O Concello de Santiago abriu a porta a “flexibilizar” o prazo de entrada en vigor da taxa turística tras a preocupación expresada polo sector da hostalaría. Así o confirmaron este mércores a concelleira de Turismo, Míriam Louzao, e o edil de Facenda, Manuel César, nun encontro co sector no Edificio Cersia, onde recoñeceron que podería demorarse “uns días ou un tempo” respecto ao previsto, sen aceptar os meses de marxe que pedían algúns asistentes.
O Goberno local tiña previsto aprobar a ordenanza no pleno do 31 de xullo e aplicar o cobro xa en agosto, converténdose no primeiro concello galego en facelo. Porén, as peticións da hostalaría para adiar a implantación, argumentando a sobrecarga de traballo no verán e a necesidade de adaptar as reservas, levaron ao Executivo a comprometerse a estudar unha pequena marxe.
Durante o encontro, os hostaleiros expuxeron a súa preocupación polo impacto da taxa no verán, cando xa teñen reservas pechadas e pouca capacidade operativa, e propuxeron outubro como un mes máis adecuado. Louzao insistiu en que o adiamento non será de tres ou catro meses e descartou retrasalo ata xaneiro, como pedían algúns.
A taxa, unha recarga sobre o imposto autonómico, será recadada mediante autoliquidacións semestrais presentadas na sede electrónica do Concello. O Goberno local non intervirá na maneira en que os establecementos repercutan este custo aos clientes, instando ao sector a informar adecuadamente á súa clientela.
Respecto ás exencións, Louzao explicou que a ordenanza se axusta á normativa autonómica, que establece excepcións para estancias por motivos de saúde, competicións deportivas federadas e casos de forza maior, sempre que estean debidamente xustificadas. O sector expresou reticencias ao considerar que pedir documentación podería vulnerar a intimidade dos hóspedes.
A concelleira aclarou que o Concello non pedirá directamente esa documentación, aínda que os establecementos deberán gardala por se hai revisións. Ademais, comprometeuse a consultar co Sergas cales son as vías válidas para acreditar estancias por motivos de saúde, para dar maior seguridade aos negocios e aos clientes.