A Casa do Concello de Bertamiráns acolleu esta mañá a presentación dunha nova edición do concurso ‘Ilumina o teu sorriso’, unha iniciativa promovida pola Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA) coa colaboración da Concellaría de Promoción Económica. O certame, xa consolidado no calendario municipal, mantén o seu obxectivo central: incentivar a participación cidadá e reforzar a actividade comercial durante a campaña de Nadal nos dous principais núcleos urbanos do municipio.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, destacou no acto que dende o Concello existe vontade de continuar impulsando proxectos que animen a visitar os espazos decorados nestas datas e a dinamizar o consumo de proximidade. “Dende o Concello estamos moi contentos de seguir colaborando con estas iniciativas promovidas dende XEA”, indicou, ao tempo que subliñou que permiten “que a xente veña a ver a decoración e os escaparates tan bonitos e dinamizar o noso comercio”. Pola súa banda, o presidente de XEA, Ramón Cordido, agradeceu o apoio institucional e mostrou a súa confianza en repetir o bo nivel de participación: “Dá visibilidade aos nosos socios e premia a iluminación de Nadal do Concello”, explicou.
Acompañaron a presentación a xerente de XEA, Beatriz López, e o vogal Jorge López, quen detallaron o funcionamento dun certame que este ano inclúe unha novidade salientable: o Premio Especial XEA, destinado á mellor fotografía dun escaparate ou establecemento asociado con decoración de Nadal, cun vale de 300 euros para gastar nese mesmo comercio.
O concurso manterá aberta a recepción de imaxes entre o 04 de decembro e o 05 de xaneiro, e poderá participar calquera persoa maior de 18 anos residente en España. As fotografías deberán enviarse ao enderezo amesnarua@gmail.com acompañadas dos datos persoais, un teléfono de contacto e unha autorización para a súa difusión segundo as bases. No caso de aparecer persoas recoñecibles, será preciso incorporar tamén un permiso expreso para o uso da súa imaxe.
Nesta edición, os participantes deberán remitir dúas fotografías tomadas en espazos decorados de Ames: o luminoso 2026 da praza da Maía ou a árbore de Nadal da praza do Concello en Bertamiráns; ou ben a estrutura tridimensional da praza da Madalena e a árbore iluminada do aparcamento do Supercor, no Milladoiro. As dúas instantáneas deben corresponder a elementos distintos, con independencia da localidade elixida. Para optar ao Premio Especial XEA, deberán engadir unha terceira imaxe dun escaparate decorado pertencente á asociación empresarial.
As fotografías enviadas poderán empregarse nas redes sociais de @amesnarua, baixo as etiquetas #iluminaoteusorriso25 e #amesnarua, co consentimento das persoas participantes.
Segundo explicaron dende XEA, a organización asignará un número consecutivo a cada participante e realizará en xaneiro un sorteo dixital para determinar as persoas galardoadas. Os tres primeiros números correspondentes recibirán vales de 250, 150 e 100 euros, respectivamente, para consumir nos comercios asociados, mentres que o Premio Especial XEA manterá a dotación de 300 euros destinada ao establecemento retratado. A entidade sorteará ademais dous números suplentes por se non se lograse contactar coas persoas gañadoras no prazo de tres días hábiles.
Con esta nova edición, XEA e o Concello de Ames buscan reforzar a visibilidade dos espazos iluminados e dos establecementos locais, unha aposta pola actividade comercial de proximidade que volve situar o certame como un dos focos da programación do Nadal no municipio.

