InicioSOCIEDADEUn estudo da USC defende o cambio de hora como un "mecanismo...

Un estudo da USC defende o cambio de hora como un “mecanismo para adaptarse mellor ás estacións”

Os profesores da Universidade de Sevilla (US) e da Universidade de Santiago de Compostela (USC) José María Martín Olalla e Jorge Mira, analizan cal é a mellor hora para arrincar a xornada en vista da variación da hora de amencer, "que se observa por enriba dos 30 graos de latitude"

Publicado o

Xornal de Compostela

Os profesores da Universidade de Sevilla (US) e da Universidade de Santiago de Compostela (USC) José María Martín Olalla e Jorge Mira, analizan cal é a mellor hora para arrincar a xornada en vista da variación da hora de amencer, “que se observa por enriba dos 30 graos de latitude”. No seu estudo abarcan os fundamentos fisiolóxicos e sociais da práctica do cambio estacional da hora e revisan o seu impacto na saúde. Así, segundo informaron a US e a USC en senllos comunicados, esta análise toma como exemplo as cidades de Bogotá e Nova York, situadas sobre o mesmo meridiano, pero a diferente latitude, para sinalar que no inverno o amencer atrásase unha hora e media na segunda cidade. “Isto atrasa a vida en Nova York durante o inverno, pero na primavera o atraso do amencer desapareceu e a actividade pode iniciarse antes. O cambio de hora de primavera facilita esa adaptación”, sinalou Jorge Mira.

O estudo recolle diversos exemplos, actuais e pasados, de sociedades con actividade atrasada no inverno e adiantada no verán, en liña co papel sincronizador da luz matinal para o organismo. “As sociedades modernas teñen varios mecanismos de sincronización. Por exemplo, o emprego dunha hora estándar nunha rexión ampla, ou o emprego de horarios preestablecidos. O cambio de hora é outro mecanismo sincronizador, que adapta a actividade humana á estación correspondente“, sinalou Martín-Olalla. Os autores indican que a primeira fin de semana de abril e a primeira fin de semana de outubro serían as máis adecuadas para o cambio de hora. O estudo publicado en RSOS revisa o impacto do cambio estacional de hora na saúde humana considerando dous tipos de efectos: os asociados co cambio en si, e os asociados co período de vixencia da hora de verán.

Para o primeiro caso os autores sinalan que os estudos publicados non analizaron epidemioloxicamente o problema e que os indicios suxiren que o impacto é moi débil. “Un estudo moi completo en Estados Unidos reporta un 5 % de aumento en accidentes de tráfico na semana posterior ao cambio de primavera, pero soslaia que dun ano a outro os accidentes de tráficos semanais fluctúan un 15 %. O cambio de hora ten un impacto, pero é moi débil en comparación cos outros factores que inflúen no problema”, sinalou Mira. “O cambio de hora funcionou durante cen anos sen perturbacións graves. O problema é que nos últimos anos asociouse só ao aforro de enerxía cando, en realidade, é un mecanismo natural de adaptación“, resaltou Martín-Olalla

No segundo caso, os autores sinalan que a polémica actual parte dunha interpretación errónea do cambio estacional da hora. Segundo Martín-Olalla e Mira o cambio de hora non é un salto de zona horaria, nin fai que a poboación viva axustada ao sol doutro lugar, nin que o seu ritmo de vida se vexa desaliñado respecto do sol. “En certa forma é ao revés, o cambio de hora aliña o inicio da actividade co amencer“, sinalou Mira. “En 1810 as Cortes de Cádiz xa facían este tipo de adaptación estacional e non había fusos horarios nin nada do estilo. Simplemente a vida social reorganízase porque a duración do día no verán permite facer rutinas matinais a horas que non son benvidas durante o inverno”, destacou Martín-Olalla.

Mira e Martín-Olalla criticaron con dureza os estudos que reportan efectos a longo prazo no cambio estacional da hora e que o asocian con incremento do risco de cancro, perda de sono ou obesidade, entre outros. Sinalan que estes estudos analizan e reportan os efectos de ter unha hora común nunha zona horaria de Estados Unidos ou de Rusia, pero non din nada sobre o cambio estacional da hora. “Estúdase o que ocorre, por exemplo, en Nova York e en Detroit, nos extremos da zona horaria da Costa Este de Estados Unidos, pero en base a acumulados anuais de incidencias. A diferenza horaria entre unha e outra cidade é sempre a mesma ao longo do ano. Por tanto, non se pode inferir que os efectos que reportan se asocien co cambio de hora, que ten natureza estacional“, destacaron.

O estudo termina analizando por que o cambio de hora triunfou no século XX e que dificultades enfrontan agora as asociacións médicas cando pretenden eliminar a práctica e adoptar a hora de inverno permanente. Sinalan que o efecto principal da medida foi o aumento das horas de luz durante o segmento de lecer na primavera e verán. “A xente aceptou ir traballar antes na primavera e verán se con iso saía antes, e podía gozar máis a tarde paseando, indo ao parque ou a praia, parece unha obviedade, pero hai que dicilo”, sinalou Mira. Por contra a eliminación do cambio de hora enfróntase un dilema de difícil solución: adiantar a hora de entrada ao traballo cando máis se atrasa o amencer ou atrasar a hora de entrada ao traballo cando máis se adianta o amencer. “As dúas opcións van contra a fisioloxía humana“, sinala Martín-Olalla que engade “por iso a eliminación do cambio de hora é complicada en Estados Unidos e en Europa”. Pola súa banda, Mira indicou que “abriron unha caixa de Pandora, exacerbaron as críticas a unha práctica natural que funciona razoablemente ben e agora temen que o remedio sexa peor que a enfermidade”.

ÚLTIMAS

O Compostela cae ante o Marino de Luanco no seu debut ligueiro no Vero Boquete

A SD Compostela estreouse na competición ligueira cunha derrota por 0-3 fronte ao Marino...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

O xulgado inicia a execución da sentenza de Angrois e dá un mes a QBE para pagar as indemnizacións pendentes

O Tribunal de Instancia de Santiago de Compostela puxo en marcha a execución da...

O bombeiro Jimmy Go completa os 30 maratóns pola prevención do suicidio en Santiago

O bombeiro madrileño Jaime Domínguez, coñecido nas súas redes sociais como Jimmy Go, completou...

Santiago gaña oito novas conexións aéreas

A nova compañía aérea Fly2Galicia anunciou que comezará a operar o 1 de decembro...