O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reivindicou este xoves os avances de Galicia no tratamento e prevención do cancro e defendeu a necesidade de seguir afondando nun modelo sanitario máis humanizado, “que poña o benestar dos pacientes no centro”. Como exemplo desta filosofía, sinalou a nova sala de espera de Oncoloxía do Hospital Clínico de Santiago, recentemente construída. Rueda fixo estas declaracións tras visitar o novo espazo, nun acto no que estivo acompañado polo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, así como por profesionais sanitarios e representantes dos pacientes.
A Xunta de Galicia investiu un millón de euros na transformación da antiga terraza do hospital nun espazo máis acolledor ao servizo dos pacientes oncolóxicos, que poderá utilizarse desde este mesmo luns. Trátase dunha área renovada, con vistas, novo mobiliario e maiores comodidades. “Isto contribuirá a mellorar un pouco todo o que rodea o efecto tremendo de ter unha enfermidade oncolóxica ou de estar a esperar un diagnóstico”, afirmou Rueda, quen subliñou que o beneficio non é só para os pacientes, senón tamén para familiares e coidadores, “nos que tamén hai que pensar”.
O titular do Executivo galego enmarcou esta actuación nunha estratexia global de humanización das salas de espera do sistema sanitario. Neste sentido, lembrou que xa se están a realizar actuacións similares en Vigo, que hai traballos previstos en Ourense e Ferrol, que na Coruña e Lugo xa se acometeron melloras recentemente e que en Pontevedra estas salas se incorporarán no novo hospital. “Estes pequenos avances ás veces son moito máis importantes do que cremos”, asegurou, incidindo en que “hai diferenza entre pasar un intre que nunca é agradable e sentir que tamén se están a preocupar por ti”.
AVANCES CONTRA O CANCRO
Na súa intervención, Alfonso Rueda repasou algunhas das iniciativas que sitúan a Galicia á vangarda no ámbito oncolóxico. Entre elas, destacou a creación de hospitais de día oncolóxicos nos hospitais comarcais da Costa da Morte, en Cee, e de Barbanza, en Ribeira; o proxecto Xenoma Galicia, que esta semana iniciou unha nova fase e que é un dos de maior envergadura a nivel mundial; así como a ampliación e extensión dos programas de cribado.
Tamén puxo en valor o centro de terapias avanzadas CAR-T, que este ano comezará a fabricar as súas propias terapias, e o centro de protonterapia, cuxas obras están a piques de rematar. Segundo indicou, está previsto que este último comece a tratar aos primeiros pacientes a finais deste ano ou comezos do próximo, “o que converterá a Galicia na primeira sanidade pública en ofrecer este tratamento”.

