HomeSOCIEDADEO Refuxio de Bando, unha segunda oportunidade para os animais abandonados

O Refuxio de Bando, unha segunda oportunidade para os animais abandonados

Este centro non só ofrece refuxio, senón tamén atención médica e unha nova oportunidade de vida aos animais que máis o necesitan

Publicado o

Por elenagonfer

Nos outeiros ondulados de Galicia, atópase un refuxio de esperanza e compaixón para aqueles que non teñen voz. ‘O Refuxio de Bando’ eríxese como un faro de coidado e amor para os animais abandonados da rexión. Fundado coa visión de ofrecer refuxio, atención médica e, sobre todo, a promesa dun fogar amoroso, este lugar converteuse nun bastión de esperanza para aqueles de catro patas que necesitan unha segunda oportunidade.

HISTORIA E MISIÓN

Refuxio de Bando comezou a súa andaina en 2006, inicialmente para dar cabida aos animais abandonados na zona de Santiago. Co tempo, a pesar de que as súas instalacións seguen pertencendo ao Concello de Santiago, está xestionado pola fundación refuxio de animais que inclúe a dez municipios: Santiago, Teo, Boqueixón, Val do Dubra, Trazo, Touro, Brión, Padrón, Dodro e Vedra. A misión do refuxio é clara: ofrecer un fogar temporal cheo de amor e coidado aos animais abandonados, buscando sempre atoparlles unha familia definitiva.

UN DÍA NO REFUXIO

Cada día no Refuxio de Bando comeza co coidado básico dos animais. O equipo componse de oito operarios e de varios voluntarios. Entre os operarios atopamos á directora, unha administrativa, unha veterinaria e aos cinco operarios coidadores que alimentan e limpan aos residentes de catro patas, mentres que os voluntarios, en horario de tarde, sacan a pasear aos cans, peitean e bañan aos animais, e ofrecen agarimo e atención adicional. A directora do refuxio trasládanos a importancia do voluntariado “a labor que fan vos voluntarios é moi importante porque axudan a darlle unha parte de agarimo e máis atención que nós non podemos facer porque estamos con outras labores.” Este esforzo conxunto asegura que os animais reciban o amor e a atención que necesitan mentres esperan ser adoptados.

HISTORIAS DE RESCATE E ESPERANZA

A directora do refuxio comparte algunhas das historias máis impactantes e desgarradoras. Unha que destaca é a dun can rescatado no municipio de Brión. “Este can foi atopado nun río, golpeado e deshidratado. Estaba en tan mal estado que tiña os ollos fóra das súas órbitas e tivemos que quitarllos”, lembra. “Afortunadamente, recuperouse e foi adoptado por unha familia marabillosa”, conta emocionada. Outro caso é o dun gatiño ao que prenderon lume en 2018. “A pesar das queimaduras, recuperouse e atopou un fogar cheo de amor,” engade. Estas historias reflicten a capacidade do refuxio para transformar o sufrimento en esperanza e segundo a directora, ese é o aspecto máis gratificante de traballar no refuxio. Con todo, afirma que “o problema é que ves que marcha un e che entran dous ou tres. Non se acaba de pór solución ao problema”.

DESAFÍOS E NECESIDADES

O refuxio enfronta desafíos significativos, especialmente durante a tempada de verán, cando o número de animais abandonados aumenta. “Estamos ata arriba de animais, e atoparlles un fogar a todos é un reto constante,” explica a directora. Ademais, a falta de concienciación sobre a esterilización contribúe á sobrepoblación de mascotas. A directora salienta a necesidade de frear a sobrepoblación a través da esterilización e unha maior concienciación pública. “O máis importante é que a xente ten que ter clarísimo que non hai fogares para todos os animais que nacen”, afirma a directora. Tamén resalta a ausencia de refuxios para gatos en Galicia, “realmente hai dous ou tres centros que teñen espazos para gatos. Moitos concellos non teñen servizo de recollida a día de hoxe, aínda que é obrigatorio por lei, esa xente cando atopa animais na rúa, tráenos para santiago”, afirma. A falta de instalacións específicas para gatos supón un gran problema, e contribúe ao colapso dos refuxios, xa que non teñen sitio para tantos animais.

