InicioSANTIAGOTEOAlfonso Rueda reivindica a alcaldesa de Teo, Lucía Calvo, como exemplo das...

Alfonso Rueda reivindica a alcaldesa de Teo, Lucía Calvo, como exemplo das mulleres do PP no 8M

O presidente do PPdeG destaca a xestión municipal e anima ao partido a “seguir apertando o acelerador” a un ano das eleccións locais

Publicado o

Xornal de Compostela

O presidente do Partido Popular de Galicia, Alfonso Rueda, reivindicou este sábado á alcaldesa de Teo, Lucía Calvo, como exemplo das mulleres do seu partido coincidindo coa celebración do Día Internacional da Muller. Fíxoo durante a II Xuntanza Anual do Partido Popular de Teo, un encontro que reuniu a máis de 700 asistentes no municipio da comarca de Santiago.

Durante a súa intervención, Rueda puxo en valor o papel da rexedora teense e sinalou que representa o perfil de mulleres que, segundo indicou, caracterizan ao seu partido. “No 8M hai que dar exemplos de mulleres como elas: traballadoras, que loitan, que non teñen pelos na lingua, que piden ata o esgotamento, que son fortes, que están orgullosas do cargo que teñen e que defenden o seu municipio”, afirmou.

O líder do PPdeG tamén comparou a situación do concello antes da chegada de Calvo á alcaldía coa etapa actual. Segundo indicou, anteriormente Teo “non era noticia máis que por desunións, cousas raras que pasaban ou por quen ía ou viña na esquerda”, mentres que agora destacou unha etapa marcada por diferentes iniciativas e proxectos.

Entre eles mencionou actuacións impulsadas en colaboración coa Xunta de Galicia, como o desenvolvemento da autovía entre Santiago e A Estrada (AG-59), a previsión dun centro de día en Montouto, iniciativas vinculadas á promoción de vivenda ou o impulso dun polígono industrial no municipio.

Na súa intervención, Alfonso Rueda tamén fixo referencia á situación política xeral e afirmou que Galicia está a conseguir “saír fóra de toda esa lea que se ve a nivel nacional”. Neste contexto, reivindicou o modelo que identificou coa chamada ‘Galicia Calidade’, que definiu como unha forma de gobernar centrada en “resolver problemas”.

Para o presidente dos populares galegos, a alcaldesa de Teo exemplifica ese modelo de xestión. “Unha muller que traballa, é valente e que atopa solucións”, sinalou.

O acto serviu tamén para marcar o horizonte político do partido a nivel local. Rueda lembrou que queda aproximadamente un ano para as próximas eleccións municipais e chamou aos membros da formación a manter a actividade política e institucional. “Hai que seguir apertando o acelerador, facendo moitas cousas e traballando arreo”, concluíu.

ÚLTIMAS

Felipe Arias Vilas é elixido presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego

O Museo do Pobo Galego, con sede en Santiago de Compostela, inicia unha nova...

A Xunta recibe 12 ofertas para construír 79 novas vivendas públicas en Ames

A Xunta de Galicia recibiu 12 ofertas de empresas interesadas en executar a construción...

Centos de persoas maniféstanse en Santiago contra as cargas policiais da Coruña

Centos de persoas saíron este venres ás rúas de Santiago de Compostela para protestar...

Santiago selecciona a empresa que xestionará a plataforma loxística da Cidade Histórica, que comezará a funcionar a principios de 2027

A alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín, anunciou este venres que a empresa Kibus Distribución...

O BNG de Teo denuncia que o Goberno de Lucía Calvo deixou sen executar tres millóns de euros en investimentos durante 2025

O BNG de Teo denunciou que o Goberno municipal do Partido Popular, encabezado pola...

Quintana Martelo leva a Teo unha mostra que percorre dúas décadas da súa obra

O pintor santiagués Manuel Quintana Martelo presentará no Auditorio Municipal da Ramallosa, en Teo,...

Catro menores feridos nunha colisión frontal en Teo

Catro menores de idade resultaron feridos de diversa consideración na tarde deste xoves tras...