A Corporación municipal de Ames aprobou por unanimidade a Conta Xeral de 2024 do Concello e da EPEL Augas de Ames, que pecha o exercicio cun resultado positivo e un remanente de tesourería superior aos 6,5 millóns de euros. A concelleira de Servizos Económicos, Susana Señorís, destacou que o nivel de endebedamento situouse no 9,1% dos recursos ordinarios, “moi por debaixo do límite legal permitido”. Ademais, informou de que a entidade pública de augas presentou tamén un balance positivo no seu primeiro ano de actividade.
Na quenda de intervencións, a oposición coincidiu en censurar a execución orzamentaria. Desde Espazo Común, Luísa Feijóo advertiu da existencia de máis de 230 reparos de intervención por irregularidades en contratacións menores, mentres que o BNG, a través de Rosalía Seijas, cualificou as contas como mostra dunha “falta de planificación”. Pola súa banda, a popular Oliva Agra criticou a redución do investimento por habitante e acusou o goberno local de “xerar expectativas que logo non se cumpren”.
O pleno deu tamén luz verde a unha declaración institucional contra o xenocidio do pobo palestino en Gaza, impulsada polo grupo socialista e asumida por todos os grupos. O alcalde, Blas García, explicou que se trata dun texto aprobado pola FEGAMP e trasladado aos concellos.
Tamén se aprobaron por unanimidade a corrección de deficiencias en dous proxectos do POS+2025 en Villaverde (Piñeiro) e Aldea Nova (Ortoño), a resolución das alegacións presentadas pola empresa Os Ventos Innovación en Servizos SL, á que se lle impón unha prohibición de contratar co Concello durante tres anos, e unha nova corrección do PXOM de Ames, relativa ao núcleo rural de Framán.
No apartado de mocións, o pleno rexeitou unha proposta do BNG sobre a vaga de lumes forestais de agosto e a necesidade dunha política integral de prevención. O texto contou cos votos a favor do BNG e Espazo Común, a abstención do grupo de goberno e o voto en contra do PP.
O pleno ordinario, celebrado en setembro, incluíu ademais a información do alcalde sobre os decretos asinados desde a última sesión (219 en total) e as actas da Xunta de Goberno Local. A concelleira de Servizos Económicos presentou tamén os datos de morosidade do segundo trimestre, cun período medio de pago a provedores de 33,06 días, por riba do máximo legal de 30. Por outra banda, informou da actualización das contías das escolas deportivas municipais, que non se revisaban desde 2013 e que se incrementan para axustarse ao aumento xeral de custos e ao IPC.

