O Concello de Ames puxo en marcha unha nova edición do programa de cesación de tabaco en grupo, unha actividade gratuíta dirixida a persoas empadroadas no municipio que desexen abandonar o consumo de cigarros. O proxecto desenvolverase entre outubro e decembro e forma parte do Plan Municipal para a Promoción da Saúde Mental, presentado en abril de 2024.
As sesións arrancarán o mércores 1 de outubro, ás 18:30, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. O programa inclúe seis encontros presenciais, conducidos por unha psicóloga con formación específica en tabaquismo, e completarase con seguimentos posteriores por teléfono.
Segundo explicou a concelleira de Promoción da Saúde, Susana Señorís, trátase da “segunda edición deste programa, que xa se desenvolveu o pasado ano co obxectivo de axudar ás persoas que queren deixar de fumar para mellorar a súa saúde e a das persoas que están ao seu arredor”.
A proposta baséase nunha abordaxe multidisciplinar e emprega un programa multicompoñente con ampla evidencia científica, contando coa colaboración doutros profesionais da saúde.
As persoas interesadas poden solicitar praza ou máis información enviando un correo a uneames@gmail.com ou chamando ao teléfono 617 485 662. O programa é de balde e está restrinxido a persoas empadroadas en Ames.

