HomeOPINIÓNO festival de cine barato: Compostela, vila de cineclubes

OPINIÓN

O festival de cine barato: Compostela, vila de cineclubes

Publicado o

Por Lois E. Froiz
Lois E. Froiz
Lois E. Froiz

Nado en Compostela, é Doutor en Comunicación e leva media vida vencellado á cultura, escribindo en revistas, webs e fanzines, formando parte do xurado de festivais, programando en cineclubes, dirixindo curtas e un documental, tocando en bandas e até publicando un libro. Na actualidade traballa en organización comarcal do BNG.

Vendo a cantidade de festivais existentes (Curtocircuíto, Cineuropa, Amal, MICE…) e a calidade e cantidade de salas (especialmente reseñábeis no caso das programación de Numax e os Cines Compostela), é evidente que Compostela é unha cidade na que o cinema pega forte. Por riba disto —ou por baixo, xa que se moven por terreos máis soterrados—, están os cineclubes, esa presenza constante que tamén se vertebra dende o amor da cidade polo sétimo arte. Malia isto, se usamos unha perspectiva histórica, é certo que a relación de Compostela co cineclubismo tarda en chegar. Tal e como sinala Mario Eijo no volume que o Consorcio de Santiago editara en 2020, por moito que o fenómeno nacese como tal nos anos 20, nesta cidade tardaría até 1956 en ver a luz baixo o SEU (Sindicato Español Universitario), mais sería 1961, e sobre todo 1965 cando realmente tivese continuidade programática, xa nun relanzamento dende cero da man de Federico Pomar e Ezequiel Méndez —agora recén nomeado fillo predilecto de Compostela, amosando un peso esencial no que nos atinxe— até a caída do franquismo. Pero non quero neste artigo facer unha revisión historicista —para isto recomendo a consulta da web esencial para entender a relación da cidade co cinema Compostela Filmada—. Baste dicir que dende entón houbo militancia, desaparición de proxectos, épocas ilusionantes, discusións e períodos longos sen presenza. Mais na actualidade levamos 23 anos ininterrompidos con, alomenos, 1 cineclube activo: o Cineclube de Compostela.

A cuestión está en que o veterano da actualidade, que segue a programar cada semana na Gentalha do Pichel, vive acompañado por numerosas propostas paralelas, dende o Cineclube de Mazarelos —que habita na facultade de Filosofía— até o Club de Cine Facom —actual cineclube da facultade de Ciencias da Comunicación—, o CineFilo —na facultade de Filoloxía—, o Cineclub Ateneo —obviamente chamado así por depender do Ateneo—… E ante tanta oferta, poderiamos pensar que existe unha loita de egos, unha competencia por ser o mellor cineclube. Porén, o amor polo sétimo arte está por riba desas futesas, e así quedou demostrado esta pasada semana a través do que se deu en chamar Festival de Cine Barato, organizado polo Cineclube de Compostela, o Cineclube de Mazarelos e o Club de Cine Facom. Unha proposta que non só quedaba na habitual mostra de películas, senón no chamamento a xuntarse arredor da creación e a visión da imaxe, da reflexión sobre a utilización, reutilización, captación e, sobre todo, do desfrute co aprendizaxe e o debate.

Foron 3 días intensos. Comezaban o mércores 24 de abril cun obradoiro de fotografía estenopeica —cámaras feitas con caixas que deixan pasar só a luz suficiente para plasmarse no papel sensíbel—. Polo horario matutino orientábase máis a estudantes, e ademais ía realizarse na Facultade de Ciencias da Comunicación. Mais amosaba, dende un comezo, de que ía ir este festival que nacía: non só ensinar e debater, tamén facer. Tamén era no mesmo mércores que se programaba unha charla aberta na Casa do Taberneiro sobre como conseguir obras audiovisuais, dereitos de autor, piratería e salvagarda de arquivos. Unha conversa centrada na labor cineclubística e en como logran traer obras tan afastadas de calquera mercado audiovisual até as nosas retinas, mais que tamén servía de declaración de principios para ir sementando as ideas que se explicarían coa imaxe na primeira noite de festival. Unha noite que enlazaba a programación habitual do Cineclube de Compostela na Gentalha do Pichel co festival, resultando unha escolma de pezas históricas que entraban baixo a etiqueta de cinema amateur, facendo un percorrido de máis de medio século e ofrecendo dende obras creadas para o cineclube de Zagreb en 1955 até documentais dos anos 70 feitas polo Collectif Mohammed para falar de adolescentes inmigrantes en Francia que sobrevivían creando espazos lúdicos, ou obras que falaban do peche de casas okupa como A Casa Encantada de Compostela ou a coruñesa Casa das Atochas, xa realizado neste século.

