InicioSANTIAGOAMESO Concello de Ames abre a comunidade educativa as novas instalacións da...

O Concello de Ames abre a comunidade educativa as novas instalacións da Cociña central dos comedores escolares

A visita, celebrada este sábado, permitiu coñecer o funcionamento dun servizo que elabora máis de 1.400 menús diarios e supuxo un investimento superior aos 640.000 euros

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Ames abriu este sábado, 25 de outubro, as portas da Cociña central da rede municipal de comedores escolares, en funcionamento desde o pasado 8 de setembro, coincidindo co inicio do curso. A visita contou coa participación do alcalde, Blas García, da concelleira de Planificación e Xestión Educativa, Carmen Porto, doutros concelleiros do grupo de goberno e de representantes dos grupos municipais do PP e do BNG, así como de director@s e representantes das ANPAS dos centros educativos CEIP A Maía, CEIP Agro do Muíño, CEIP de Barouta e da EEI Milladoiro.

A actividade realizouse nunha xornada sen actividade escolar para facilitar o acceso ás instalacións, e estivo guiada pola técnica municipal en nutrición, Rosana Martínez, e pola aparelladora municipal, Margarita Iglesias. Participaron tamén as directoras da EEI Milladoiro e do CEIP Agro do Muíño, Ángeles Ferrón Novais e María Carmen Liñares, ademais de representantes das ANPAS dos distintos colexios.

Durante a visita, o alcalde Blas García destacou que “a Cociña central é un proxecto pioneiro que reforza a aposta do Concello de Ames por un dos seus servizos estrela, a rede municipal de comedores escolares, xestionada directamente polo Concello desde 2005”. Engadiu que esta infraestrutura “permitirá cambiar o sistema de funcionamento dos servizos de conciliación”, co obxectivo de que tamén poida elaborar os menús da Escola de Verán.

Pola súa banda, a concelleira Carmen Porto explicou que a apertura deste sábado tivo como finalidade “dar a coñecer á comunidade educativa as novas instalacións e o proceso de elaboración dos menús, resolvendo dúbidas e conversando coas técnicas municipais encargadas da xestión do servizo”.

DÚAS ÁREAS PRINCIPAIS E MÁIS EFICIENCIA

A Cociña central de Ames, situada nunha superficie de 888 metros cadrados, conta con dúas áreas principais: unha zona de cociña e unha central de lavado, ademais de espazos para carga e descarga, vestiarios, almacén, oficinas e zona de frío. Este novo modelo permite centralizar a preparación do menú basal diario, o que supón unha maior eficiencia laboral fronte ao sistema anterior, no que o persoal estaba repartido entre as cociñas da EEI Milladoiro, CEIP Agro do Muíño e CEP de Ventín.

O investimento total ascendeu a 642.951,02 euros, distribuídos entre as obras da cociña (379.627,30 €), da central de lavado (176.527,70 €), a renovación do tellado (26.477,52 €) e a adquisición do túnel de lavado industrial (60.318,50 €). O equipamento principal, como fornos, campás extractoras e cámaras de frío, foi trasladado das antigas instalacións.

A Cociña central elabora cada día o menú basal que se serve nos comedores do CEP de Ventín, EEI do Milladoiro, CEIP de Barouta, CEIP da Maía, CEIP Agro do Muíño e das escolas unitarias de Covas e Ortoño, o que supón arredor de 1.450 comensais.

A maiores, mantense operativa a cociña da EEI do Milladoiro, encargada dos menús específicos de tratamento nutricional para alumnado con alergias, intolerancias ou necesidades dietéticas especiais. Actualmente, 143 nenos e nenas contan con este tipo de menús adaptados.

O equipo humano do servizo está composto por 24 persoas, todas elas persoal municipal: 19 traballadoras de cociña, unha persoa coordinadora e tres profesionais na cociña da EEI Milladoiro, ademais da técnica en nutrición responsable da planificación dos menús.
AMPLIACIÓN FUTURA

O Goberno local prevé ampliar as instalacións para habilitar unha segunda cociña independente dedicada exclusivamente á elaboración dos menús de tratamento nutricional, co fin de concentrar toda a actividade no mesmo edificio e mellorar as condicións de traballo e seguridade alimentaria.

Con esta infraestrutura, o Concello de Ames consolida o seu modelo de xestión pública directa dos comedores escolares, unha das redes máis amplas de Galicia, e reforza a súa aposta por unha alimentación saudable, sostible e de proximidade para o alumnado do municipio.

ÚLTIMAS

Un grupo de corredores completan 51 km entre Melide e Santiago para visibilizar o rexeitamento social a Altri e á mina de Touro-O Pino

Un grupo de 14 corredores de montaña percorreu este domingo os 51 quilómetros que...

Muíños advirte de que a crise dos bombeiros esixe decisións políticas inmediatas

O portavoz das edilas non adscritas no Concello de Santiago, Gonzalo Muíños, elevou este...

A Policía Nacional investiga a morte dunha muller ao caerlle enriba unha neveira no seu domicilio en Santiago

A Policía Nacional abriu unha investigación para aclarar as circunstancias da morte dunha muller...

Os Bombeiros volven alertar da situación: Santiago respondeu con 9 bombeiros ao que Toledo afrontou con 20

A situación do servizo municipal de bombeiros volveu ao centro do debate en Santiago...

Ames acende o Nadal cun acto participativo e homenaxe ao comercio local

A praza do Concello de Bertamiráns converteuse esta tarde no punto de encontro da...

Evacúan un home tras envorcar co seu vehículo en Ames

Un home tivo que ser evacuado tras envorcar co seu vehículo cerca do vello...

Ames impulsa unha nova edición de ‘Ilumina o teu sorriso’ para promover o comercio local

A Casa do Concello de Bertamiráns acolleu esta mañá a presentación dunha nova edición...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here