Esta madrugada prodúcese o cambio ao horario de inverno. Na noite do sábado 25 ao domingo 26 de outubro, os reloxos deberán atrasarse unha hora, de maneira que ás 03:00 volverán ser as 02:00 en toda Europa. Con esta modificación remata o período de horario de verán, vixente dende finais de marzo, e recupérase unha hora de sono.
O debate sobre a súa posible eliminación regresou á actualidade logo de que o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, anunciase esta semana que proporá ao Consello Europeo suprimir a modificación horaria por considerar que “xa non ten sentido”, que o aforro enerxético é mínimo e que ten efectos negativos na saúde e na vida das persoas.
Porén, o investigador e profesor da Universidade de Santiago de Compostela, Jorge Mira, quen formou parte da comisión estatal de expertos que estudou a reforma da hora oficial (2018-2019), sostén que esa supresión sería “unha decisión equivocada” e que “non existe consenso científico” sobre ela.
Segundo explica Mira, España atópase nunha latitude onde a diferenza de luz solar entre o verán e o inverno é moi acusada: “A posta e saída do sol cambia tres horas pola mañá e tres pola tarde dependendo da estación. Pasamos de ter menos sol ca a Antártida a ter máis ca en Kenia”, exemplifica. Por iso, considera que adaptar o reloxo ás estacións “é necesario para non vivir cada vez máis desfasados coa luz natural”.
O científico lembra que hai un século, “os españois levantábanse tres horas antes en xuño que en decembro”. Con horario fixo, engade, “faríano sempre á mesma hora, mentres o sol se despraza tres horas, o que suporía un problema”. Comparouno cun exemplo cotián: “Vivindo en España non se pode levar bermudas todo o ano; o mesmo ocorre co reloxo, hai que adaptalo ás estacións”.
DIFERENZAS NO CONTINENTE
Mira tamén subliña que as condicións non son iguais en toda Europa. “En Finlandia pasan de 24 horas de noite en decembro a 24 de luz en xuño, por iso lles resulta irrelevante adiantar ou atrasar unha hora”, explica. En cambio, en España a variación solar é moito maior e afecta directamente aos horarios laborais e sociais.
Se se optase por manter o horario de inverno todo o ano, a zona leste do país vería amencer entre as 05:00 e as 06:00 durante varios meses, “trasladando unha hora de luz útil da tarde á madrugada, cando case ninguén está esperto”.
O investigador lembra que xa a comezos do século XX, cando se instaurou a hora oficial, a sociedade española axustou por si mesma os horarios comerciais segundo a estación. “A xente creou un salto dunha hora entre outono-inverno e primavera-verán antes de que o cambio horario fose oficial. Iso demostra que é unha medida axeitada para este país”, sostén, engadindo que se se suprimise, “a sociedade volvería autoorganizarse do mesmo xeito”.
EFECTOS SOBRE A SAÚDE
O neurólogo Emilio Rodríguez, do Hospital Clínico Universitario de Santiago, recoñece que o cambio pode provocar alteracións puntuais no organismo durante o período de adaptación, como irritabilidade, menor rendemento ou insomnio. “O ritmo de soño-vixilia debe ser regular. Se se altera, aumenta o risco de enfermidades cardiovasculares, hipertensión ou diabetes”, advirte.
A Sociedade Española do Soño recomenda fixar o horario de inverno de forma permanente, xa que favorece o espertar coa luz natural e mellora o descanso. Con todo, Rodríguez matiza que en Galicia, debido á súa posición máis occidental, “podería encaixar mellor un horario similar ao de Portugal”.
O especialista lembra tamén algúns consellos para minimizar os efectos do cambio horario: evitar pantallas pola noite, expoñerse á luz natural cedo e manter rutinas de sono estables. As persoas máis afectadas, di, son nenos, adolescentes e traballadores con madrugóns, xa que “se levantan cando aínda é de noite”.
Así, entre a defensa da adaptación solar de Jorge Mira e as consideracións médicas sobre o descanso, o cambio de hora segue sendo un debate aberto en Europa, pero, polo momento, esta madrugada ás 03:00 volverán ser as 02:00.

