InicioSANTIAGOAMESAprobada a liquidación do orzamento de 2024 en Ames con récord de...

Aprobada a liquidación do orzamento de 2024 en Ames con récord de execución en investimentos

O Concello dá conta no pleno do resultado orzamentario do exercicio pasado, cun uso destacado do remanente e unha redución da débeda

Publicado o

Xornal de Compostela

O pleno ordinario de maio do Concello de Ames acolleu a dación de conta da liquidación do orzamento de 2024, aprobada mediante o Decreto 1488/2025 con data do 19 de maio. A documentación achegada pola área de Intervención destaca un volume de obrigas recoñecidas de 34,8 millóns de euros, a cifra máis elevada da última década, así como unha execución histórica no capítulo de investimentos, que superou os 7,6 millóns de euros.

Esta última marca representa un incremento de 2,5 millóns respecto ao ano anterior, segundo recolle o informe técnico. No global do exercicio, a execución orzamentaria acadou o 82,77 % dos créditos definitivos, un dato que, segundo valorou a concelleira de Servizos Económicos, amosa “non só a continuidade na prestación dos servizos municipais, senón tamén a súa mellora constante”.

En canto aos ingresos municipais, os dereitos recoñecidos netos sumaron 36,5 millóns de euros, cunha taxa de execución do 86,77 %, e destaca a eficacia na recadación de ingresos correntes, cun 98,50 % de execución. Tamén se rexistrou unha elevada execución no apartado de transferencias de capital, grazas á recepción dos fondos da EDUSI ao remate dos investimentos asociados. O resultado orzamentario axustado foi positivo en 130.259 euros, o que supón unha melloría respecto a 2023.

Outro dato salientable foi o remanente de tesourería para gastos xerais, que acadou os 6,58 millóns de euros, permitindo, segundo informou o goberno local, proceder á amortización total da débeda bancaria. Porén, detectouse un desaxuste de 1,89 millóns de euros en relación co obxectivo de estabilidade orzamentaria, atribuído ao uso do remanente e aos axustes nos ingresos da EDUSI.

O nivel de endebedamento municipal ao peche de 2024 situouse en 2,7 millóns de euros, o que representa apenas o 9,1 % dos recursos ordinarios. Esta cifra inclúe 725.784 euros de préstamos bancarios EDUSI —xa cancelados grazas ao suplemento de crédito 1/2025 aprobado en maio—, e 1,97 millóns de euros en préstamos provinciais vencellados aos plans provinciais desde 2015.

Na mesma sesión plenaria, a concelleira de Servizos Económicos tamén deu conta da execución orzamentaria do primeiro trimestre de 2025, salientando que o período medio de pago a provedores reduciuse a 20,64 días, fronte aos 25,09 rexistrados ao peche de 2024. “É importante que os nosos provedores cobren en tempo e forma. Queremos transmitir a mensaxe de que o Concello de Ames cumpre”, afirmou.

Ademais, foi aprobado un suplemento de crédito de 1.065.089 euros, financiado co remanente, co obxectivo de facer fronte a obrigas do exercicio anterior e amortizar débeda. Esta medida, segundo indicou a concelleira, permite “evitar prexuízos para os provedores e contención no prazo de pago”. En concreto, amortizáronse 665.703 euros de débeda financeira, o que se traducirá nun aforro en cotas e xuros a curto prazo.

Desde o goberno municipal defenden que “estes datos reflicten unha xestión económica responsable e eficaz”, cun uso eficiente dos recursos e unha aposta polo desenvolvemento sostible do concello.

ÚLTIMAS

O Concello de Santiago aproba novas licenzas de obra e reactiva a solicitude para declarar a cidade como zona de mercado residencial tensionado

A Xunta de Goberno Local de Santiago de Compostela aprobou este luns diversos acordos...

Maite Flores destaca que “hai partido” entre as dúas candidaturas ao reitorado da USC

A candidata á reitoría da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Maite Flores, reivindicou...

Un estudo do IDIS apunta que un fármaco usado contra a gota podería axudar a combater a osteoporose

A revista científica Pharmaceutics publicou un traballo do grupo de Patoloxía Musculoesquelética do IDIS,...

O PSOE pregunta ao Goberno de Santiago cando licitará as cafeterías dos parques municipais tras quedar deserto o concurso o pasado verán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago levará ao pleno deste mes unha pregunta sobre...

Ames estrea o documental ‘8M A Voces’ no acto central do Día Internacional da Muller

O Concello de Ames celebrou este sábado o acto central de conmemoración do 8...

Ames organiza o espectáculo ‘Garavanciña’ de Migallas Teatro dentro da programación do programa Apego

O programa Apego continúa a desenvolver a súa programación de actividades para o primeiro...

UCIN insta a PP e BNG a promover unha moción de censura no Concello de Ames

O coordinador de José Luis Calo, representante de UCIN, fixo pública a súa petición...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here