InicioSANTIAGOAMESO Concello de Ames celebra a FestAmes Diversa 2025 e reivindica a...

O Concello de Ames celebra a FestAmes Diversa 2025 e reivindica a visibilidade da diversidade funcional

A Casa da Cultura do Milladoiro acolle este sábado unha gala con música, baile, proxectos inclusivos e intervencións de colectivos locais nun acto conducido pola actriz Carlota Mosquera

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social, organiza este sábado 13 de decembro ás 17.00 unha nova edición da FestAmes Diversa, unha celebración que busca reforzar a visibilidade e o recoñecemento das persoas con diversidade funcional no marco do Día Internacional das Persoas con Diversidade Funcional, conmemorado cada 3 de decembro. O encontro terá lugar na Casa da Cultura do Milladoiro e contará con actuacións, convidados e espazos de convivencia.

A concelleira de Benestar Social, Uxía García, salientou que “volve un ano máis a FestAmes Diversa”, lembrando que o evento pretende abrir “a fiestra á diversidade, á diversión, á celebración e á comunidade”. Destacou tamén que a gala aspira a converterse nun espazo de encontro onde se poña en valor “a convivencia das persoas con diversidade en total normalidade”.

A actriz e presentadora Carlota Mosquera será a encargada de dar a benvida e conducir unha programación que comezará ás 17.00 e que incluirá diversas propostas culturais. Entre elas estará Freestyle People, colectivo de rap improvisado formado por mozas e mozos en risco de exclusión social e por artistas con diversidade funcional. O grupo, nacido da colaboración entre Gallos del Norte e Poten100mos, achegará varias intervencións musicais ao longo da tarde.

A xornada tamén incorporará unha mostra do proxecto ‘A Nosa Champions’, impulsado pola Federación Galega de Fútbol. O coordinador da sección de fútbol da Sociedade Recreativa San Xoán de Calo, Manuel Buján, presentará esta iniciativa que promove a integración a través do deporte e na que participan xogadores e xogadoras de Ames, Calo e Compostela con discapacidade intelectual. Durante o acto proxectarase un vídeo da competición e intervirán algúns dos seus integrantes.

O baile terá igualmente un papel destacado coa participación da asociación Arcea-Adames, entidade do Milladoiro que desde 2006 desenvolve obradoiros ocupacionais para persoas con diversidade funcional. Oito das súas usuarias e usuarios subirán ao escenario, acompañados dunha educadora e da profesora de movemento, para reinterpretar o popular tema La bomba, de King África.

A tarde completarase cun espazo dedicado ao photocall e ao fotomatón, que permitirán ao público facerse fotografías como recordo da festa. O acto rematará arredor das 18.45, cunha pequena recepción na entrada da Casa da Cultura, onde se ofrecerán petiscos para as persoas asistentes.

O alcalde de Ames, Blas García, e a concelleira Uxía García pecharán a gala agradecendo a participación dos colectivos implicados e subliñando a importancia de manter espazos que visibilicen o traballo e a realidade das persoas con diversidade funcional no municipio.

ÚLTIMAS

Santiago homenaxea a Borja Iglesias tras proclamarse campión do mundo coa Selección Española

O futbolista Borja Iglesias regresou este luns á súa cidade natal como campión do...

Patadas na cabeza, unha navalla e ameazas previas: investigan dúas agresións nas festas de Conxo

Familias e amigos de dous mozos denunciaron por distintas vías que ambos tiveron que...

Educación fixa servizos mínimos nos colexios de Santiago pola folga do persoal de Lacera

A Consellería de Educación publica este luns no Diario Oficial de Galicia os servizos...

O Concello contratará un préstamo de 2,97 millóns e abre 90.000 euros en axudas para asociacións veciñais

A Xunta de Goberno Local de Santiago aprobou este luns o expediente para contratar...

Ames reunirá 392 atletas de 43 países no Mundial de 100 quilómetros

O concello de Ames converterase o próximo 20 de setembro nun dos centros do...

Colectivos veciñais de Ames esixen explicacións ao Concello pola desaparición do can ‘Gordo’

Colectivos veciñais e particulares de Ames reclamaron explicacións ao Concello polo paradoiro de 'Gordo',...

O BNG de Ames reivindica a memoria das vítimas do franquismo e alerta contra o seu branqueamento

A reivindicación da memoria das vítimas da represión franquista centrou un acto no que...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here