InicioSUCESOSDetida no aeroporto da Lavacolla unha muller reclamada nos Estados Unidos por...

Detida no aeroporto da Lavacolla unha muller reclamada nos Estados Unidos por un crime en Filadelfia

A sospeitosa, de 28 anos, foi arrestada no aeroporto Rosalía de Castro cando tentaba embarcar nun voo con destino a Bélxica

Publicado o

Por David M. Sobrino Platas

A Policía Nacional detivo no aeroporto Rosalía de Castro de Santiago a Gerelys Sánchez-Reyes, unha muller de 28 anos e nacionalidade dominicana que se atopaba en busca e captura internacional por ser a principal sospeitosa dun asasinato en Filadelfia (EE.UU.). A detención tivo lugar este pasado xoves, cando a muller se atopaba na zona de embarque, a piques de coller un voo con destino a Bruxelas.

Segundo confirmaron fontes policiais, Sánchez-Reyes estaba reclamada pola xustiza estadounidense por presuntamente asasinar a Yuleisy Torrelles Martínez, unha moza venezolana de 21 anos e bailarina profesional. O corpo da vítima foi localizado o 5 de abril no seu apartamento de Frankford Avenue, en Filadelfia, oculto no interior dun sofá cama e envolto nunha cortina de baño. A autopsia confirmou que morrera por múltiples coiteladas no pescozo e no peito.

A captura da presunta autora do crime foi posible grazas a un aviso cidadán recibido hai máis de dous meses na Comisaría de Santiago, que indicaba que a muller podería estar na cidade ou nos seus arredores. A Policía abriu unha investigación discreta e comezou a seguir os seus movementos, comprobando que a identidade coincidía coa da persoa buscada. O operativo contou coa participación de axentes de seguridade cidadá e do coordinador de servizos da comisaría compostelá.

O xoves 26, a sospeitosa colleu o autobús urbano da liña 6A na rúa do Hórreo cara ao aeroporto. Unha vez alí, e tras confirmarse a orde de detención vía Interpol e a Audiencia Nacional, os axentes procederon ao seu arresto cando xa se atopaba na pista, a piques de embarcar. En ningún momento ofreceu resistencia nin portaba armas. Pasou varias horas en dependencias policiais antes de que se decretase o seu ingreso en prisión provisional, á espera da súa extradición aos Estados Unidos, onde será xulgada polo presunto homicidio.

As investigacións das autoridades estadounidenses apuntan a que Sánchez-Reyes tamén traballaba como bailarina e que probablemente coñeceu á vítima no mesmo ámbito profesional. A última vez que Yuleisy foi vista con vida, estaba acompañada pola agora detida. As imaxes das cámaras de seguridade e as declaracións recollidas permitiron vincular a Sánchez-Reyes co crime.

Tralo crime, a familia da vítima solicitou a repatriación dos restos, que foron incinerados e enviados a Venezuela. A nai de Yuleisy, Magaly Torrelles, afirmou nunha entrevista televisiva que agora se sente “un pouquiño máis tranquila porque apresaron á asasina”, aínda que lamenta: “Non vou volver ver á miña filla e iso dóeme moito”.

Dende o Sindicato Unificado de Policía (SUP), o máis representativo en Galicia, solicitouse que se recoñeza o labor dos axentes que participaron na detención. As autoridades policiais destacan o papel esencial da colaboración cidadá nesta operación e lembran que os Estados Unidos ofrecía unha recompensa de 20.000 dólares por calquera información que axudase a localizar á sospeitosa.

ÚLTIMAS

Festas do Apóstolo 2026: Volve o espectáculo de luces con fogos artificiais e dez días de concertos

As festas do Apóstolo deron comezo este mércores co pregón do empresario e promotor...

Santiago terá unha nova rede de buses con 16 liñas, conexións ao rural e servizo nocturno

A nova rede de autobuses de Santiago de Compostela empezará a funcionar previsiblemente este...

CC.OO. mobilízase nas Cancelas contra a apertura do comercio en domingos e festivos

A federación de servizos de Comisións Obreiras concentrou este mércores a ducias de delegados diante...

O Compostela TradFest encherá de música tradicional o centro histórico durante máis de doce horas

Santiago de Compostela acollerá o vindeiro 26 de xullo a oitava edición do Compostela...

Un ciclista resulta ferido leve tras caer por unha fochanca en San Pedro de Mezonzo

Un ciclista resultou ferido leve na noite deste martes tras sufrir unha caída na...

Excarcerada unha persoa tras chocar co seu coche contra un camión aparcado en Santiago

Unha persoa tivo que ser liberada do seu coche tras chocar contra un camión...

800 usuarios afectados por cortes de luz en Santiago e Ames

Uns 800 usuarios víronse afectados esta mañá de venres por cortes da luz debido...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here