O Sindicato de Vivenda de Compostela denunciou que varias participantes nas mobilizacións da folga xeral do 11 de novembro foron agredidas por axentes en Santiago e que unha delas tivo que ingresar no hospital. Segundo o colectivo, o episodio produciuse tras os momentos de maior afluencia da protesta da tarde, cando xa se disolvera a concentración. A organización sostén que os axentes arrinconaron as manifestantes nunha rúa e agredíronas cando estas carecían dunha vía de saída.
Nun comunicado, o sindicato sitúa o inicio do despregamento antidisturbios ao remate da lectura do manifesto. Asegura que mantivera dende o principio unha actitude de colaboración e comunicación coa Policía Nacional e que, malia ese contacto, os axentes prepararon material antidisturbios, incluídos lanzadores de pelotas de goma e gases lacrimóxenos, mentres aínda quedaban no lugar familias con crianzas, persoas maiores e dependentes, así como asistentes de distintas idades, ideoloxías e militancias.
O colectivo considera que a exhibición dese material buscaba intimidar as persoas que se mobilizaron polo dereito a unha vivenda digna e disuadir a veciñanza de participar en futuras protestas. Tamén asegura que as imaxes e os testemuños reunidos durante a xornada dan conta de agresións, rexistros que cualifica de hostís e identificacións que considera indiscriminadas en varias das principais cidades galegas.
PETICIÓN DE RESPONSABILIDADES
O sindicato reclama que se identifique os axentes implicados e se depuren responsabilidades pola actuación policial. Tamén pide o arquivo de calquera denuncia ou sanción contra as persoas manifestantes e comprométese a acompañar as afectadas tanto nas mobilizacións como nos xulgados. Na súa reivindicación sobre o futuro dos barrios, vincula a defensa do dereito á vivenda coa oposición ao rendismo, á presión turística e ao que describe como hostilidade policial.
CRÍTICAS Á COBERTURA DA FOLGA
A organización acusa tamén a determinados medios e cadeas de ofreceren unha cobertura nesgada da folga e de omitir a información sobre as agresións que denuncia. Ao seu xuízo, ese tratamento deixou en segundo plano as razóns polas que a veciñanza saíu á rúa, entre elas o acoso inmobiliario, a xentrificación e a precariedade. O colectivo reivindica o papel das xornalistas como traballadoras e veciñas e reclama que a cobertura dos feitos sexa independente dos intereses das patronais e dos partidos con representación parlamentaria.
O sindicato cualifica de éxito a folga xeral e considera que a participación nas rúas foi decisiva para o seu seguimento. O comunicado chama a manter a mobilización no día a día fronte ao peso dos fondos voitre, da banca, das grandes empresas e dos propietarios que viven das rendas no acceso á vivenda nas cidades e vilas. A organización pecha o texto con tres lemas: “Fóra rentistas dos nosos barrios!”, “Nen xente sen casa, nen casas sen xente!” e “Se tocan a unha, respondemos todas!”.

