Unha colisión por alcance entre dous vehículos na AG-56, ao seu paso por Santiago de Compostela, provocou importantes problemas de circulación na mañá deste luns, con retencións prolongadas en dirección á capital galega.
O accidente tivo lugar arredor das 07:30, á altura da parroquia de Laraño, no quilómetro 3 da vía en sentido Santiago. Foi un particular quen deu a voz de alarma ao servizo de emerxencias, ao informar inicialmente da implicación de varios vehículos no sinistro. Posteriormente, a condutora dun dos turismos implicados confirmou que se trataba dunha colisión por alcance entre dous coches, na que ademais había unha persoa ferida.
Ata o punto desprazáronse efectivos da Garda Civil de Tráfico, membros de Protección Civil de Ames e profesionais do 061, ademais do persoal encargado do mantemento da estrada, que traballaron para garantir a seguridade e restablecer a circulación.
Como consecuencia do accidente, rexistráronse retencións de varios quilómetros, con tráfico lento entre os puntos quilométricos 6,5 e 3,2 en dirección a Santiago. Nun primeiro momento, os axentes optaron por cortar o carril esquerdo, pero a evolución da situación obrigou finalmente ao peche total da vía nese tramo, desviando os vehículos pola saída 3.
A circulación permaneceu afectada durante varias horas, ata que, pouco antes das 10:00 horas, a autovía foi reaberta ao tráfico. A partir dese momento, a situación comezou a normalizarse progresivamente, recuperando o fluxo habitual de vehículos cara á cidade.

