InicioSANTIAGOAMESAmes activará en setembro un mercado de horta e artesanía para dinamizar...

Ames activará en setembro un mercado de horta e artesanía para dinamizar a economía local

O novo espazo, que funcionará os sábados pola mañá en Bertamiráns, contará con 13 postos e estará aberto a produtores e artesáns da contorna

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Ames porá en marcha a partir de setembro un novo mercado de produtos de proximidade e artesanía que terá lugar todos os sábados pola mañá na Praza da Maía, en Bertamiráns, entre as 10:00 e as 13:30 horas. A iniciativa insírese no Plan de Acción da Axenda Urbana municipal e busca reforzar o sector primario, fomentar o consumo responsable e converterse nun espazo de encontro veciñal.

O mercado contará con 13 postos de venda baixo unha carpa, con dimensións de 3×3 metros cada un, e estará aberto a produtores locais e das comarcas veciñas que cumpran os requisitos sanitarios e normativos para a venda ambulante. Poderán comercializarse produtos de horta, alimentos transformados e artigos artesáns, sempre que se acredite o certificado de manipulador de alimentos no caso dos destinados ao consumo humano.

O prazo para solicitar un posto abrirase este mércores, 31 de xullo, e rematará o 21 de agosto, aínda que as peticións poderán seguir rexistrándose durante o ano para cubrir posibles baixas ou vacantes. As solicitudes poderán presentarse telematicamente, a través da sede electrónica, ou presencialmente nas oficinas municipais de Bertamiráns e do Milladoiro.

Segundo explicou a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, o mercado pretende ser “un motor para a economía do sector primario de Ames e unha ferramenta para visibilizar a produción local”. A edil salientou que esta proposta nace para crear un espazo estable e accesible de compra-venda directa entre produtores e consumidores, ao tempo que se promove unha alimentación saudable e de calidade.

A presentación pública do proxecto celebrarase tamén o 31 de xullo ás 12:00 horas no Salón de Plenos do Concello, onde se detallarán os aspectos técnicos e normativos do funcionamento do mercado.

Este novo espazo non substitúe o tradicional mercado ambulante dos sábados pola tarde en Bertamiráns, que continuará celebrándose nas rúas Entrerríos e Ameneiral e na Praza do Concello. O seu horario manterase inalterado: de 16:40 a 20:30 horas no verán e de 16:40 a 19:30 horas no inverno.

ÚLTIMAS

Santiago prepárase para o desafiuzamento do Escarnio e Maldizer: máis de cen antidisturbios blindarán o casco histórico

Compostela afronta este venres unha xornada marcada pola tensión ante o inminente desaloxo do...

O sector do transporte denuncia “parálise” da patronal e advirte dunha folga indefinida

A patronal do transporte da Coruña e os sindicatos están convocados a unha mediación...

María Rozas clausura o obradoiro de emprego Genius e presenta a app ‘Inxenius’

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, clausurou...

Ames avanza na dixitalización do ciclo da auga coa execución do proxecto ‘Ames Dixital Water’

O Concello de Ames continúa avanzando na execución do proxecto estratéxico ‘Ames Dixital Water’,...

Ames avanza na dixitalización do ciclo da auga coa execución do proxecto ‘Ames Dixital Water’

O Concello de Ames continúa avanzando na execución do proxecto estratéxico ‘Ames Dixital Water’,...

O Concello de Ames garda un minuto de silencio polas vítimas do accidente de Adamuz

O Concello de Ames sumouse este luns á convocatoria impulsada pola Federación Española de...

Ames investiu máis de 393.000 euros na mellora das redes de auga, saneamento e drenaxe ao longo de 2025

O Concello de Ames, a través da súa entidade pública Augas de Ames EPEL,...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here