InicioSANTIAGOTEOÁlex Regueiro preséntase como candidato por UCIN a Teo cun proxecto baseado...

Álex Regueiro preséntase como candidato por UCIN a Teo cun proxecto baseado na diversidade, a memoria e a tradición

Deseñador e artesán recoñecido, aposta pola cultura local, a inclusión social e a recuperación do tecido comunitario como eixos para transformar o concello

Publicado o

Xornal de Compostela

O deseñador e artesán Álex Regueiro, natural de Santiago de Compostela e veciño de Calo (Teo), presenta a súa candidatura á alcaldía de Teo cun proxecto que mestura compromiso social, recuperación do patrimonio e defensa do rural. Regueiro, cunha traxectoria recoñecida no mundo da moda e da artesanía, propón un modelo de goberno baseado na diversidade, a memoria democrática e a revitalización da cultura tradicional como ferramenta de cohesión social.

Con formación en maxisterio, música, protocolo e moda, e unha carreira consolidada como docente na escola ‘Miranda Priestly’, onde ensina historia da moda, Regueiro é tamén activista LGTBI+ con especial atención ao ámbito rural. O seu obradoiro en Calo é coñecido pola recuperación de traxes antigos e a confección de pezas exclusivas, labor que lle valeu máis de trinta premios. A súa experiencia abrangue tamén a colaboración en programas de radio e televisión, sempre vinculado á promoción da identidade galega e da diversidade.

Entre os eixos principais da súa proposta política destaca a vontade de declarar Teo como lugar de memoria democrática, reivindicando o papel do concello no contexto histórico da comarca. Neste sentido, propón tamén reclamar para Teo o epicentro da tradición dos Xenerais da Ulla, festa que considera parte fundamental do patrimonio inmaterial galego.

No plano social, Regueiro aposta por un Teo inclusivo, onde se erradique a aporofobia, a xenofobia e calquera forma de exclusión ou violencia contra a integridade persoal. Tamén manifesta o seu apoio ao asociacionismo cultural e deportivo, así como á recuperación de espazos de socialización como as tabernas tradicionais, que define como puntos de encontro comunitario a revitalizar.

No ámbito relixioso e territorial, defende o recoñecemento da Unidade Pastoral como instrumento de cohesión, co obxectivo de reunificar as trece parroquias do concello, que na súa opinión se atopan actualmente illadas e sen conexión efectiva.

Crítico coa implantación do proxecto ALTRI e coa actividade da Canteira da Casalonga, Regueiro sitúase claramente na defensa do territorio e do medio ambiente. Para el, a identidade, a sustentabilidade e a xustiza social deben ir da man.

Con esta candidatura, Álex Regueiro preséntase como “un rapaz da aldea que quere facer de Teo un lugar mellor”, resumindo así unha proposta que combina visión global, raíces locais e compromiso persoal coa veciñanza.

ÚLTIMAS

O Concello de Santiago aproba novas licenzas de obra e reactiva a solicitude para declarar a cidade como zona de mercado residencial tensionado

A Xunta de Goberno Local de Santiago de Compostela aprobou este luns diversos acordos...

Maite Flores destaca que “hai partido” entre as dúas candidaturas ao reitorado da USC

A candidata á reitoría da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Maite Flores, reivindicou...

Un estudo do IDIS apunta que un fármaco usado contra a gota podería axudar a combater a osteoporose

A revista científica Pharmaceutics publicou un traballo do grupo de Patoloxía Musculoesquelética do IDIS,...

O PSOE pregunta ao Goberno de Santiago cando licitará as cafeterías dos parques municipais tras quedar deserto o concurso o pasado verán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago levará ao pleno deste mes unha pregunta sobre...

Alfonso Rueda reivindica a alcaldesa de Teo, Lucía Calvo, como exemplo das mulleres do PP no 8M

O presidente do Partido Popular de Galicia, Alfonso Rueda, reivindicou este sábado á alcaldesa...

A Garda Civil rescata no río Ulla o cadáver do veciño de Teo desaparecido

A Garda Civil recuperou na tarde deste sábado o corpo sen vida dun veciño...

Operativo de busca no río Ulla para localizar un veciño de Teo desaparecido desde o mércores

Distintos efectivos participan nun operativo de busca dun veciño de Teo, de 56 anos,...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here