InicioSUCESOS'Moitas grazas, querida parroquia': Galiza enterra hoxe a Superpiñeiro

‘Moitas grazas, querida parroquia’: Galiza enterra hoxe a Superpiñeiro

Unha despedida multitudinaria nas redes lembra o pedagogo que se converteu en lenda televisiva, con mensaxes de figuras como Xabier Cid e Paco Lodeiro

Publicado o

Por Míriam Ferraces Fernández

Xosé Manuel Piñeiro, máis coñecido como Superpiñeiro, reuniu este xoves a familiares, amigos e veciños na súa vila natal de Allariz, onde se celebrou un sentido funeral na igrexa de Santiago para darlle o derradeiro adeus. O presentador faleceu onte aos 67 anos tras anos de loita contra un mieloma múltiple que interrompeu, mais non apagou, unha carreira que o converteu nun símbolo da Televisión de Galicia.

A esquela publicada en ‘La Región’ resume o agradecemento mutuo entre Piñeiro e a súa audiencia: ‘Moitas grazas, querida parroquia, por todos estes anos de felicidade’. Estas palabras, que reflicten o seu estilo directo e afectuoso, destacaron entre as múltiples homenaxes que enchían as redes sociais desde o anuncio da súa morte.

ALGUNHAS MENSAXES DE DESPEDIDA EN ‘X’

Xabier Cid, escritor e xornalista, recoñeceu publicamente o impacto que Piñeiro tivo máis aló das pantallas:
‘Nunca lle dixen a SuperPiñeiro que, pra un rapaz de 15 anos, ter un pedagogo no insti que era marica e artista da tele foi algo moi wai e moi divertido, e que el foi máis exemplo do que quizais pensou nunca’.

No mundo do entretemento, a actriz Diana Nogueira definiu a súa perda como persoal:
‘Partiu unha estrela moi especial para min… meu mestre, meu amigo. Grazas por tanto, Pi!’

Paco Lodeiro, compañeiro na TVG, destacou o impacto do ‘Supermartes’, o programa que marcou unha xeración:
‘Os martes foron supermartes felices grazas a Superpiñeiro, entretedor maiúsculo do país.

Piñeiro non foi só unha figura pública. Foi un exemplo de compromiso coa cultura galega e coa lingua, como se viu na súa intervención en 2009 contra unha marcha galegófoba. Ese momento foi lembrado por moitos en redes sociais como un dos seus máis icónicos, representando o orgullo e a defensa da identidade galega:

O RC Celta de Vigo tamén quixo recoñecer a súa relevancia:
‘A familia celeste únese á dor polo pasamento de Xosé Manuel Piñeiro. Un profesional comprometido co noso idioma e todo un emblema da comunicación galega’

A súa morte deixa un baleiro que transcende a televisión. Pepe Capelán, outro dos seus compañeiros, foi conciso pero emotivo:
‘Déixasnos para ser eterno. Grazas por todo. Ata sempre, Pi’.

Errepé destacou as múltiples cualidades humanas e profesionais de Superpiñeiro, reflectindo o impacto que tivo na sociedade galega:
‘Boa persoa, intelixente, carismático, polifacético, profesional, decente, humilde, cordial, solidario, amable, honrado e grande alaricano e ourensán, ao que tiven a honra de coñecer. Prematura e fonda perda para o corazón do País’.

Grey de Dios, cun toque de nostalxia e admiración, recordou a influencia de Superpiñeiro mesmo no mundo musical:
‘E os cantantes de rock & roll querían ser ti’.

Desde o humor, a conta @FaladoiraLercha imaxinou unha programación ficticia da TVG dedicada ao presentador, chea de recoñecemento e agarimo:
‘Ás 14:00 Adeus, SuperPiñeiro, Adeus. Ás 16:00 especial de Xosé Manuel Piñeiro, vai por ti. Ás 18:00 O mellor dos Supermartes. Ás 20:00 SuperPiñeiro o máis grande. Ás 22:00 TVG sempre te lembrará, Xosé Manuel’.

Carlos F. Amado, facendo referencia á versatilidade de Piñeiro, destacou o seu legado como mestre e o seu humor nos momentos máis recentes:
‘Fuches un mestre do que aprendemos todos. Grazas polo teu cariño, pola túa xenerosidade, Pi. Quedo cos momentazos que nos deches no Twitch, comentando a final do Benidorm Fest, sacando as uñas polas Tanxugueiras. Recordarémoste sempre, Xosé Manuel Piñeiro!’

ALAS A Coruña, asociación de visibilidade LGTBIQ+, recoñeceu a súa contribución á diversidade e á cultura galega:
‘Con fondo pesar dicimos ata sempre a un gran comunicador e exemplo de visibilidade, o noso benquerido, Xose Manuel Piñeiro. Foi todo un pracer recibir xuntxs o premio da Fundación Insua dos Poetas no 2020 no Carballiño. Voa alto!’

Hoxe, mentres os seus restos eran incinerados na intimidade familiar, milleiros de galegos lembran ao pedagogo que se fixo estrela da pequena pantalla e que, dende Allariz, conseguiu entrar en cada fogar. Superpiñeiro, máis alá das luces do escenario, queda como un dos imprescindibles na historia recente de Galicia.

ÚLTIMAS

Festas do Apóstolo 2026: Volve o espectáculo de luces con fogos artificiais e dez días de concertos

As festas do Apóstolo deron comezo este mércores co pregón do empresario e promotor...

Santiago terá unha nova rede de buses con 16 liñas, conexións ao rural e servizo nocturno

A nova rede de autobuses de Santiago de Compostela empezará a funcionar previsiblemente este...

CC.OO. mobilízase nas Cancelas contra a apertura do comercio en domingos e festivos

A federación de servizos de Comisións Obreiras concentrou este mércores a ducias de delegados diante...

O Compostela TradFest encherá de música tradicional o centro histórico durante máis de doce horas

Santiago de Compostela acollerá o vindeiro 26 de xullo a oitava edición do Compostela...

Un ciclista resulta ferido leve tras caer por unha fochanca en San Pedro de Mezonzo

Un ciclista resultou ferido leve na noite deste martes tras sufrir unha caída na...

Excarcerada unha persoa tras chocar co seu coche contra un camión aparcado en Santiago

Unha persoa tivo que ser liberada do seu coche tras chocar contra un camión...

800 usuarios afectados por cortes de luz en Santiago e Ames

Uns 800 usuarios víronse afectados esta mañá de venres por cortes da luz debido...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here