O IES San Clemente de Santiago de Compostela foi un dos tres centros educativos galegos que este venres, 27 de novembro, recibiron novas ameazas de bomba a través do correo electrónico. Os incidentes, que tamén afectaron ao IES Sanxillao e ao IES Muralla Romana de Lugo, resolvéronse sen necesidade de interromper a actividade lectiva nin desaloxar o alumnado, segundo fontes consultadas por Europa Press.
As direccións dos institutos puxeron os feitos en coñecemento do 112 e activaron os correspondentes protocolos de seguridade tras recibir mensaxes nas que se advertía da suposta presenza de artefactos explosivos no interior dos edificios.
Efectivos da Policía Nacional acudiron aos centros educativos para examinar as ameazas e realizar as comprobacións pertinentes nas instalacións. Os avisos foron considerados de “escasa credibilidade”, polo que, a diferenza dos episodios rexistrados a semana pasada, non foi preciso suspender as clases.
UNHA INVESTIGACIÓN ABERTA POLA FISCALÍA
Este novo episodio prodúcese pouco máis dunha semana despois de que arredor de 80 centros educativos galegos recibisen falsos avisos de bomba. As ameazas rexistradas os días 18 e 19 de novembro obrigaron á Policía Nacional e á Garda Civil a intervir en diferentes puntos da comunidade, con desaloxos e inspeccións en varios edificios.
Na provincia de Lugo, aquela sucesión de ameazas afectou, entre outros, aos institutos Sanxillao, Muralla Romana e Nosa Señora dos Ollos Grandes da capital provincial, así como a centros educativos dos municipios de Viveiro, Monforte de Lemos e Ribadeo.
A raíz daqueles feitos, as fiscalías provinciais de Lugo e da Coruña abriron de oficio dilixencias de investigación.