A intensidade do festival levaba a outras dúas sesións no xoves 25 de abril. Unha primeira a media tarde que incluía unha charla co cineasta experimental máis recoñecíbel do país, Alberte Pagán, que deu no Centro Xuvenil da Almáciga unha lección sobre como reutilizar material para a creación audiovisual, sempre dende a súa persoalísima óptica marcada pola vangarda artística. Á noitiña, e baixando o parque de Bonaval, permitíusenos desfrutar dunha mostra de cinema amador no Espazo X dentro do CGAC. Unha escolma de pezas curtas feitas por directoras de Galiza que xogaban con perspectivas diversas pero un nexo no custe cero. Dende o intimismo e reconstrucción dende imaxes e audios de diferentes orixes de Eres Tú de Sara Iglesias ou Onde Fomos Xuntas de Marta Alborés e Lucía Mosquera á comedia de Espirifit de Arantxa Carricoba, o estraño de Sísifo de Pablo Stutt Castro, a reflexión metacinematográfica e familiar de Palomas de Auga de Daniel Valcárcel ou o experimental de O Sole’ Mio de Xoán Fernández Diz. Por non citar Golgota Compostela, unha curta sobre as cruces que hai na cidade e da que como creador non me vexo capacitado para falar ben nin mal nun artigo que eu mesmo escribo.

Para rematar o festival, aínda quedaba pechar o obradoiro de fotografía estenopeica e facer dúas actividades que daban pé a esta mestura de creación e mostra: A sesión Jam de curtas na Facultade de Ciencias da Comunicación, onde se proxectaban obras feitas ex profeso para este festival (arredor do concepto de valor), e a exposición das fotografías feitas no obradoiro no pub A Medusa, rematando tres días intensos de camaradería e charlas extensas —e non sempre comprensíbeis— sobre cinema, filosofías, formas de entender o arte e, sobre todo, moitas ganas de facer e ensinar. Porque ao final, probábelmente o que une a estes cineclubes e guía cun fío invisíbel ao longo da historia até esos case 70 anos do nacemento do cineclubismo na cidade é iso: Amor polo arte, por aportar á sociedade a través das imaxes. E iso é algo que se pode ver nos cineclubes cando actúan por separado, pero aínda máis agora que actúan en colectivo. E que sexa por moitas edicións máis do Festival Cine Barato.

ÚLTIMAS

Despregan unha pancarta contra Altri na catedral de Santiago

Escaladores de Greenpeace despregaron na balconada do museo da catedral de Santiago unha pancarta contra o...

Ferida unha persoa ao chocar contra a mediana na AP-9 ao seu paso por Teo

Unha persoa resultou ferida na madrugada de hoxe tras chocar co seu vehículo contra...

Santiago estrea ligazón Orbital, “fito” no desenvolvemento da cidade que “mellorará o día a día” de veciños e empresas

Santiago de Compostela estreou este xoves a ligazón Orbital, a conexión da a autoestrada...

A artista Gloria Pavía sobre Santiago: “Estar rodeada de tanta creatividade fai que chegues a casa e teñas ganas de crear”

Gloria Pavía (en Instagram @glopavia ou @globelivet na súa conta de ilustración) é unha...

Dunha voadura descontrolada, dun secretario xeral pantasma e da necesidade dunha alternativa firme

Santiago de Compostela e a política municipal atópanse, nestes intres, nunha caída libre, froito...

O prezo da última cea

Coa chegada do mes de xuño e da calor chega tamén esa época do...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here