 O IMPACTO DA NOVA LEI DE BENESTAR ANIMAL

A nova lei de benestar animal, que entrou en vigor en setembro, trouxo consigo un aumento inesperado no abandono de animais. “A verdade, eu vía avance nos cans, porque viamos que non estaban a chegar tantas camadas coma hai 15 anos, cada vez hai máis cans con microchip. Pero o ano pasado empeorou a cousa”, conta. “Meses antes de que a lei se implementase, xa vimos un incremento nos abandonos debido á desinformación e o medo ás novas regulacións” comenta a directora. A lei, aínda que necesaria, puxo unha presión adicional sobre o refuxio, que xa estaba ao límite da súa capacidade.

COMO PODE AXUDAR A COMUNIDADE

Unha das maneiras máis directas de axudar é adoptando un animal. “Cada adopción dálle a un animal unha segunda oportunidade de vida” di a directora. Con todo, engade, “se alguén quere adoptar, que o pense ben, que é para toda a vida do animal, non ata que nós nos cansemos. Que pensen ben non tempo que lle poden dedicar, nos gastos que xera, e que sexa unha adopción responsable. Non todo o mundo está preparado para ter un animal, nin ten a obrigación de telo“, indica. Outra vía de axuda que non esixe tanto compromiso sería a de converterse nun fogar de acollida, ou apadriñando.

voluntariado é outra forma vital de apoio. Os voluntarios axudan a coidar aos animais e mellorar a súa calidade de vida mentres están no refuxio. As doazóns, xa sexan monetarias ou en forma de subministracións como comida, mantas e xoguetes, tamén son cruciais. “Cada pequena axuda conta e fai unha gran diferenza na vida destes animais” salienta a directora.

A educación e concienciación sobre o benestar animal son fundamentais. O Refuxio de Bando realiza charlas en colexios e eventos comunitarios para promover a importancia da esterilización e a adopción responsable. “Informar e educar á comunidade é clave para reducir o abandono e mellorar a vida dos animais“, asegura a directora.

‘O Refuxio de Bando’ non é só un refuxio, é un fogar temporal cheo de amor, esperanza e segundas oportunidades. Cada ladrido, cada ronroneo, é un testemuño do impacto positivo que este lugar ten na vida dos animais e as persoas. Nun mundo onde o abandono e os malos tratos animais seguen sendo problemas prevalecentes, lugares como ‘O Refuxio de Bando’ lémbrannos o poder da compaixón e o compromiso comunitario para facer a diferenza.

ÚLTIMAS

Asociación Asanog: “Cada vez hai máis familias afectadas polo cancro infantil”

Hoxe Xornal de Compostela entrevista a Asanog, a Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos...

O autobús urbano de Santiago comezará o seu horario de verán o próximo martes

O vindeiro martes, 25 de xuño de 2024, entrarán en vigor os novos horarios...

A Igrexa quere participar máis en cuestións que afecten á cidade de Santiago

O arcebispo de Santiago, Francisco José Prieto, reivindicou este xoves a participación da Igrexa...

Explosión da hostalaría en Santiago durante os tres últimos anos con novos negocios no sector

Un estudo elaborado polos investigadores da Rede Galabra das Universidades de Santiago, Vigo e...

A USC pecha a Casa da Balconada e o pazo de San Xerome para evitar máis ocupacións de estudantes

Este mediodía, o reitor da Universidade de Santiago Antonio López enviaba un comunicado a...

A Asemblea Aberta por Palestina permanece na casa da Balconada da USC

Segundo informaron nesta mañá aos medios de comunicación, a Asemblea Aberta por Palestina, que...

Momentos de tensión no Obradoiro ó rematar a concentración a prol de Palestina

Os mozos que participaban nas acampadas e protestas prol-Palestina en Santiago de Compostela abandonaron...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here