A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña absolveu a un profesor acusado dun delito contra a liberdade sexual dun alumno menor de idade nun centro educativo de Santiago de Compostela ao considerar que a proba practicada é “insuficiente” para desvirtuar a presunción de inocencia.
Segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), a sentenza destaca a “falta dun relato do menor” e apunta á existencia de explicacións alternativas para os síntomas que presentaba o neno. Os maxistrados subliñan que “nin o horario, nin a localización dos aseos e o deseño destes posibilitaban crear unha oportunidade para o acusado”, coincidindo así coa tese da defensa.
A resolución xudicial tamén fai referencia ás conclusións periciais, nas que se sinala que “non hai un relato, non hai opcións expostas, non hai alternativas posibles baralladas”, polo que non se pode acreditar a existencia dos feitos denunciados. Ademais, indica que existe “unha explicación plausible alternativa, natural e física” achegada polos médicos intervinientes que debe prevalecer.
No fallo, a sala lembra que a carga da proba corresponde á acusación, que é quen debe convencer ao tribunal da existencia dos feitos e da súa atribución ao acusado. “Sen que sexa lícito investir o peso da proba e pretender que sexa o acusado quen mostre a súa inocencia”, recolle a sentenza. A resolución non é firme e pode ser recorrida ante o propio TSXG.

