pocos como nós que, despois de trece anos, seguimos a ser os mismo compoñentes”.

Os Caamagno son galegofalantes e “pensamos en galego”, polo que non dubidaron nin un momento en crear as súas cancións no idioma no que se senten máis cómodos e que os viu medrar. Pero realmente, detrás desa “resposta oficial, tamén cantamos en galego por unha posición política e ideolóxica. Non podemos cantar noutra lingua que non sexa o galego”. Ademais do uso da lingua, o grupo busca enviar unha mensaxe en cada canción. “Somos un grupo que ten unha parte de diversión moi grande, pero debaixo case sempre suxace unha idea. O que nos gusta moito son as mensaxes agridoces”.

Familia Caamagno viaxou a países como Holanda, o norte de Italia ou Bélxica para tocar en festivais como o ‘Emigración’, sempre con respostas moi positivas por parte do público. Pero Santiago é unha cidade que condiciona o seu traballo, como nos inicios, cando crearon unha canción titulada ‘Os de Santiago’. Nos días de concerto, senten unha acollida moi especial. O pasado outubro de 2023 estrearon en Compostela o seu último disco, ‘O mundo está derrotado’, na Sala Capitol, onde rozaron o sold out. Manuel insiste no cariño do público pero tamén bromea: “son os concertos aos que poden vir as nosas nais”. “Os concertos en Compostela teñen algo especial para nós”.

Familia Caamagno ve o panorama musical galego mellor ca nunca. “Vexo que hai moita xente facendo música, de diferentes estilos, e iso é unha marabilla”. A música mainstream chegou ao galego e “o mellor que lle pasou ao galego dende o ano 1983 foi esta eclosión de grupos que está habendo agora”.

Para Manuel, agora os músicos teñen que estar presentes e crear contido nas redes sociais. O circuíto de festivais mudou, e os programadores deciden a carteleira máis en función dos followers ca da calidade musical. “É un novo xeito de facelo, pero dende o meu punto de vista un xeito horrible”. A música agora móvese máis polo rédito económico.

“O mundo está derrotado” é un dos seus singles máis coñecidos e ten algo especial. Durante a gravación, Xaime Miranda propúxolles crear unha coreografía. Sen saber bailar, os integrantes do grupo inventaron un baile “cutre” que agora se converteu nunha conexión co seu público durante os concertos. A xente anímase e créase un ambiente moi especial durante a canción.

“Milagre económico” é o single que anuncia o seu próximo disco e segue a liña das mensaxes agridoces, falando da presión do turbocapitalismo, “da presión por gañar máis e por gastar máis”. É unha crítica política que “ten humor e comedia”.

Para os que veñen con ganas e ideas, Manuel di: “que sexan xenuínos, que as ideas orixinais son as que todo o mundo espera. E que ninguén se desanime, que hai xente que o peta con 50 anos”.

ÚLTIMAS

Confirman a condena de dous anos para un fisioterapeuta de Santiago por abuso sexual

A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG)...

Bouza anuncia que optará á reelección como secretario xeral do PSOE de Santiago

O actual secretario xeral do PSOE compostelán, Aitor Bouza, confirmou este xoves a través...

Álvaro Muñoz recolle o MVP Estrella Galicia como mellor xogador da tempada

O capitán do Monbus Obradoiro, Álvaro Muñoz, recolleu esta semana o premio MVP Estrella...

Un estudo do CiMUS demostra que metabolismo e reloxo biolóxico actúan como sistemas interdependentes

O grupo de investigación 'Gliatime', integrado no Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular...

A Intelixencia Artificial resucita a Castelao no Gaiás

O Museo Centro Gaiás acollerá desde o próximo 26 de xuño a exposición 'Castelao....

Galicia Escena Pro reúne en Santiago a máis de 220 profesionais das artes escénicas

A praza de Mazarelos acolleu este luns a inauguración oficial da 12ª edición de...

A Romaría das Flores recupera o espírito festivo no parque de Belvís con música, gastronomía e actividades para todos os públicos

O parque de Belvís converteuse este sábado nun dos epicentros das Festas da Ascensión...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here