O concello de Ames acolleu un acto de lembranza aos coñecidos como ‘Homiños de Boimorto’, once veciños asasinados polas forzas fascistas o 20 de agosto de 1936. A súa memoria foi evocada pola bisneta de José Tojo, Alejandra Tojo, e pola voceira do BNG en Ames, Escarlata Pampín, que puxeron voz a aquelas vidas truncadas.
Alejandra Tojo evocou a figura do seu avó Abelardo, fillo de José, quen sendo neno agardou ata o final dos seus días o regreso do pai: “Pasaba dos 90, mais sempre foi aquel neno de 10 que agardaba ansioso a volta de seu pai… agardou ata o último intre”. Recordou tamén o momento no que José, tras recibir unha citación no Concello, saíu da casa vestido de domingo e díxolle ao fillo: “Neno, coida das vacas, eu logo volvo”. Nin el nin os outros dez detidos regresaron. Algúns foron abandonados nunha cuneta, outros soterrados en fosas comúns.
Pola súa parte, Escarlata Pampín subliñou a responsabilidade de manter viva a memoria: “Desde o BNG nin queremos nin debemos esquecer, nin a eles nin a moitas outras persoas que sufriron o terror fascista que terminou coas liberdades democráticas e os dereitos sociais e civís acadados coa República”.
A portavoz nacionalista destacou tamén que a imposición franquista tivo efectos prolongados no tempo e advertiu da importancia de comprender colectivamente a historia para evitar a repetición de ideoloxías opresivas: “Só coñecendo as etapas antidemocráticas da nosa historia comprenderemos os riscos das ideoloxías totalitarias e opresivas que defende a dereita máis reaccionaria”.

