InicioPOLÍTICARexeitada a proposta de concesión para a xestión da auga tras un...

Rexeitada a proposta de concesión para a xestión da auga tras un debate cruzado entre goberno e oposición

BNG e Compostela Aberta votan en contra, o PSOE apoia a concesión e o PP abstense nunha sesión marcada polas acusacións de “paripé” e “bloqueo”

Publicado o

Xornal de Compostela

O Pleno ordinario do Concello abordou esta mañá a proposta da Comisión Especial encargada de analizar a fórmula máis eficiente e sustentable para a xestión do ciclo integral da auga. A iniciativa, que chegaba cun ditame negativo da comisión informativa, foi finalmente rexeitada tras contar cos votos favorables do Grupo Socialista e das concelleiras e concelleiro non adscritos, o voto en contra do BNG e de Compostela Aberta e a abstención do Partido Popular.

A sesión estivo marcada por un intenso intercambio de reproches entre os grupos municipais arredor do modelo de xestión e do papel desempeñado por cada formación ao longo do proceso.

O concelleiro Xesús Domínguez contextualizou o debate lembrando que o contrato actual foi licitado en 1984 e asinado en 1985, con sucesivas modificacións e prórrogas ata quedar en situación de precariedade en 1999, momento no que se emitiu unha orde de continuidade ao tratarse dun servizo básico.

Segundo expuxo, a rede de abastecemento supera os 600 quilómetros, cun 12% das tubaxes que precisan substitución por tratarse de materiais obsoletos. A rede de saneamento acada os 700 quilómetros, nunha parte significativa de carácter unitario. O consumo anual rolda os 11 millóns de metros cúbicos e arredor de 4.000 habitantes seguen sen conexión á rede pública.

Domínguez sinalou que os custos de funcionamento sitúanse arredor dos 10 millóns de euros anuais e que a renovación integral das infraestruturas podería requirir un investimento estimado en 200 millóns de euros, aos que se suman os 60 millóns destinados á nova EDAR da Silvouta.

O edil indicou que, malia que a proposta de concesión non coincidía coa posición do goberno nin coas conclusións do estudo elaborado pola Cátedra da Auga da Universidade da Coruña, chegaba ao Pleno por ser a fórmula que obtivera maioría na comisión especial. “Este goberno sí é responsable e executará o que se decida”, afirmou, advertindo tamén de que “non se vai executar todo isto en dous ou tres anos, sexa cal sexa a fórmula elixida”.

A concelleira non adscrita Mila Castro, defendeu a concesión como a alternativa “máis viable e segura” ante un investimento que cifrou en arredor de 90 ou 100 millóns de euros segundo distintos informes técnicos. Afirmou que a rede precisa unha actuación estrutural que non pode ser asumida con cargo exclusivo ao orzamento municipal.

Castro cuestionou o cambio de postura do Partido Popular e acusou o BNG de “camuflar unha decisión” tras someter a votación unha proposta que non comparte. “Oxe, todas e todos quedaremos retratados neste pleno”, sinalou.

Pola súa banda, a concelleira María Rozas, de Compostela Aberta, cualificou o debate como unha “tomadura de pelo” e sostivo que os informes elaborados ao longo dos anos sinalan deficiencias na transparencia do contrato vixente.

Rozas asegurou que existen datos que apuntan a unha “dobre contabilización” e a sobrecustos de persoal, e preguntou “onde están os beneficios de 40 anos de concesión”. Tamén puxo como exemplo modelos alternativos aplicados noutros concellos, como o de Ames.

O portavoz popular, Borja Verea, anunciou a abstención do seu grupo e cualificou a sesión de “circo” e “paripé”. Argumentou que o seu partido está a favor da concesión, pero cuestionou que a alcaldesa impulse un modelo que non comparte.

“Estamos a favor da concesión, pero non estamos a favor de que unha alcaldesa que non cree na concesión se poña a traballar na concesión”, afirmou, situando nun hipotético escenario futuro a redacción dun novo contrato.

Na quenda final, tanto dende o goberno como dende o Grupo Socialista insistíronse en que o peor escenario sería non adoptar ningunha decisión. A alcaldesa, Goretti Sanmartín, lembrou que a proposta levada a Pleno non era a do executivo, pero que se presentaba en cumprimento do acordado na comisión. Tamén criticou que quen votou a favor de traer a concesión ao Pleno optase finalmente pola abstención.

Coa votación concluída, a proposta de concesión quedou formalmente rexeitada, polo que o Concello deberá seguir definindo a fórmula de xestión do ciclo integral da auga nun contexto de contrato en precario e necesidades de investimento recoñecidas por todos os grupos.

ÚLTIMAS

O Compostela encadea a terceira vitoria consecutiva tras impoñerse ao Llanera por 1-3

A SD Compostela sumou este domingo a súa terceira vitoria consecutiva na Liga despois...

Felipe Arias Vilas é elixido presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego

O Museo do Pobo Galego, con sede en Santiago de Compostela, inicia unha nova...

A Xunta recibe 12 ofertas para construír 79 novas vivendas públicas en Ames

A Xunta de Galicia recibiu 12 ofertas de empresas interesadas en executar a construción...

Centos de persoas maniféstanse en Santiago contra as cargas policiais da Coruña

Centos de persoas saíron este venres ás rúas de Santiago de Compostela para protestar...

Santiago selecciona a empresa que xestionará a plataforma loxística da Cidade Histórica, que comezará a funcionar a principios de 2027

A alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín, anunciou este venres que a empresa Kibus Distribución...

O PP de Santiago esixe a Sanmartín que condene os disturbios da Coruña e evite un posible boicot á Carreira Pedestre

O concelleiro do Partido Popular de Santiago, José Antonio Constenla, reclamou á alcaldesa de...

Pedro Blanco propón reforzar a atención temperá e ampliar o lecer accesible en Santiago

O candidato do PSOE á Alcaldía de Santiago de Compostela, Pedro Blanco, anunciou que...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here